O inverno impregnouse en xaneiro, algo do que parecera perder a rutina. Primeiro frío e logo chuvia intensa, que deixan a moitos campos da provincia non óptimos para a práctica do fútbol. Tras o temporal de inverno da última finde, quedan cinco partidos pendentes por xogar na Segunda Futgal.
A falta de que os equipos se poñan ao día, xaneiro remata cos campións de inverno da categoría fóra do primeiro posto. O Folgueiro lidera momentaneamente o grupo norte, xa que o Iberia ten un partido por desputar na Pontenova. O Becerreá colocouse na cabeza do sur, pero ao Ferreira quédanlle uns trinta minutos por competir do seu encontro co Brollón.
Cada xornada de xaneiro tivo un líder diferente na zona sur. Primeiro, o San Roque, volveu o Ferreira e agora o Becerreá, a espera de que o conxunto de Pantón recupere a súa cita suspendida. Previsiblemente será o sábado 22 de febreiro. Xusto na véspera do Ferreira – Quiroga e do Palas – Brollón.
Tras a conxelación de O Noso 11 a Chaira nestas primeiras semanas do ano, podemos confirmar que a crecida non os levou río abaixo. Traemos os onces das xornadas 16, 17 e 18 (a espera de que se complete esta no norte).


O Folgueiro alcanza os 40 puntos
Os pupilos preparados por Manuel Vicente comezaron o ano dun xeito inmellorable en canto a resultados. Xogaron os tres partidos na casa, porque pediran comezar a liga a domicilio ao estar Boa Vista en obras. Gañáronlle á Piringalla, ao Muimenta e a Candelaria.
Son líderes con dous puntos de marxe sobre o Iberia (un partidos menos) e nove con respecto ao Riotorto, ao Xermade e ao Celta Barreiros (estes dous últimos tamén cun partido menos). Cando se xogue o Iberia – Folgueiro a mediados de abril, quedarán tres xornadas máis por desputarse.
O único pero do Folgueiro é que encaixaron un gol en cadanseu encontro. Con todo, o acerto a favor acompaña. Kiños con 10 goles, Oki con 9 e Zeus con 8 repártense as principais cifras goleadoras do conxunto.

O Iberia perdeu por primeira vez
O equipo de San Miguel de Reinante estivo invicto 16 xornadas. Logo de comezar o ano na liga empatando co Guitiriz, perderon nas Valgas, nun encontro moi igualado e de sete goles, co Riotorto.
Non puideron resarcirse da derrota, porque a cita co Sporting Pontenova na Mina foi suspendida polo temporal. Non hai data fixada para recuperala. Nalgunhas categorías van empregar a finde do Entroido, pero nesa data tanto os pupilos preparados por Moro como o cadro pontenovés teñen fixadas as súas respectivas eliminatorias dos dezaseisavos de final da Copa Deputación.
Sensacións encontradas no Riotorto
Xaneiro non foi de todo un bo mes para o equipo riotortense. Capaz de facer caer ao líder por primeira vez no curso, perdeu na casa co Celta Barreiros e a pasada finde tamén co Casás.
Aínda así, o equipo estaba nunha boa liña, logo da chegada de Roberto Ramallal. Impulsado por reforzos como Parapar, Borja Silvosa, Coedo e Róber Sánchez, o club aumentou o potencial para tratar de conseguir o ascenso. O liderado está a nove puntos.
Xermade: un día menos para que volva Mario Fraga
O Xermade non xogou a pasada finde o partido co Sanci. Con todo, a gran nova da semana foi a operación de Mario Fraga ‘Fraguita’. O xogador pontés sufrira a mediados de decembro na Pontenova unha grave lesión de xeonllo. Esta semana pasou polo quirófano e agora comeza a súa recuperación. Dende aquí, todo o noso ánimo.

O inicio de 2025 foi unha de cara e outra de cruz para os futbolistas preparados por Borja Bouza. Gañáronlle ao Muimenta na casa e perderon coa Candelaria fóra.
Están a sete puntos da fase de ascenso e a nove do líder (un partido máis). Febreiro pode ser clave. Visitan ao Alfoz, nun moi bo estado de forma, e teñen duelos directos co Celta Barreiros e o Riotorto.
