#Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

A boa xeira de Sober e Relámpago Taboada impiden a fuxida da Comercial

O grupo norte da Terceira Futgal gozou de xornada de descanso, polo que o grupo sur protagoniza o Tres en Raia Boas Mans Fisioterapia desta semana.

A Comercial lidera en solitario o grupo tras gañar no derbi ao Casás. Trece puntos de quince posibles que non posibilitan aos capitalinos abrir brecha na primeira praza, debido a que Sober e Relámpago Taboada suman ámbolos dous tres vitorias consecutivas. Páramo e Carballedo racharon coa súa mala xeira e miran cara arriba.

O derbi da capital da provincia caeu do lado da Comercial (1-3). Encontro trabado no que o Casás buscou un xogo directo fronte a un rival que tivo dificultades para practicar o seu habitual fútbol combinativo. Os de Andrés Rodríguez contaron con boas ocasións de gol que desbaratou un inspirado Manu Jr. mentres que o cadro visitante aproveitou os erros defensivos para adiantarse no marcador cun tanto de Michael. Nada máis voltar de vestiarios Moste ampliou diferencias e Torito acudiu á súa cita co gol para sentenciar. Co tempo cumprido Maira recurtou diferencias desde o punto de penalti.

O Sober golea ao Becerreá B e xa é segundo (6-0). Clara superioridade local ao longo dos noventa minutos. O Sober xerou un bo número de ocasións antes de que Iago abrira a lata. Os visitantes gozaron dunha boa ocasión para empatar que non aproveitaron e xusto antes do descanso Hugo Pereiro ampliou diferencias para os de Armental. Tras o intermedio, o Becerreá B contou con outra boa opción para marcar que solventou o gardameta Manu e a partir de aí, lastrados polas lesións, os visitantes perdéronlle a cara ao partido e o Sober goleou. Martín, Nathan e Alan en dúas ocasións foron os autores dos goles.

O Relámpago Taboada suma o terceiro triunfo consecutivo no derbi ante o Taboada B (2-0). Encontro parello nun primeiro tempo no que o Taboada B gozou de boas ocasións para marcar e atopouse cun inspirado Melendo. O cadro local tamén tivo opcións de marcar provocadas por erros defensivos dos de Jacobo Vázquez, pero a primeira metade rematou sen goles. No segundo tempo o Taboada B tivo o balón e os locais agardaron repregados para saír á contra. E así chegaron os dous goles, o primeiro de Julito e o segundo do killer Fran. Terceira xornada na que os de Melanie Carreira rematan o encontro sen recibir gol.

O Páramo volta á senda da vitoria diante dun Quiroga que acumula a segunda derrota consecutiva (4-1). O conxunto local saiu moi ben ao campo fronte a un Quiroga desaparecido que cometeu erros determinantes. Os de Castro lograron dous goles axiña, obra de Hugo Gallego e Dono. Os visitantes trocaron a súa imaxe a partir do ecuador do primeiro tempo e lograron recurtar diferencias grazas a un tanto de Brais. O comezo da segunda metade resultou semellante ao final da primeira, co Quiroga na procura do gol da igualada. Este non chegou e o Páramo, que realizou unha presión alta, logrou aproveitar os erros do rival e fixo o terceiro tanto, novamente obra de Dono. O tanto pesoulle ao Quiroga e os locais sentenciaron cun tanto de Gonza. Nos últimos intres o marcador puido ser máis abultado.


O Carballedo remonta diante dun Corgo B que suma catro xornadas sen gañar (3-2). A ausencia dun gardameta complicou o encontro no seu comezo para o Carballedo que situou a Marcos, xogador de campo, baixo paos. O desconcerto inicial aproveitouno o Corgo B que se logrou adiantar cun tanto de Xoel nunha acción protestada polos locais ao entender que existía fóra de xogo. Os de Pablo Bargados foron mellores nun primeiro tempo sen demasiadas ocasións, malia que o Carballedo logrou o empate cun gol de Nico. No segundo tempo, un erro na saída de balón do Carballedo aproveitouno o Corgo B para voltar a poñerse por diante grazas a un disparo de Ethan desde fóra da área. Os de David Guerra melloraron co paso dos minutos e a falta dun cuarto de hora para o final chegou a acción clave. O colexiado sinalou penalti de Xoel e expulsou ao xogador visitante. Doval non errou desde os once metros e o Carballedo buscou o tanto do triunfo. Este non chegou ata o último suspiro, xa cando os dous equipos xogaban con dez tras a expulsión do local André. Nun saque desde o curruncho Sastre fixo o tanto do triunfo para os do Catro Ventos.

FOTO DE PORTADA: Rober Carreira.

A boa xeira de Sober e Relámpago Taboada impiden a fuxida da Comercial

A boa xeira de Sober e Relámpago