A-56: A liga interprovincial entre Lugo e Ourense xa está aquí, con permiso do Lalín

Esta finde comeza a Segunda Galega Feminina. Trinta e seis equipos compiten nun formato curto. Estarán distribuídos en sete grupos. Haberá dous ascensos en xogo á Primeira Galega.

O futfem volve unir deste xeito as provincias de Lugo e de Ourense. A A-56 vén protagonizada polo inicio da 2ª, xa que tres equipos lucenses e un ourensán competirán xuntos nesta breve campaña. A SDC Milagrosa, a SG Comercial, a ADC Monteforte e a Escola de Fútbol Feminino Rosalía conforman o grupo E da categoría xunto coa Escola de Fútbol Lalín.

Haberá unha primeira fase na que os equipos se enfronten a dobre volta. Neste caso, xogarán oito encontros. En todas as xornadas haberá un conxunto que descanse.

O primeiro clasificado do grupo accederá ao play off de ascenso. Tamén terá opcións o segundo. Para iso terá que ser o mellor en canto á deportividade. Dos sete conxuntos que se clasificarán na segunda posición en cadanseu grupo, participará no play off o mellor no cociente de xogo limpo.

  • 1ª xornada:
    Dom. ás 12:45h: EF Lalín – EFF Rosalía
    Dom. ás 17:00h: ADC Monteforte – SCD Milagrosa
    Descansa: SG Comercial

Unha A-56 completamente construída viríalle moi ben aos equipos para os desprazamentos destes tres meses. De xeito imaxinario, viaxamos por ela e conversamos con representantes dos clubs implicados.

SCD Milagrosa, regreso ao fútbol 11

A Milagrosa volve ter este ano un equipo de fútbol 11en categoría sénior. Foto: temporada 2019/2020

A Milagrosa segue sendo un dos clubs referencia da provincia e de Galicia no fútbol feminino. A temporada pasada chegou a un acordo co CD Lugo que se fixo cargo da súa praza en competición sénior. Non obstante, un ano despois, a canteira de Frigsa volve ter un equipo na Segunda Galega.

A idea é seguir alimentando de xogadoras á estrutura do CD Lugo. Ademais de ter un equipo ponte entre os conxuntos do fútbol base. Este ano a idade para xogar na categoría é  a partir dos 13 anos. Así o ve o seu adestrador, Pepe Fernández:

“As xogadoras que despuntan van para o Lugo. Nós o que temos é que formar”

Maneira de afrontar: “Con moita incerteza. Non sei como van reaccionar as xogadoras e tamén como aguantan fisicamente. Somos un club de canteira con rapazas moi novas. As que despuntan van para o CD Lugo. Nós o que temos é que formar“.

O formato: “Iso é o de menos. Se che gusta, apúntaste. O formato é unha desculpa para que o pasen ben estes dous meses e medio e ter así un aliciente“.

Rivais: “Temos a sorte de que está a Comercial; unha viaxe menos. Ademais nútrese dun 80% de xogadoras que saíron da Mila polo que coñecémolas. Tamén coñecemos a canteira do Rosalía. Xa das categorías inferiores. Quizais o de máis descoñecemento sexa a EF Lalín“.

Cadro de xogadoras: “Temos ao redor de vinte e unha dispoñibles. Finalmente non saímos na Liga Infantil porque moi poucas rapazas querían participar. Así que algunhas delas tamén foromarán parte do colectivo de Segunda Galega”.

SG Comercial, a pola terceira temporada

A Comercial mantén a estrutura feminina por terceira campaña consecutiva. O proxecto iniciouse no verán do 2018 e, dende a humildade, tentan seguir medrando a pesar das dificultades. Vivian Dors segue sendo o adestrador do equipo. De partida, saen limitadas en canto a xogadoras. En principio, parten con trece futbolistas.

“O máis importante é poder volver e compartir momentos”

Maneira de afrontar: “Vexo ao equipo con ganas e ilusión. Aínda así, non podemos esquecer que levamos moito tempo sen adestrar e fai pouco que voltamos aos adestramentos. Non podemos dicir que estamos preparados para a liga, pero o equipo competirá a tope intentando desfrutar ao máximo”.

O formato: “Paréceme moi ben pensando na situación que estamos. Permítenos volver a desfrutar do fútbol e da competición minimizando os riscos. É certo que os equipos estarán máis ou menos preparados para competir, pero iso é o de menos. O máis importante é poder volver ao deporte e compartir momentos xuntos”.

ADC Monteforte, volve o futfem a Monforte

O Monteforte volve á competición cinco anos despois

A Asociación Deportiva Cultural e Deportiva Monte Forte volve impulsar o fútbol feminino en territorio monfortino. Logo de cinco temporadas sen competir, o equipo volve a carga con ao redor de dezasete xogadoras.

“O obxectivo é consolidar máis ao equipo e pasalo ben”

Laura Correas e unha das artífices do proxecto. Exerce de coordinadora e tamén formará parte do cadro de xogadoras. “Estamos con moitas ganas, nerviosas si; pero con ganas de comezar”, afirma Laura. O último ano que competiu o equipo na 2015/2016 fíxoo na Primeira Galega. Neste curso atípico e de regreso a competición os obxectivos son claros: “Consolidar máis ao equipo e pasalo ben”.

