O Sporting Pontenova sumou a sexta vitoria noutros tantos encontros tras vencer na Mina a outro dos favoritos ao ascenso, o Muimenta, e consolida o liderado do grupo norte. O Pol B xa é segundo logo de gañar por terceira xornada consecutiva, mentres que o Celeiro sumou a primeira vitoria da tempada fronte ao Río Ouro. O derbi xermadino caeu do lado do Cazás.
No grupo sur, o Sober venceu por quinta xornada consecutiva abre oco na primeira posición. Comercial e Relámpago Taboada, segundo e terceiro na clasificación, igualaron nun encontro de choque de estilos. Páramo e Becerreá B golearon como locais a Corgo B e Quiroga, respectivamente.
Analizamos a xornada no Tres en Raia Boas Mans Fisioterapia.
GRUPO NORTE
O Sporting Pontenova vence in extremis ao Muimenta e segue de pleno (3-1). A igualdade reinou nunha primeira metade escasa de ocasións. O Muimenta avisou por medio de Seijas, nun man a man no que o balón saiu desviado por pouco e Jairo puxo a proba a Brais xusto antes de que o Sporting Pontenova se adiantara cun gol de Agustín xusto antes do descanso. No segundo tempo, o Muimenta estivo mellor e logrou empatar por medio de Julio. O encontro trasncorreu co marcador parello, pero cos de Fran Veiga facendo méritos para que o segundo caera do seu lado, pero co tempo cumprido, nunha transición Rubén marcou para os locais. Co Muimenta volcado, chegou o terceiro no minuto 94 obra de Alesuco.
O Pol B suma os tres puntos fronte ao Rioaveso nun encontro con tres expulsións (3-1). O cadro local monopolizou a posesión fronte a un Rioaveso que defendeu repregado para saír á contra. Os de Alfonso Gesto sumaron dous achegamentos á portería rival antes de que o Pol B lograra adiantarse no marcador logo dunha falta lateral que rematou Dani tras un pase atrás de Iván. No segundo tempo o Rioaveso deu un paso adiante logo dunha acción combinativa de Amido que culminou Luis Oleiros libre de marca. Foron os mellores minutos dos visitantes que se viron curtados polas expulsións de Álex Veiga, por protestar, e pouco despois de Esteban Gil ao ver o segundo cartón amarelo. Antes da segunda expulsión, Lucas fixo o segundo para os de Basi tras un bo servizo de Bernardo. Pouco despois, Iván viu o cartón vermello directo e o Pol B quedou con dez, pero o triunfo local non correu perigo. Preto do final, Iñaki sentenciou.
O Cazás decide o derbi diante do Roupar no último tramo de encontro (0-2). O derbi xermadino caeu do lado visitante. O encontro comezou con bo ritmo e con gran ambiente nas bancadas. As ocasións sucedéronse e calquera dos dous equipos puideron marcar nun primeiro tempo de numerosas chegadas á portería contraria, pero a mala puntería e os paos evitaron que se viran goles. No segundo tempo o Cazás intensificou o dominio, pero foi o Roupar o que gozou dunha gran ocasión para marcar. Anxo foi derribado na área e o colexiado sinalou penalti. O propio atacante encargouse do lanzamento, pero Xabi providencial detívoo. Os de David Lorenzo viñéronse abaixo, feito que aproveitou o Cazás para decidir o derbi ao seu favor. Mounir, nunha contra, abriu o marcador e xa co tempo cumprido, Mateo sentenciou.

O Celeiro sumou a primeira vitoria do curso diante do Río Ouro (4-3). Trasvías volveu vibrar co Celeiro nun encontro no que os de Martín Rodríguez foron superiores a un Río Ouro que non consegue puntuar lonxe do Árbol. Os de Julio Castro non se adaptaron en ningún momento ás condicións do encontro e Mora puxo en vantaxe aos locais aos dous minutos de xogo. Conseguiu empatar o cadro visitante grazas a un tanto de Ezequiel, pero reaccionaron os viveirenses de contado cun novo tanto de Javi Rivera. No segundo tempo, Cánovas ampliou diferencias e Jony volveu a meter no partido aos do Val do Ouro, pero a sensación era de dominio local, salvando Ángel aos visitantes coas súas intervencións. No tramo final chegou un gol para cada equipo. Mora anotou para o Celeiro e Fran, ex celeirense, fixo o terceiro para o Río Ouro.
