#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

O Viveiro suma a segunda vitoria consecutiva en Cantarrana

O Trío de Ases Panadería do Cantón déixanos, na Terceira RFEF, unha importante vitoria para o Viveiro que o mantén moi vivo na pelexa pola permanencia. Foi en Cantarrana diante do Somozas. A Sarriana, no debut de Jaime Paz no banquiño na súa segunda etapa na Ribela, rematou en empate fronte ao Silva. O Racing Vilalbés caeu na Madalena diante dun Barco en racha con Brais Prados no banquiño.

Na Preferente, gran triunfo do Pol no Municipal diante do Negreira. O Lemos empatou na súa saída ao campo do Ribadumia, mentres que o Chantada caeu no Sangoñedo fronte ao San Tirso e o Burela saiu goleado do feudo do Sofán.

TERCEIRA RFEF

A Sarriana iguala na Ribela co Silva na reestrea de Jaime Paz (1-1)

Semana de trocos na Sarriana coa saída de Alberto Mariano e a chegada dun vello coñecido. Jaime Paz, logo de rematar a súa aventura chinesa retornou ao banquiño da Ribela. A súa reestrea non puido rematar en vitoria. A boa saída ao campo da Sarriana viuse truncada por un erro na saída de balón que aproveitou Parafita, a servizo de Carro, para adiantar ao cadro coruñés. O tanto condicionou aos locais, que tiveron uns minutos de desaxuste. O conxunto sarriao recompúxose e gozou dunha oportunidade inmellorable para marcar cun lanzamento de penalti que errou Iago Parga.

No intermedio, Jaime Paz moveu o banquiño coa entrada de Arona e Pascu nas bandas e deixou a Álex Pérez como referencia ofensiva e Osian de enganche. A Sarriana mellorou moito as súas prestacións e logrou empatar noutra pena máxima que desta volta transformou Álex Pérez. Os locais contaron con moitas chegadas á área rival e Osián contou coa ocasión máis clara para que os tres puntos quedaran na casa.

O Racing Vilalbés cae na Madalena ante un Barco enrachado (1-3)

Non gaña o Racing como local desde o mes de setembro. Desta volta caeu diante dun Barco que é dos mellores visitantes da categoría, e suma seis de seis co lucense Brais Prados no banquiño. Os chairegos entraron mellor ao partido, pero víronse sorprendidos polo rival no seu primeiro achegamento, cunha boa xogada individual de Raúl que rematou en gol. Reaccionaron de contado os de Juan Rodríguez cun gol de cabeza de Borja Míguez. Estivo ben o cadro local con balón e tivo máis cheegadas á área rival. Preto do descanso, nunha xogada desafortunada, Vérez marcou en propia porta ao querer despexar un centro á área e o Barco marchou ao descanso por diante.

No segundo tempo, o Barco non tardou en ampliar diferencias nunha rápida transición que culminou Raúl. Co encontro moi costa arriba, o Racing Vilalbés tentou recurtar diferencias. Borja Míguez, Sergio Otero e Rodri contaron con ocasións, pero sen acerto para chegar ao tramo final con opcións de sumar.


Triunfo de mérito para o Viveiro fronte ao Somozas en Cantarrana (2-1)

Tres puntos de ouro para os mariñáns nun encontro condicionado polo estado de xogo do céspede de Cantarrana, moi brando debido ás chuvias do últimos días. As cinco baixas dos locais non foron obstáculo para os de Marcos Pereiro, que puxeron o encontro moi ao seu favor na primeira media hora de xogo. Rolle abriu o marcador nun gran golpexo de balón e pouco despois Lucas, cun bo disparo desde dentro da área ampliou diferencias no marcador. O Somozas reaccionou de contado e tras unha boa xogada o viveirense Aldán rematou inapelable ao fondo da portería. Ata o descanso, o Viveiro logrou frear o ritmo dos de Stili, que non gozaron de ocasións.

Na segunda metade, o Viveiro agardou repregado e foi quen de de xerar moitas máis ocasións que o rival. Dani, Cora e Izan gozaron de ocasións moi claras para ampliar diferencias, malia que o dominio territorial correspondeu a un Somozas que inquedou a portería de Ayoub sen demasiado acerto.

