As luvas de Carracedo, Xoel, Edu e Pita e o gol xuvenil de Makuita

A oitava xornada da Segunda Futgal deixou catro porteiros inesperados e un xuvenil decisivo. Xoel pasou de marcar para a Sarriana B a defender a súa portería tras a expulsión de Hugo Castro. Edu Mao tivo que substituír a Laureda, mancado no Incio. Pita colocouse baixo paus no Celta Barreiros ante a expulsión de René. O defensa Carracedo xogou o seu sexto partido coma porteiro este curso no Catro Roldas, que logrou un empate no derbi co Goiriz. Mentres tanto, Martín Cadahía, coñecido como Makuita, asinou o gol co que o Monterroso B venceu ao Chantada B.

Con oito encontros xa xogados por cada equipo, agás o pendente entre a Sarriana B e o Chantada B (dom. 5/12 ás 18:00 horas), queda xa superado o ecuador da primeira volta. O Pastoricense e o Friol sitúanse no máis alto das correspondentes táboas clasificatorias.

No grupo norte, o Pastoricense encadea tres semanas no liderado e xa ten catro puntos de marxe sobre o Alfoz, que goleou ao Guitiriz (3-0) nun duelo directo. O Iberia tamén perdeu, desta volta ante un Meira que levaba cinco derrotas consecutivas. O Castro aproveitou os resultados para achegarse á parte alta, mentres o Xove Lago continúa coa súa particular recuperación: despois de non gañar nas cinco primeiras xornadas, suma tres triunfos seguidos.

A zona baixa do norte está especialmente apertada. Cabreiros, Abadín, Meira e Riotorto comparten sete puntos, aínda que este último ocupa xa unha posición de descenso directo. O Xermade conseguiu unha vitoria importante en Barreiros e abandona a última praza, que pasa a ocupar o Catro Roldas.

No sur, o Friol pasou a ser tamén líder en solitario ao empatar o Antas e o Paradela no seu enfrontamento directo (1-1). A Sarriana B continúa preto da cabeza, con 15 puntos e un partido menos, tras unha vitoria especialmente particular: superou ao Santa Comba (4-2) malia quedar con nove futbolistas. O Palas tamén mantén a súa progresión e acumula cinco encontros sen perder.

Analizamos o que deu de si a xornada nunha nova entrega de #ONoso11AChaira.


GRUPO 1

O Pastoricense non afrouxa e frea a xeira da Candelaria

O Pastoricense sumou a súa sétima vitoria da temporada ao superar pola mínima á Candelaria (0-1). Un gol de Manupa, mediada a segunda metade, permitiu ao conxunto da Pastoriza alcanzar os 22 puntos e manterse invicto. O resultado pon fin, ademais, á serie de catro triunfos consecutivos dos locais.

A Candelaria presentou un equipo ordenado e dificultou a circulación ofensiva do Pastoricense durante boa parte da primeira metade. Os visitantes tiveron máis balón, pero atoparon poucos espazos, mentres os locais chegaron a enviar un remate ao traveseiro.

No segundo tempo, o líder conseguiu xerar máis perigo. Nun saque de banda rápido, Iker Fernández participou na acción ofensiva cun centro no que Manupa marcase o único tanto. A Candelaria buscou o empate ata o final, pero non conseguiu evitar a derrota.

O Pastoricense consolida o liderado cunha vantaxe de catro puntos sobre o Alfoz. A Candelaria queda sexta con 13.

O Alfoz acaba coa mellor xeira do Guitiriz

O Alfoz venceu ao Guitiriz (3-0) nun dos grandes partidos da xornada e consolídase na segunda posición con 18 puntos. O resultado interrompe unha serie de cinco vitorias consecutivas dos visitantes, que quedan terceiros con 16.

O encontro chegou sen goles ao descanso despois dunha primeira metade equilibrada. O Guitiriz dispuxo de oportunidades para adiantarse, pero atopouse cunha boa actuación do porteiro local, Ramiro.

O Alfoz saíu mellor tras a reanudación e abriu o marcador por medio de Iván García, tras unha recuperación de balón. Pouco despois, Liz ampliou a vantaxe nunha acción posterior a un saque de esquina.

O Guitiriz tratou de reaccionar e xerou ocasións para recurtar distancias, pero non conseguiu marcar. Na recta final, Adrián Ramos estableceu o definitivo 3-0 noutra acción a balón parado.

O Alfoz queda a catro puntos do Pastoricense e ocupa agora a posición que dá acceso á promoción de ascenso.

O Meira rompe a súa mala serie ante o Iberia

O Meira conseguiu unha vitoria importante ante o Iberia (2-1) e puxo fin a unha xeira de cinco derrotas consecutivas. O conxunto de San Miguel de Reinante, pola súa banda, sofre o segundo tropezo seguido e perde terreo na persecución dos primeiros.

O encontro comezou favorable aos visitantes. Barrera adiantou ao Iberia ao pouco de comezar, pero o Meira reaccionou e conseguiu empatar antes do descanso cun remate de cabeza de Triunfante, tras un centro de Roi.

