Muñiz e Víctor, imperiais nos grandes pases do Goiriz e do Abadín

O 2025 futbolístico comezou coa Copa Deputación. A primeira fin de semana do ano xogouse a maior parte das eliminatorias da 1ª rolda do torneo. Ao igual que acontece na competición da Preferente + 1ª, na da 2ª e a 3ª tamén houbo sorpresas. O Goiriz e o Abadín foron os clubs da zona norte que eliminaron a dous equipos da Segunda.

Muñiz no Goiriz e Víctor no Abadín foron protagonistas nos respectivos pases de eliminatoria ante o San Ciprián e o Mondoñedo. Repasamos o que deu de si a Copa na zona norte, cuns dezaseisavos de final que chegarán na fin de semana do entroido.

O Matela xa espera ao Cabreiros

Dous dos equipos que loitan pola salvación no grupo norte da 2ª xogáronse un posto nos dezaseisavos de final. O Cabreiros e o Muimenta viviron un encontro de moitos goles (4-3), que se decantou nos últimos intres a favor dos pupilos preparados por Isaac Rouco.



Un ex do conxunto celeste, Ches, abriu o marcador para os locais. Ao momento, Chema ampliou vantaxe. Con todo, Jesús volveu meter aos seus no partido, logo do mal inicio. Á media hora, Cabreiros puxo o terceiro debido a un gol en propia de Míchel. Antes do descanso, Javi Morán volvíalle dar ás aos visitantes.

No segundo tempo, os locais non sentenciaron e o Muimenta empatou. Jairo Gegunde amosou unha vez máis a súa calidade. Cando parecía que a eliminatoria se decidiría nos penaltis, un mal saque do gardamallas Antonio, deixoulle o balón a Joan Tembrás. O atacante pontés aproveitouno e marcou o gol da vitoria.

O Matela, exento nesta primeira eliminatoria, será o rival do Cabreiros en dezaseisavos. O partido desputarase co Matela como local, no campo de San Lourenzo de Aguiar.



O Folgueiro visitará ao Celeiro

Haberá un duelo mariñán aínda máis próximo nos dezaseisavs. O Celeiro leva a Copa a Trasvías, tras superar á Comercial (0-2). Martín Rodríguez regresou pola porta grande ao banco. Controlaron o partido, tras adiantarse ao cuarto de hora por medio de Tommy Paolo e anotar o segundo antes do descanso a través de Mora.

Será o Folgueiro quen acuda a Trasvías, logo de derrotar á Candelaria (1-4). O cadro local presentouse con baixas. Unhas das que máis se notou foi a do gardamallas Jacobo, sancionado da pasada edición do torneo na que o equipo chegara ás semifinais. O vento tamén condicionou o transcurrir do partido.

O Folgueiro púxose con vantaxe xa no primeiro tempo. Aarón anotou un dobrete, ademais dos goles de Shuster e Kiños.

O Cazás vence no derbi e recibirá ao Cospeito



O Cazás fixo valer a súa condición de equipo superior que ata o momento amosou na liga e tamén o poderío no Catro Ventos. Derrotou ao Roupar (4-2). Ao cuarto de hora, Vizo puxo por diante aos locais ao cuarto de hora. Os visitantes xeraban perigo á contra e, antes do descanso, igualou Moha.

No segundo acto, o conxunto verde mesmo logrou a remontada momentánea por medio de Adil. Foi co gol de Bruno, tras regatear ao porteiro, co que espertaron novamente os locais. Aínda así, non o puxo fácil Anxo, o xoven porteiro do Roupar. Con todo, no tramo final, Lois logrou o terceiro nun córner e Diego pechou a conta ao contragolpe.

O Cazás mantén a Copa no seu campo, xa que o seu rival será o Cospeito (2ª Futgal). Non obstante, o cadro cospeités atópase no seu peor momento deportivo dos últimos anos. Chegou exento aos dezaseisavos.

O Castroverde revivirá as súas citas co Casás

O Castroverde accede aos dezaseisavos ao eliminar ao Rioaveso (2-0). Encontro de fútbol directo entre dous equipos da parte alta da Terceira Futgal. O estado da Veiga do Olmo condicionou o xogo, como na maioría de encontros da fin de semana tras as intensas choivas. Ao descanso, mandou o gol do local Borja nunha xogada por banda.

No segundo acto, unha parede entre Pablito e David, permitiulle ao dianteiro da Carraceira anotar o segundo e darlle máis tranquilidade aos seus. Os pupilos preparados por Asier Lozano tamén se achegaron a área rival, pero non tiveron a fortuna doutras tardes.