O Castroverde tira de efectividade para dobregar ao San Ciprián (3-1). Os de Iago Núñez encarrilaron o encontro nos primeiros dez minutos. O San Ciprián non saiu ben ao campo, feito que aproveitou o Castroverde para marcar por medio de Borja e David. Non foi unha gran primeira metade, con bastantes imprecisións, pero nada máis voltar de vestiarios, Coto sentenciou co terceiro para os locais. O Sanci mellorou co paso dos minutos, e xa co Castroverde cun home menos por mor da lesión de Díaz cando xa tiñan os trocos esgotados, chegou o tanto mariñán, obra de Danielson.

GRUPO SUR
O Sober golea ao Taboada B e amplía diferencias no liderado (9-1). Cinco vitorias consetivas para un Sober que foi quen de anotar vinteun goles nos últimos tres encontros. Armental, técnico o conxunto líder indicou que «estas vitorias non terían sentido se non falamos de Eduardo Silva, o meu axudante, él ten moito que ver nesta gran xeira de resultados«. Os locais saíron moi ben ao campo e marcaron tres goles nos primeiros vinte minutos, obra de Martín, Hugo Pereiro e Nathan. A relaxación local aproveitouna o Taboada B para recurtar diferencias por medio de Ángel e contaron con varias opcións de recurtar diferencias. Nada máis comezar o segundo tempo, Martín anotou o cuarto e aí remataron as esperazas dos de Jacobo Vázquez, novo adestrador do primeiro equipo do Taboada. Gabri farase cargo do filial xa na vindeira xornada. Dous novos goles de Martín, outros dous de Hugo Pereiro e Sergio compleetaron a goleada. Nevin, procedente do Escairón, e Fer Miranda, con pasado no Bóveda, xogaron os seus primeiros minutos co Sober.
Relámpago Taboada e Comercial empatan nun encontro de estilos contrapostos (1-1). Reparto de puntos entre segundo e terceiro clasificado. A Comercial mantense invicto nesta tempada e o Relámpago sumou a quinta xornada sen perder nun encontro no que os locais optaron por un fútbol directo fronte aos de Manu Prieto que optaron polo xogo combinativo, aínda que se atoparon con dificultades para lograr levalo a cabo. A Comercial protestou a actuación arbitral nun partido no que Fran adiantou aos de Melanie Carreira. Manu Jr impecable na portería, impediu que a vantaxe dos locais fora maior, e no segundo tempo un tanto en propia porta de Cristofer serviulle á Comercial para manter a súa condición de invicto.
Un Páramo superior golea ao Corgo B (7-1). Encontro sen historia o disputado nas Rapadas. Juan adiantou rápido ao conxunto local e os de Castro desperdiciaron varias ocasións nos primeiros compases. Ethan logrou empatar para un Corgo B que gozou dos seus mellores minutos. Hugo Gallego volveu a poñer en vantaxe ao Páramo e Teo ampliou diferencias aínda con dez minutos para o final do primeiro tempo. O segundo tempo estivo dominado polos locais, que lograron catro tantos máis. Hugo Dono, Juan, Gonzalo e Julio foron os seus autores.
O Carballedo entra en zona de play off tras derrotar pola mínima ao Río Sil (1-0). As numerosas baixas non impediron sumar un novo triunfo aos de David Guerra. O encontro resultou de ida e volta, sen un dominador claro. Aos 36 minutos de xogo chegou o único gol tras un saque desde o curruncho que culminou Doval. No segundo tempo, o Carballedo foi quen de xogar en campo rival aínda que sen demasiadas ocasións. O Río Sil tentou a igualada nalgunha acción a balón parado sen éxito.
O Becerreá B vence a un Quiroga que suma a cuarta derrota consecutiva (3-0). Prosegue a mala xeira dun Quiroga que, malia ao resultado, non realizou un mal comezo de encontro. Aínda que non foi quen de xerar ocasións claras, igualou o fútbol dun Becerreá B que se adiantou antes de cumprirse o cuarto de hora de xogo cun golazo de Darío desde fóra da área. Pouco despois, o colexiado sinalou un penalti moi protestado polos visitantes por unha man na área. Borja transformouno e puxo en clara vantaxe ao filial do Becerreá. No segundo tempo, o Quiroga quedou con dez e os locais sentenciaron con outro gol de Borja.