O conxunto está adestrado por Ramón Armental. “O formato de competición está ben, porque esperabamos que non fose nada. E nós queríamos competir”, afirma Laura. Os desprazamentos tamén son do agrado do Monforte. As distancias para elas son equitativas ao desprazarse a Lugo, Lalín e Ourense.

EFF Rosalía, a consolidación dun proxecto en continuo crecemento

O Rosalía é un dos proxectos de canteira máis sólidos do futfem galego

A Escola de Fútbol Feminio Rosalía é o único proxecto de futfem en Ourense. Naceu polos cementos como afirma o seu presidente e pouco a pouco van medrando. Esta é a terceira campaña que saen a competir en categoría sénior. A pesar das circunstancias, fano cun equipo de garantías e amparado pola base. Conversamos co presidente do equipo, Mario Gómez:

“É o ano que mellor cadro de xogadoras temos”

Maneira de afrontar: “Nós máis ca un club, somos unha Escola. Por iso levamos moito tempo adestrando. Xa imos pola terceira pretemporada. Comezamos os adestramentos a finais de agosto. Paramos logo pola situación sanitaria de Ourense. Retomamos as sesións en decemebro e volvemos parar coa terceira onda da pandemia. Agora volvemos comezar os adestramentos por terceira vez. Desta volta si que é certo que a xente estaba máis queimada psicolóxicamente. Pero agora que xa se ve a competición ás portas, nótase a ansia que teñen de que isto comece”.

O formato: “Non había outra maneira. Tempo temos o que temos. Penso que a Federación aí estivo acertada. Tampouco foi unha alta porcentaxe os equipos que se inscribuiron. Con 36 clubs pouco máis podes facer. Iso si, son oito partidos a cara de can. O que teña un fallo e teña aspiracións, ao mellor o paga moi caro”.

Obxectivos: “O noso club en sénior aínda está en formación. Comezamos a casa por abaixo. Na temporada 18/19 creamos o sénior de xeito precipitado debido a desaparición da UD Ourense. Este é o terceiro curso e xa notas que hai xogadoras que pasaron por todos os clubs de base. Teñen xa dinámica de club. Si que podo dicir que é o ano no que somos máis competitivas. Pero non saímos con presión. Fainos ilusión, pero non temos a presión doutros clubs da categoría”.

Desprazamentos: “Para nós si que é unha boa opción. Ao mellor xogar na zona de Pontevedra e Vigo podíanos facilitar un par de desprazamentos. Os nosos equipos de base xogan por alí. O ano pasado incluso nos plantearamos ir para o grupo de Lugo. Para nós xogar contra xente cerca permítenos ter unha certa rivalidade. Sempre é atractivo xogar contra equipos máis próximos. Ao final, o ano pasado decidimos non solicitar o cambio porque nos coincidía cos equipos de base. É unha mágoa que o Carballedo e o Chantada non saíran. É un grupo no que vai primar moito a deportividade entre nós”.

Cadro de xogadoras: “Contamos con 22 futbolistas. E, á parte, temos catro futbolistas no infantil de 2º ano que son convocables. Este ano é o que mellor estamos servidos en canto a número de fichas e tamén a calidade. Chegou Marta Besada que xa ten experiencia en Liga Nacional e Aida do Envialia B. É o ano que mellor cadro de xogadoras temos”.

EFF Lalín, un comezo con ilusión

O Lalín xogará no grupo de Lugo e Ourense

Fóra dos límites das dúas provincias, pero tamén con nexos en común entre ambas, sitúase o EFF Lalín. O cadro lalinense inicia equipo en fútbol 11, logo de ter equipo nos últimos anos en fútbol 7. Actualmente contan con vinte xogadoras. Á espera de se finalmente sae a competición de fútbol 7 ou non. Conversamos co adestrador, Álex González ‘Peti’:

“A idea é adaptarse ao fútbol 11 e divertirse”

Maneira de afrontar: “As xogadoras están moi contentas e con moita ilusión. É a primeira vez que van competir ao fútbol once. Loxiamente tamén algo nerviosas polo inicio inminente da liga”.

O formato: “Ao fin e ao cabo é o que pode ser. Xa estamos bastante contentas con que haxa competición. E dadas as circunstancias, non a vexo tan mal estrturada”.

Desprazamentos: “Para nós é máis ou menos o mesmo. Nós aquí senón teriamos que ir a Santiago. Ao final poden ser dez minutos máis”.

Rivais: “A nivel de equipos non coñezo moito aos lucenses. Co Rosalía si que xa xogamos un amigable. Pareceume un equipo bastante bo. Teñen uns conceptos moito máis afianzados ca nós. Nótase que están máis rodadas”.

Obxectivo: “Ir mellorando partido a partido. Loxicamente estamos empezando polo que o ideal é que se vaian adaptando ao fútbol 11 e que se divirtan”.

Imagen por defecto
Redacción Futbolinlugo
Artículos: 273

Deja un comentario