Herminia cortou o bo momento do Celta Barreiros
O conxunto do Cascabeiro comezara ben o ano. Derrotara ao Riotorto a domicilio e fora moi contundente no triunfo ante o Casás. Nese encontro lucirase Javi Andina cun hat-trick e ascendera a súa conta goleadora global a 7 tantos.
Contaba seguir coa boa xeira ante o Cospeito, pero a cita tamén foi cancelada. Tocaralle volver xogar na casa ante o Mondoñedo.
As dúas vitorias de comezo de ano colócano con 31 puntos, os mesmos que o Xermade e o Riotorto (cun partido máis).
O Casás volve ao camiño da vitoria
Tras empezar xaneiro avanzando eliminatoria na Copa, o club capitalino enlazou dúas derrotas seguidas na liga. Primeiro ante o Alfoz, que precisamente lle «cobrou» o da Copa, e logo co Celta Barreiros.
Non obstante, o triunfo volveu chegar na xornada 18 ante o Riotorto no Municipal Rodríguez Lago. E iso que os visitantes se adiantaron por medio de Róber Sánchez. Adrián Román empatou rápido e no último tramo de partido Seco e Michel marcaron os goles do triunfo.
O máis negativo é que Michel foi sancionado con catro encontros por «agredir a outro, sen causar lesión […] unha vez finalizado o partido», segundo recolle o comité de competición.
O Casás é 6º con 29 puntos.
O Alfoz no seu mellor momento
De menos a máis foi o Alfoz en sensacións este curso. A pesar doutro baixón de resultados en decembro e quedar eliminado da Copa, na liga conseguiron tres vitorias de gran valor.
Venceron a domicilio ao Casás, superaron ao Cospeito na casa e derrotaron ao Mondoñedo no Viñas da Veiga no Derbi do Mariscal. No encontro do Municipal luciuse Dani Jiménez. O dianteiro da parroquia de Mor anotou catro goles.
Nove puntos do tirón que achegan a salvación aos pupilos adestrados por Javi Chinchón. Ocupan a 7ª praza con 27 puntos, 15 de marxe co descenso e a 11 do play-off (cun partido menos).
Sporting Pontenova: o regreso de Pasarín
O conxunto pontenovés tivo que aprazar o seu partido co Iberia. Comezara o 2025 perdendo co Cabreiros, pero recuperárase desa derrota cun triunfo ante o Guitiriz.
Neste mes, os da Mina tiveron a boa nova da volta de Adrián Pasarín. Un dos chamados ‘clásicos’ do equipo viste novamente a negra e amarela tras a súa última saída en 2022.
Son 8º, con 27 puntos.
O Sanci, mellorando o final de 2024
Os pupilos preparados por Javi Ruiz chegaran a Nadal con tres derrotas consecutivas e en Reis quedaran eliminados da Copa. Con todo, na liga comezaban a recuperarse en canto a resultados. Derrotaron ao Cospeito pola mínima e empataran na casa ante un bo Mondoñedo.
O partido co Xermade tivo que ser cancelado e o equipo queda 9º con 26 puntos.
A Candelaria, todo tipo de resultados
A Candelaria foi un dos oito equipos que puido xogar os tres encontros de liga en xaneiro. É 10ª, acumula 25 puntos tras empatar, gañar e perder.
Igualou co Mondoñedo no Viñas da Veiga, superou ao Xermade na Granda e caeu co poderoso Folgueiro.
Os dous próximos partidos poden ser claves para dar un paso de xigante para afastarse da zona baixa. Reciben ao Cabreiros, nesta fin de semana de festas da Candeloria, e visitan ao Guitiriz, os dous conxuntos que están por baixo na clasificación.

Reforzo de luxo no inverno para o Cabreiros
O Cabreiros continúa medrando xornada a xornada. Despois dun mal inicio, suma 20 puntos e deixa o descenso directo a 8. A vitoria da pasada finde ante o Muimenta (3-2) foi crucial.
Un dos grandes culpables da traxectoria do equipo é Chema Lladró. O futbolista pontés acumula 14 goles sen ser dianteiro. É o segundo máximo goleador do grupo.
Chema foi o encargado de poñer por diante aos seus tamén ante o Muimenta. O cadro celeste logrou a remontada momentánea ao inicio do segundo tempo. Iago e Jairo marcaron. Con todo, nos intres finais, o central Cristian igualou e antes do asubío final, o propio Chema deixou os tres puntos na casa.
