O 2020 quedará por sempre nas nosas mentes. É evidente que a pandemia mundial que levamos sufrindo desde o mes de marzo supuxo diferentes retos a nivel individual e colectivo. Ao mesmo tempo, as moitas horas que pasamos nas nosas casas deron para pensar, algo que sempre é positivo. Entre todas as ideas que apareceron nesas duras semanas, unha delas destaca sobre as demais: o renacemento da ADC Monteforte.

Pese a que non é un ano sinxelo para fundar un equipo, un grupo de rapazas representarán nos campos galegos a partires da temporada 20/21 á vila de Monforte de Lemos, que levaba anos pedindo a presenza dun conxunto de fútbol feminino para dar cabida a xogadoras de toda a comarca.

Así, a ADC Monteforte pasa a completar a lista de conxuntos femininos do sur da provincia, que está a converterse nunha das áreas referentes do fútbol feminino galego, ao contar con Carballedo CF, SD Chantada e SD Antas até o momento e, a partir deste verán, coa ADC Monteforte.

A ADC Monteforte volverá a representar a Monforte de Lemos en toda a comunidade.

A ADC Monteforte, tras varios anos sen saír a competir, volta pola porta grande aos terreos de xogo. O conxunto xogará os seus partidos como local no campo Luis Bodegas e está -como o resto de clubes da provincia- a expensas de que a Federación comunique cales serán os distintos grupos e categorías da «nova normalidade» para saber quen serán as súas rivais no seu primeiro ano de vida.

Hoxe falamos con Laura Correas, árbitra da RFGF, xogadora e directiva da ADC Monteforte, para coñecer cal é o proxecto social e deportivo do novo equipo representante da cidade do Cabe.

Futbolinlugo: Cando xorde a idea de retomar o ADC Monteforte?

Laura Correas: Xa levabamos tempo pensando e, durante o confinamento estivemos uns compañeiros árbitros e eu comentando que por qué non sacalo adiante. Miramos que a ADC aínda existía, tiña os cartos… empezamos a falar coa xente e a buscar rapazas, e ao final saiunos ben a idea.

FIL: Quen se atopa detrás deste proxecto?

LC: Eu e eses compañeiros da arbitraxe. Eles sabían que eu quería reflotar o clube e o confinamento foi o que nos levou a dar o paso definitivo.

FIL: Que funcións desempeñarás ti no clube?

LC: Serei xogadora e parte da directiva, algo así como coordinadora deportiva. Son a que se moveu para conseguir ás rapazas, en xeral a que se está movendo para todo.

«O obxectivo primordial é facer grupo e manter o fútbol feminino en Monforte.»

O Luis Bodegas volverá albergar fútbol feminino.

FIL: Que obxectivos persigue a «re-fundación» do clube?

LC: O obxectivo primordial é facer grupo, facer equipo. A nivel deportivo non buscamos nada máis que as xogadoras que nunca xogaron aprendan a xogar e que as que xa temos xogado teñamos ese entretemento, divertirnos xogar ao fútbol. A longo prazo xa falaremos de ascensos se se puidese, pero queremos manter o equipo feminino en Monforte, porque hai moitas rapazas novas que en xuvenís teñen que marcharse de aquí para poder seguir xogando ao fútbol.

FIL: Houbo dificultades para captar xogadoras na zona?

LC: Complicado é atopar rapazas que xa teñan xogado ao fútbol, que teñan un nivel máis alto. Si que atopamos con facilidade moitas rapazas que queren comezar, eu pensei que sería máis difícil. Certo é que fai anos na ADC Monteforte xa tiñamos bon equipo, pero agora a maioría está estudando ou traballando fóra e era imposible xuntalas. Pero entre os clubes de Monforte nos que hai cativas (infantís, cadetes…), outras que estudan fóra e veñen a fin de semana, algunhas que queren empezar a xogar… xuntamos un bo número.

«Antes xogabamos tres equipos de toda a provincia a Copa Diputación.»

FIL: Pensas que o fútbol feminino está medrando nos últimos anos, especialmente na zona sur da provincia?

LC: Si, de feito varias das rapazas coas que falei dixéronme que non porque lles quedaba máis preto outro equipo, cousa que antes era impensable. Cando eu aínda competía co Monteforte, podíamos xogar a Copa Diputación tres equipos de toda a provincia, pero agora está subindo moito o número de equipos. A situación está cambiando.

Laura (dereita) continuará arbitrando, á vez que xoga na ADC Monteforte.

FIL: Como compaxinarás a túa actividade como árbitra, xogadora e directiva?

LC: Ata agora sempre arbitrei e xoguei. Cando era menor podía compaxinar ambas actividades, pero unha vez cumprín os 18 a Federación obligaba a escoller entre unha ou outra, polo que me inclinei pola arbitraxe e seguín xogando, pero a fútbol sala. Este ano cambia a normativa e podo volver arbitrar e xogar a fútbol campo. En canto á directiva, se me movo entre semana, a maior parte do traballo está feito. Ademáis xa temos pensado xogar en horarios que non coincidan cos partidos de -por exemplo- Primeira Autonómica que me podería tocar pitar

FIL: Como pensas que será o fútbol amateur post Covid-19?

LC: Polo de pronto penso que comezaremos xogando sen público, aínda que non se sabe nada. No tema de arbitrar vai ser máis fácil porque non haberá público presionando, pero xogando perde totalmente a gracia.

Agradecemos a Laura a súa boa disposición para atendernos, e desexamos a mellor das sortes ao novo proxecto da ADC Monteforte!!!

 

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Santi Real

Santi Real

De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*