PREFERENTE FUTGAL

O Pol remonta fronte ao Negreira e sitúase a un punto do líder (3-1)

Gran partido o disputado no Municipal diante dun equipo que chegaba líder e está chamado a pelexar ata o final polo ascenso á Terceira RFEF. O Pol, acuciado polas baixas, con só trece xogadores do primeiro equipo, soubo competir á perfección e igualou o xogo do rival nun primeiro tempo parello no que ámbolos conxuntos pelexaron por ter a posesión do balón e no que apenas se viron ocasións de gol. No único desaxuste defensivo do Pol, chegou o gol do Negreira, obra de Rulo tras servizo de Alberto Freire. Foron os peores minutos dos de Ramón Labrada, aínda que Javi Liz non chegou a pasar apuros.

Tras o paso por vestiarios o Pol estivo mellor e non tardou en chegar a remontada. Luis Díaz igualou cun bo gol e só tres minutos máis tarde Fito fixo o segundo. Con máis de vinte minutos por diante, o visitante Joel Lagares foi expulsado. Malia xogar en inferioridade, o Negreira non lle perdeu a cara ao partido e buscou o empate. Nunha contra, chegou a sentencia. O xogador do filial Dani conectou con Fito, que cunha vaselina superou ao gardameta Jose.

O Lemos racha a xeira de dúas derrotas cun empate no campo do Ribadumia (1-1)

Un punto insuficiente analizados os noventa minutos de xogo, pero que serve para rachar coa xeira de dúas derrotas dos monfortinos. O Ribadumia marcou no seu único acheegamento á portería de Losada en todo o encontro, nunha transición que culminou Félix. O Lemos empatou o encontro antes do descanso grazas a un tanto de Herrero.

O segundo tempo foi un monólogo dos de Alberto López que contaron con numerosas ocasións para marcar, sobre todo no último tramo de encontro cando o Ribadumia quedou con dez por dobre cartón amarelo de Cheri. Aragón, Musa e Caden tiveron as máis claras para o Lemos, pero non estiveron atinados.

Remata a boa xeira do Burela na súa visita ao campo do Sofán (5-1)

Non foi quen de sumar un Burela que viña de manter a súa portería a cero nos últimos encontros. Malia o bo comezo dos de Julio Castro, os locais lograron adiantarse nun córner que Iván rematou ao fondo da portería. O tanto non lle sentou ben a un Burela que viu como o Sofán deixaba o encontro case que sentenciado antes do descanso. Montero, tras unha gran xogada individual, e Martín noutro saque desde o curruncho anotaron para os carballeses.

Os mariñáns tentárono nun bo comezo de segunda metade, xerando perigo a través do xogo por ambas bandas, pero un erro defensivo que culminou en gol Braian, rematou coas esperanzas de obter algo positivo no Carral. Julián fixo o quinto nun bo lanzamento de falta e xa preto do final Manu anotou o gol da honra para o Burela cun disparo desde a frontal.

O Chantada cae no desconto fronte ao San Tirso no Sangoñedo (1-2)

Non puido sumar o Chantada diante dun dos mellores equipos da Preferente, o San Tirso, novo líder. O primeiro tempo resultou parello, sen demasiadas ocasións para ningún dos dous conxuntos. Hamza gozou da ocasión máis clara para os locais, mentres que os visitantes só inquedaron a Moncho nun par de centros laterais. Pero foi moi preto do intermedio, cando os visitiantes se puxeron por diante cun gol «psicolóxico«, tras un barullo na área que resolveu Gabri.

No segundo tempo, o Chantada tentou rachar a ordeada defensa do San Tirso. Traste correu riscos co obxectivo de lograr unha igualada que se resistiu ata o minuto 89. Un centro medido de Brais Mariño foi cabeceado de maneira inapelable por Sergio ao fondo da portería defendida por Adrián Ríos. Cando o empate xa parecía definitivo, os visitantes lograron o tanto da vitoria noutra segunda xogada que finalizou novamente Gabri, tanto que supuxo un excesivo castigo para os chantadinos.

FOTO DE PORTADA: Facebook Viveiro CF

O Viveiro suma a segunda vitoria consecutiva en Cantarrana

Brais Prados (Barco): «Non hai forma de

O Viveiro suma a segunda vitoria consecutiva en Cantarrana

O Viveiro suma a segunda vitoria consecutiva