Non estivo neste último encontro David Echavarri, a gran fichaxe de inverno do Cabreiros. O dianteiro navarro de 32 anos chegou a Acea tras pasar pola Sarriana, o As Pontes e o Ribadeo no fútbol galego. Con estes equipos desputou algo máis de 3.000 minutos en Preferente.
Cando se recupere da súa lesión, tamén será unha incorporación Álex Fresco. O pontés coñece ben unha casa na que estivo durante varias tempadas. Regresará procedente do Roupar.
A vitoria resístese no Guitiriz dende novembro
O conxunto guitiricense comezou o ano en liga sacando un bo punto ante o daquela líder Iberia, que aínda se mantiña invicto. Logo, os pupilos de Míchel caeron na súa visita á Mina. A cita coa Piringalla foi suspendida.
Nesta temporada de transición para o grupo do Suso Cruz, os resultados non acaban de acompañar. Acumulan seis partidos sen gañar na competición regular. Con todo son 12º, con 19 puntos, sete de marxe co descenso.
Este domingo teñen un duelo directo co Muimenta, que marca a zona de descenso (agás que haxa un arrastre, difícil, pero non imposible). Unha vitoria no Pichón permitiríalles afrontar os encontros restantes con máis tranquilidade.
A Piringalla celebra a súa segunda portería a cero
O conxunto capitalino encaixou dúas goleadas das que doen para comezar o 2025. Primeiro co Xermade e logo co Folgueiro. Na última finde igualou sen goles no duelo directo co Cabreiros.
O punto, ademais de facer valer a súa bagaxe defensiva, sérvella para deixar a seis puntos ao Muimenta. Precisamente ante o cadro celeste foi a outra ocasión da tempada na que a Piringalla non encaixara. Daquela gañara 3-0, un resultado de moito valor agora na pelexa pola salvación.
Mondoñedo, á espera de que os resultados cumpran coas sensacións
Os xogadores dirixidos por Setxu adoitan dar boa imaxe nos globais dos partidos. Con todo, os resultados tampouco acaban de acompañar.
Aínda así, sumaron dous puntos no inicio de ano ante os dous clubs do concello de Cervo. Primeiro coa Candelaria no Viñas da Veiga e logo co Sanci na Veiga. Na última xornada perderon pola mínima no Derbi do Mariscal co Alfoz.
O equipo mindoniense é antepenúltimo, conta con 17 puntos, cinco máis que o Muimenta. Quen sabe como andará a situación na última xornada, cando hai axendado un Muimenta – Mondoñedo.
O 2025 non mellora a tendencia do fútbol sénior no concello de Cospeito
O Muimenta e o Cospeito están vivindo unha temporada difícil na competición. As circunstancias non se poden comparar, porque son particulares, pero as consecuencias na clasificación son similares no referido a estar na zona de descenso.
Con todo, o Muimenta ten aínda opcións de salvación. A derrota en Cabreiros foi dura, ao igual que non axudou caer ante o Folgueiro e o Xermade. Porén, o peor foi a lesión do porteiro Noche en Boa Vista. O gardamallas vilalbés, peza chave no equipo, perde o que quede temporada tras romper o peroné. Dende aquí tamén, todo o noso ánimo.
Javier Alonso ‘Cancio’, que vén tamén dunha lesión, asume os mandos baixo paus. O porteiro de Luaces, de 44 anos, tentará axudar ao club a pelexar ata o final pola salvación. O antepenúltimo posto está a cinco puntos. O encontro deste domingo no Pichón co Guitiriz é clave, xa que de gañar poñeríanse a catro deste rival.
A situación do Cospeito é moito máis complexa. Ao rente de comezar a campaña, decidiron saír a competir cun equipo moi novo e inexperto. Polo momento sumaron tres empates e a salvación semella utópica.
Neste 2025 caeron pola mínima co Sanci e foron derrotados polo Alfoz. A pasada finde suspendeuse o partido que se ía xogar na Fonte co Celta Barreiros.


Todos os encontros da 18ª xornada na Segunda sur comezaron. O único que non acabou foi o Ferreira – Brollón, suspendido a falta dunha media hora con 0-0 no marcador. Non obstante, a maioría dos clubs coinciden en que foi un erro xogar nas circunstancias nas que estaban os campos.