O Casás será o seguinte equipo en visitar a Veiga do Olmo na Copa, logo de xa xogar o ano pasado na liga, na súa primeira temporada no fútbol sénior. O club capitalino venceu ao Alfoz (1-2). Encontro condicionado tamén polo vento que souberon dominar mellor os de Lugo capital. O Casás aproveitou ben as súas ocasións ante un Alfoz brando nas dúas áreas.

Os visitantes mesmo se puxeron por diante co vento en contra. Marcou Seco. No segundo tempo Román fixo o segundo. Xerou máis o Alfoz na segunda metade, pero só marcaría nos últimos minutos por medio do capitán Valea a saída dun córner.

O Riotorto-Iberia emana como a gran eliminatoria dos dezaseisavos

Son dous dos equipos punteiros da Segunda. O Iberia líder con vantaxe, tras a primeira volta, e o Riotorto 3º e con ansias de seguir subindo. Iso si, antes de verse na Copa, xogarán na liga.

O Iberia derrotou na Reigosa ao Friol B (0-3). Segundo ano consecutivo no que se produce o mesmo cruce. O vixente campión acabou amsando a súa superioridade, logo dun primeiro tempo igualado. No segundo acto, si que Dani Prieto logrou un dobrete rápido. Nos últimos minutos sentenciou Carlos.

O Riotorto amosou a súa superioridade no primeiro tempo do Suso Cruz e acabou gañando 1-3 ao Guitiriz. Óscar López, máximo goleador da zona norte da Segunda, e Panchito, con dous goles, déronlle unha vantaxe de tres tantos ao descanso.

No segundo tempo, o Guitiriz, con só 13 xogadores en convocatoria, non se veu abaixo. Xerou oportunidades, atopou o gol por medio de Jose Manuel Lorenzo e pelexou ata o final polo segundo.

O Abadín sae vencedor do Derbi do Fiouco e recibirá á Piringalla

A única eliminatoria que se resolveu por penaltis foi a do Abadín co Mondoñedo (1-1 e 4-3). Os visitantes foron superiores no primeiro tempo. Xeraron ocasións para poñerse por diante, pero atopáronse cunha boa actuación do gardamallas Víctor.

Iso si, os locais tamén acusaron as baixas. Mesmo no transcurso do partido retiráronse mancados Cristian e Regueira. Xusto despois de marchar o capitán, marcou o Mondoñedo. Rivas puxo por diante aos seus. Por medio dun penalti transformado por Tontxu, empatou o Abadín.

Nos últimos intres, o cadro mindoniense reclamou unha pena máxima do porteiro rival. A pesar de que o árbitro non asubiou, o protagonista da xogada, Javi Álvarez resultou mancado e é dúbida para os próximos encontros. Logo, foron outros lanzamentos dende os once metros o que ditaron sentenza, con maior acerto local.

O Goiriz acollerá a outro mariñán no Ventiño

O Goiriz protagonizou unha das grandes sorpresas da Copa ao eliminar ao Sanci (4-3). Os locais comezaron moi ben. Tomaron vantaxe de dous goles por medio de Nico e Muñiz en dúas grandes accións. Muñiz repetiría a saída dun córner e Dani Pico recortaría distancias de penalti.

Pouco a pouco, os pupilos preparados por Javi Ruiz comezaron a ter máis presenza. Foi no segundo tempo que deron empatado con tantos de Deonildo e Bruno. Nos últimos intres, un penalti protestado polo Sanci, supuxo a ledicia local. Adrián Vizoso, unha das grandes fichaxes da entidade vilalbesa no verán, definiu e deulle a vitoria aos locais.

O Celta Barreiros será o visitante no Ventiño. Xa antes de entrar no 2025, o equipo preparado por Rubén Acebedo eliminou ao Xermade (1-0). Foi un encontro igualado, con momentos para os dous equipos. A falta dun cuarto de hora para o final, resultou decisivo un gol de Rocky. O dianteiro fora o máximo goleador na edición pasada con 8 goles cando formaba parte da Candelaria.

Catro Roldas – Sp. Pontenova, o cruce amarelo e negro que xa era coñecido

O equipo de Román e o pontenovés pasaron exentos da primeira rolda. Ambos buscarán un oco nos oitavos de final nun encontro que se xogará na Canteira. Previsiblemente, os visitantes non xogarán coa súa primeira equipación, xa que visten de amarelo e negro, igual que o fai o Catro Roldas coa súa camisola e pantalón.

Muñiz e Víctor, imperiais nos grandes pases do Goiriz e do Abadín

Os Máxicos dan boa conta da Copa

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *