A Segunda Futgal e a Terceira Futgal teñen un mesmo aliciente nas clasificacións, a gran igualdade en todas as posicións clave. Pasada xa a primeira volta en ambas, moitos equipos están na loita tanto por alcanzar a seguinte división como para non baixar, no caso da Segunda. Esto deixa unha segunda volta que apunta a decidirse nas últimas xornadas e onde un partido pode cambiar todo un curso. Iberia, Ferreira, Goiriz e Sporting Lucense son os equipos que mandan, pero hai moitos máis candidatos en cada un dos grupos a conseguir gañar a liga e obter o ascenso de categoría.
Dous no norte, seis no sur
A Segunda Futgal ten unha gran loita polo posto de ascenso directo en ambos grupos. No norte, lidera o Iberia, que mantiña unha distancia considerable co seu perseguidor, o Folgueiro, ata o ano pasado. Dende que volveu a competición, os de San Miguel de Reinante non só aínda non gañaron, se non que sumaron a súa primeira derrota da tempada. Algo que aproveitou o Folgueiro para poñerse a só un punto do seu máximo opoñente polo campionato. Por abaixo, o Muimenta está a cinco puntos da salvación, onde se atopan Mondoñedo Ciudad e Cabeiros.
O grupo sur da Segunda Futgal, en cambio, está moito máis apretado. Son seis os equipos que se atopan en cinco puntos. O Ferreira manda con 35 tras o empate do San Roque, que agora está empatado co Becerreá con 34 puntos, ante o Brollón. Paradela, 33 puntos, Santa Comba, 32, e Brollón, 30, apretan máis a zona alta. No descenso, o Rubián está penúltimo, pero igualado a puntos co Incio Terra Brava e o Lemos B, que estarían salvados se a competición rematase hoxe.
Varias loitas na Terceira Futgal

A Terceira Futgal non se queda atrás á hora de ter unha gran igualdade. No grupo norte, o Goiriz repúxose do seu pinchazo ao final do ano con dúas victorias que lle permitiron manter a distancia de tres puntos que o separa dun Castroverde imparable. Nos postos de playoff e á espera de que os líderes tropecen, Cazás, Rioaveso Machinango, Matela e Abadín están en catro puntos, pero moi distanciados do resto de clubes do grupo.


No sur é o Sporting Lucense o que manda con 34 puntos e un inicio de ano onde perdeu dous puntos da súa vantaxe co Sober, que agora se sitúa a catro puntos do liderado. Eso sí, os da Ribeira Sacra teñen un ollo posto nos perseguidores, xa que o Monterroso B só está a un punto de alcanzalos. Taboada B e Corgo tratan de dar caza aos dous equipos que loitan polo segundo posto, mentres que Sarriana B, Chantada Atlético B, Carballedo e Río Sil loitan polo sexto posto.