O Becerreá aprovéitase para colocarse líder
O partido inacabado do Ferreira, permitiulle ao Becerreá subir ata a primeira praza. Os pupilos adestrados por Javi Gómez comezaron o ano perdendo co Santa Comba. Agora enlazaron dúas vitorias seguidas (Palas e Rubián) e acumulan 37 puntos, empatados co San Roque e con dous puntos sobre o Ferreira (un partido menos).
Resultou decisivo o tanto de Higinio na cita co Rubián. O xoven xogador de Cervantes anotou o único gol do partido cando este xa entraba na súa recta final.
O San Roque non perde o fío
O conxunto capitalino atópase nun gran momento, tras xa probar a ser líder durante unha semana. Iniciou o 2025 superando ao Incio, empatou co Brollón nos Medos e venceu ao Portomarín na última xornada.
A maiores das importantes fichaxes de antes do Nadal, o equipo preparado por Piru conta coa boa irrupción de xogadores xuvenís. Bruno e Sito foron dous dos comandantes dos seus no triunfo no Polvorín.
O Ferreira deberá agardar
Tras caer ante o Chantada B na primeira xornada da 2ª volta, o club de Pantón recuperárase cun triunfo ante o Incio. O duelo directo co Brollón da pasada finde foi suspendido ao pouco de cumprirse a hora de xogo. O campo do Baliño xa non estaba nun nivel óptimo para xogar, pero o detonante foi a marcha da electricidade en toda a vila. A escaseza de luz obrigou a pospolo encontro.
Agora o Ferreira queda momentaneamente na 3ª praza, sabendo que San Roque e Becerreá teñen dous puntos máis.
O Santa Comba tamén é revelación no inverno de 2025
O conxunto da parroquia lucense do mesmo nome está sendo un dos grandes triunfadores do ano. Tras ascender en 2024, leva practicamente todo o curso na parte alta da táboa clasificatoria.
Derrotou ao Becerreá no Municipal, perdeu pola mínima co Páramo e vén de gañarlle ao Palas. Nuns Chacotes encharcados, os visitantes aproveitáronse mellor do seu fútbol directo. Marcaron Núñez e Borja.
O Santa Comba é 4º con 35 puntos (os mesmos que o Ferreira cun partido menos). Atópase a dous puntos do posto de play off e do liderado.
O Paradela recupera sensacións en 2025
O Paradela acabara o ano con dúas derrotas, pero acumula en xaneiro dúas vitorias e un empate que o levan a 5ª praza con 34 puntos, a tres do líder.
Venceu ao Palas na casa, ao Rubián a domicilio e empatou co Chantada B tamén fóra. Cun bloque ben armado e con futbolistas como Romy ou Raúl marcando a diferenza nas súas zonas, o equipo segue medrando. Iso que xa perdeu a Ospina, a flamante fichaxe de inverno que viña procedente do Oural, pero que agora xa forma parte do Escairón.
Friol, mellor equipo da 2ª
Hai varios conxuntos nun bo momento, pero o mellor atopámolo na 6ª praza. Aínda non é a xeira do Castroverde, pero o Friol acumula seis triunfos consecutivos. Logo dun comezo irregular, os pupilos de Martín están amosando o seu potencial. Xa suman 30 puntos (18 nos últimos dous meses) e están a un paso de entrar nese tren de cabeza.
Neste xaneiro superaron ao Brollón, ao Portomarín e ao Lemos B. Volveu o gran aporte goleador de Dani Roca. Leva 7 tantos en liga en 2025.
O Brollón tamén a espera
Os xogadores preparados por Chura comezaron o ano cunha dura derrota en Friol. O empate ante o San Roque non foi de todo negativo, pero impediulle volverse meter definitivamente nese grupo destacado dos de arriba.
Agora quédalle recuperar esa media hora de xogo no Baliño, que lle podería axudar a auparse para arriba. Ocupan a 7ª posición con 30 puntos, os mesmos que o Friol. Están a sete dos dous primeiros postos.
O Palas pasa polo seu peor momento de resultados
O equipo dos Chacotes perdeu os seus tres partidos deste xaneiro. Acumula catro derrotas seguidas na liga e ocupa a 8ª posición con 26 puntos. Ata o momento non lle pasara esta mala xeira na temporada. Certo é que os últimos rivais foron os tres da parte alta. Perdeu co Paradela, Becerreá e Santa Comba.
