O Tres en Raia En Boas Mans da Terceira Futgal desta xornada vén marcado pola suspensión de partidos no grupo norte. Tres encontros víronse adiados polas inclemencias da borrasca Herminia e só o Roupar e o Friol B puideron xogar como locais. Os primeiros venceron con claridade á Comercial mentres que os segundos caeron co Abadín.
No grupo sur disputouse a totalidade da xornada con pleno de triunfos dos conxuntos cabeceiros. Sober, Monterroso B, Taboada B e Corgo non erraron e apretan a pelexa por un liderado que mantén o Sporting Lucense malia afrontar a súa xornada de descanso.
GRUPO NORTE
O Abadín imponse na segunda parte a un voluntarioso Friol B (1-4). Cobas abriu rápido o marcador para os visitantes cunha boa vaselina. O tanto adormeceu aos de David Lorenzo, que baixaron o ritmo a medida que pasaban os minutos e o Friol B fíxose co control do partido. Samuel, cun bo disparo desde fóra da área, superou a Víctor e logrou o empate. No segundo tempo o Abadín voltou a coller o mando do partido. Tontxu, tras unha boa asistencia de Rico e Ferre, en boa xogada persoal, puxeron en só cinco minutos en clara vantaxe aos visitantes. O cadro local non foi quen de reaccionar e Rico sentenciou pouco máis tarde.
O Roupar golea á Comercial nun encontro cómodo para os locais (5-0). Malia o bo comezo da Comercial, foi o conxunto chairego o que se adiantou no marcador antes de cumprirse o primeiro cuarto de hora de xogo. Jaco, tras servicio de Tupac, abriu a lata para os de Ángel Pena que non acusaron as numerosas baixas. Os mesmos xogadores protagonizaron o segundo tanto e Tupac deixou o encontro visto para sentencia antes do descanso. No segundo tempo Moha desperdiciou unha pena máxima, pero non tardou Karim en facer o cuarto. Yosi obrigou a lucirse a un omnipresente Manu Jr na porteira dos capitalinos. O quinto e definitivo gol chegou con outro bo lanzamento de Karim desde fóra da área. O gardameta visitante impediu un resultado máis abultado.



GRUPO SUR
O Sober mantén a segunda praza tras golear ao Relámpago Taboada (6-0). Encontro cómdo para os locais nun Centeás moi resbaladizo. Hugo abriu a lata para os de Iban Lagoa e Brais ampliou diferencias antes do descanso. No segundo tempo os soberinos completaron unha goleada que puido ser maior se os locais atinaran as moitas ocasións que foron quen de xerar.
Un penalti no desconto dalle tres puntos ao Monterroso B fronte ao Río Sil (3-2). Non foi o mellor partido do filial monterrosino fronte a un Río Sil que lle complicou moito as cousas. Yoni fixo o primeiro ao transformar un penalti por mans dun defensor. Os visitantes igualaron cun bo gol de Lucas desde fóra da área e os monterrosinos non eran quen de atopar espazos na férrea defensa verde. Nun lanzamento de falta do Río Sil en medio campo, un desacerto defensivo dos de Pampín propiciou o gol de Molina. Tras o paso por vestiarios o Monterroso B optou por xerar perigo por bandas e os espazos comezaron a aparecer. VV acadou o empate con vinte minutos para o final e as ocasións sucedéronse para os locais, pero o gol non chegou ata o minuto 98 de encontro. O colexiado sinalou un penalti moi protestado polo Río Sil que Isma transformou para sumar tres puntos moi valiosos para os monterrosinos.
O Taboada B suma a oita xornada sen perder tras derrotar á Sarriana B (4-1). Suman e seguen os de Jacobo Vázquez que non perden desde comezos de novembro. Saiu mellor ao campo o filial sarriao que logrou adiantarse por medio de Javi. Co paso dos minutos o cadro local meteuse no partido e logrou igualar con gol de Yoni desde a frontal. A igualdade marcou unha primeira metade na que non houbo demasiadas ocasións. O Taboada B mellorou tras o paso por vestiarios e Pita cabeceou ao fondo da portería un bo servizo de Sergio. Un golazo de Santi puxo terra de por medio e xa preto do final, con certa dose de fortuna, Nahuel sentenciou.

O Corgo abre oco cos perseguidores tras derrotar ao Chantada Atlético B (0-4). Asustou o filial chantadino nada máis comezar cun lanzamento ao pao de Marcos. Pero foi o Corgo o que logrou adiantarse no marcador cun tanto de Gabi á saída dun córner. David gozou dunha boa ocasión para os de Abel Rochela antes do descanso que non aproveitou. No segundo tempo fixo o segundo de penalti e pouco despois Jordi, que volvía aos campos logo de catro anos afastado deles, sentenciou. Nunha contra Fer fixo o cuarto e definitivo tanto.
O Carballedo achégase ao play off tras derrotar ao Bóveda nun impracticable Hermanos Somoza (1-2). O mal estado do terreo de xogo marcou un encontro no que ningún dos dous conxuntos puideron practicar o seu fútbol. Chej adiantou ao Carballedo e o Bóveda igualou antes do intermedio cun penalti que transformou Ángel. No segundo tempo os visitantes xogaron moi directo e meteron ao Bóveda na súa área. O tanto da vitoria chegou no último tramo do encontro nun lanzamento de falta que Moncho colgou á área que Elías rematou ao fondo da portería.