O Partido Fisioterapia Ronda . . . Foz – Ribadeo: unha final anticipada no derbi mariñán de Preferente

A Preferente afronta a súa cuarta xornada e a piques está xa de chegar ao ecuador desta liga exprés e nunha competición de tan curta duración as urxencias non tardan en chegar. É o caso do Foz e o Ribadeo, os dous conxuntos mariñáns que aínda non coñecen a vitoria, e que o domingo ás 17:30 horas no Martínez Otero enfrontaranse nun derbi con sabor a final anticipada. O encontro estará dirixido polo colexiado santiagués Calviño Pensado.

O C.D. Foz, ao igual que os veciños ribadenses, conta con un só punto na clasificación. Foi o sumado na segunda xornada diante da Residencia. Malia non ser quen de acadar un triunfo, os pupilos de Javi Chinchón ofreceron unha boa imaxe en tódolos encontros, caendo pola mínima no campo da Sarriana e o Lemos. Nunha temporada na que o obxectivo do cadro focense é consolidar un cadro de xogadores moi renovado para competir da mellor maneira posible a vindeira temporada, non é desexable quedar lonxe de calquer aspiración aínda na primeira volta do campionato. A chegada de Diego Chao, David Ben, Álex Esquerdeiro, Noceda ou Xesús revitalizaron unha plantilla na que os veteráns como Canario ou Kiko Mariño xunto co recuperado pra causa Dani Chinchón seguirán sendo parte importante do equipo.

Pola súa parte o Ribadeo F.C. afronta esta temporada con tan só sete xogadores que repiten da temporada anterior. A nova directiva encabezada por Pedro Posada voltou a darlle o timón a Rafa Casanova, xa un home da casa, e confeccionou unha plantilla moi competitiva coa chegada de futbolistas como Aitorín, Jairo, Luki ou Javi Fraga, así como do galáctico Berodia, que aínda non puido debutar. Xunto a eles os incombustibles Isma, Santi, Coki, Criss ou Cube. Ao igual que o Foz, as sensacións foron mellores que os resultados. Á derrota da xornada inagural na Pinguela hai que sumar a colleitada no Pepe Barrera diante do Santaballés e tan só foi quen de sumar diante da Sarriana, nun encontro no que quizais mereceu un mellor resultado.

Causará baixa o gardameta Rubén no C.D. Foz e Andrés Bustelo e Dani Chao con molestias é previsible que podan ser da partida. No cadro visitante Marcos Peña, Juanma e Criss non estarán dispoñibles, mentres que Aitorín será dúbida ata última hora.

O último enfrontamento entre os dous conxuntos no Martínez Otero tivo lugar o 10 de novembro de 2019 e rematou con triunfo ribadense por dous goles a catro. Álex Paz e Jesús Pablo anotaron para o Foz, mentres que Brais, Aitor, Criss e Luki marcaron os tantos da vitoria do Ribadeo.

Falamos do derbi mariñán con dous dos encargados da sala de máquinas do Foz e o Ribadeo: Dani Chao e Santi.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

DANI CHAO (C.D. FOZ)

 – O comezo de temporada. “As sensacións son claramente mellores que os resultados nos tres partidos que levamos disputados. Tanto en Monforte como en Sarria puidemos rascar algún punto e contra a Residencia na casa incluso tivemos preto o triunfo. Temos ilusión vendo como competimos tódolos partidos e o gran grupo de xogadores e persoas que formamos no pouco tempo que levamos xuntos”.

O Ribadeo. “Agardo o típico derbi, moi duro pero entretido, con ocasións e creo que levará os tres puntos o equipo que máis acertado esté de cara a portería. Se saímos concentrados, intensos e con confianza co balón creo que podemos gañar. O Ribadeo conta con moi bos xogadores do medio cara adiante. Futbolistas como Jairo, Luki ou Javi Fraga pódenche facer un gol en calquera acción do partido”.

Unha final anticipada. “Está claro que nunha liga con tan poucas xornadas cada partido é unha final, pero a nós a clasificación non nos preocupa. Afrontamos a competición con gañas de aprender e mellorar de cara ao ano que vén, aínda que intentamos competir e gañar cada encontro e o derbi non vai ser diferente. Queremos medrar como equipo e quedar o máis arriba posible”.

SANTI (RIBADEO F.C.)

 – Un punto en tres encontros. “Creo que foron tres partidos ben diferentes. No primeiro algúns xogadores practicamente nin nos coñeciamos. Chegamos cun só amigable e poucos adestramentos. Aínda así competimos ben contra o líder da categoría e na segunda metade creo que fomos superiores. Contra a Sarriana fixemos un moi bo partido e penso que merecemos un mellor resultado. No último encontro diante do Santaballés penalizáronnos as baixas e o cansancio de xogar o xoves e non soubemos estar ao nivel dos dous encontros anteriores”.

O derbi. “Agardo un partido disputado, o típico de rivalidade, pechado, e no que teremos que mellorar se queremos gañar. O que máis me preocupa é que nós saiamos metidos no partido e a por todas. A experiencia díceme que de ser así podemos competir e gañar a calquera. En caso contrario, o máis normal é perder contra calquera”.

A urxencia da vitoria. “É unha liga moi curta e iso condiciónao todo. O equipo está en construcción e chegaron moitos xogadores novos, pero as gañas farán que superemos ese hándicap. Sairemos a disfrutar do fútbol e do derbi e se o logramos estaremos máis preto de gañar e seguir na pelexa”.

Foto de portada: Facebook C.D. Foz

Imagen por defecto
Redacción Futbolinlugo
Artículos: 273

Deja un comentario