Con todo, o equipo deu a cara ante un Santa Comba que se puxo 0-2 no marcador. Non estiveron lonxe de empatar nun partido de pouco fútbol e con polémica.
O Portomarín en 25
O grupo adestrado por Diego Rey sitúase 9º con 25 puntos. Non gañou en 2025. Empatou na primeira xornada da segunda volta ante o Quiroga. Logo perdeu co Friol e co San Roque, amosando o seu enfado coa actuación arbitral, principalmente no último encontro, no que chegaron a igualar o gol inicial do San Roque por medio de Bilal, pero no que acabaron caendo.
A distancia xa é considerable coa zona alta, pero o calendario sempre da oportunidades. Ferreira, Antas, Paradela e Becerreá son os rivais de febreiro.
Sete puntos do Páramo como na primeira volta
O Páramo comezara moi ben a liga nesta campaña do seu regreso á categoría. A segunda volta iniciouna de xeito parecido. En ambos momentos, nas tres primeiras xornadas sumara sete puntos. En xaneiro gañoulle ao Lemos B e ao Santa Comba e empatou co Quiroga.
Febreiro non dá respiro e o cadro das Rapadas recibirá na casa ao Friol e ao Ferreira. Fóra visitarán ao San Roque e ao Antas.
Ao Antas resísteselle a vitoria
O cadro da Ulloa empatou co Rubián, perdeu co Chantada B e igualou co Incio. A falta de vitorias impídelle escapar de todo desa zona media baixa. O equipo é undécimo con 19 puntos, seis máis que o descenso.
O Antas puido levarse a vitoria ante o Incio. Puxéronse por diante xusto antes do descanso. No segundo tempo non pecharon o partido e o cadro amarelo remontou momentaneamente. No tramo final, os locais igualaron a balón parado. Destacou a estrea do xuvenil Jorge Veiga co primeiro equipo.
O espertar do Chantada B
O filial chantadés é o equipo que máis puntos fixo neste xaneiro na zona baixa, case a metade do total da temporada. Logrou sete puntos dos 16 que ten agora. Puido novamente co Ferreira, gañoulle ao Antas e empatou co Paradela.
Este último foi igualado no primeiro tempo. Os goles chegaron ao comezar o segundo acto. Primeiro un en propia a favor do Chantada B. Aos dous minutos Romy empatou e aí os visitantes atopáronse mellor. Con todo, os locais resistiron e conseguiron un punto de prestixio.
O Incio achégase a zona perigosa
O club amarelo é 13º con 14 puntos, un máis que a zona de descenso. Tras perder co San Roque e co Ferreira, empatou co Antas.
Chomi logrou os dous goles desta última igualada no Castro Seoane. Os dous tantos chegaron de maneira similar, a centros de Xosé. O Incio protestou o gol local que lles deu o empate definitivo, ao entender que o xogador rival lle dera coa man.
O descenso, nun partido
A zona máis baixa da clasificación está moi igualada. As últimas tres posicións ocúpanas o Lemos B (13 puntos), e en descenso o Rubián (13 puntos) e o Quiroga (10 puntos).
En xaneiro, o filial lemista logrou un triunfo moi importante ante o Quiroga, equipo ante o que ten gañado tamén o gol average. Nun inverno condicionado polos cambios na dirección do club e, en consecuencia, no primeiro equipo, a salvación decidirase entre marzo e abril con tres duelos directos seguidos: Rubián, Chantada B e Incio.
O Rubián caeu a zona de descenso ao sumar tan só un punto polo momento neste 2025. Empatou co Antas e perdeu co Paradela e co Becerreá. Con todo, non se veu abaixo ante os seus rivais, no último encontro estivo moi vivo. O peor foi a lesión de Fleire, que se tivo que retirar no segundo tempo.
O Quiroga continúa de último clasificado, pero puntou nos dous encontros xogados no San Martiño. Primeiro co Portomarín, onde marcara Mario gol co primeiro equipo, tras facer un hat-trick esa finde co xuvenil, e esta pasada xornada co Páramo, nun día de Fútbol na Lama.



Foto de portada: Richard Vázquez, delegado do Brollón, a última fin de semana de xaneiro no campo do Baliño, en Pantón. Autora: Mariluz Fagín