Na segunda metade, con alternativas para ambos equipos, Farra culminou un contragolpe tras un pase de Dani, que acababa de incorporarse ao terreo de xogo. O tanto acabou sendo definitivo, malia que o Iberia buscou a igualada e dispuxo de oportunidades.

O Meira alcanza os sete puntos e sae do descenso directo, mentres o Iberia queda cuarto con 16. Barrera suma xa sete goles no curso.

O Castro remonta en Cabreiros e achégase á cabeza

O Castro conseguiu a súa quinta vitoria da temporada ao superar ao Cabreiros (1-2) nun encontro no que todos os goles chegaron na segunda metade.

Os visitantes levaron máis iniciativa durante fases do primeiro tempo, aínda que o Cabreiros tamén xerou perigo e chegou a enviar un balón ao traveseiro.

Tras o descanso, Xoel Laya adiantou aos locais, dando continuidade ao seu acerto goleador despois do triplete da pasada xornada. O Castro reaccionou e Muiña estableceu a igualdade nunha transición.

Na recta final, Raúl López culminou a remontada cun disparo coa esquerda desde as proximidades da frontal. O Cabreiros non conseguiu repoñerse ao segundo tanto visitante.

O Castro alcanza os 15 puntos e sitúase quinto, a só un do Guitiriz e do Iberia. Muiña leva tres xornadas consecutivas marcando e suma oito goles na temporada. O Cabreiros queda con sete puntos.

O Goiriz e o Catro Roldas empatan no derbi interparroquial

O Goiriz e o Catro Roldas empataron (1-1) nun derbi entre dúas parroquias lindeiras do concello de Vilalba.

Alberto Rey adiantou ao conxunto de Román ao cuarto de hora, pero Muñiz igualou superada a media hora. O encontro chegou empatado ao descanso e cambiou pouco despois da reanudación, cando Santi Cazás foi expulsado por dobre cartón amarelo.

O Catro Roldas tivo que disputar boa parte da segunda metade cun futbolista menos. O Goiriz buscou aproveitar a superioridade numérica e dispuxo de oportunidades, pero non conseguiu romper o empate.

O partido deixou tamén a retirada de Manel por un golpe, aínda que afortunadamente o futbolista se atopa ben. Ademais, o Catro Roldas volveu contar co defensa e capitán Carracedo baixo paus, que xogou o seu sexto encontro nesa posición este curso.

O Goiriz alcanza os 12 puntos e sitúase sétimo. O Catro Roldas suma cinco e pasa a ocupar a última posición.

O Xermade gaña en Barreiros cun porteiro improvisado enfronte

O Xermade conseguiu a súa segunda vitoria da temporada ao superar ao Celta Barreiros (1-2), un resultado que lle permite abandonar a última posición da clasificación.

Os visitantes realizaron unha boa primeira metade e dispuxeron de ocasións por medio de Borja Silvosa e Hossu, aínda que o marcador non se moveu antes do descanso. Os locais custoulles entrar no partido e non estiveron acertado nas disputas.

Na segunda metade, Borja Silvosa abriu o marcador para o Xermade. Pouco despois chegou unha acción determinante: René, porteiro local, foi expulsado por tocar o balón coa man fóra da área.

O lateral dereito Pita tivo que asumir as funcións de porteiro. Fíxoo xogando algo máis adiantado do habitual para esa posición, tratando de contribuír tamén á saída de balón do seu equipo.

O Xermade ampliou a vantaxe por medio de Hossu, mentres Rocky recurtou distancias nos últimos minutos. O Celta non conseguiu completar a reacción e queda con 11 puntos. Os visitantes alcanzan os seis.

O Xove Lago confirma a súa transformación

O Xove Lago sumou a súa terceira vitoria consecutiva ao superar ao Mondoñedo (2-0). Os mariñáns, que non gañaran nas cinco primeiras xornadas, alcanzan agora os dez puntos e ascenden á décima posición.

O Xove levou a iniciativa desde o comezo, tanto nas disputas como na organización do xogo. Con todo, o encontro chegou ao descanso sen goles.

A dinámica mantívose durante boa parte da segunda metade e o marcador non se abriu ata o tramo final. Xopi adiantou ao Xove nunha acción na que os visitantes reclamaron fóra de xogo.

O Mondoñedo reaccionou e dispuxo de oportunidades para empatar, pero, cando buscaba a igualada, Cley estableceu o definitivo 2-0.

O encontro deixou tamén a expulsión de Christian, futbolista do Mondoñedo, que permanece con 11 puntos na oitava posición.

Riotorto e Abadín manteñen a igualdade na zona baixa

O Riotorto e o Abadín empataron (1-1) nun duelo directo entre dous equipos que chegaban igualados a seis puntos. O resultado deixa a ambos con sete, fóra dos postos de descenso directo, aínda que cunha marxe moi reducida.

O Riotorto realizou unha boa primeira metade e conseguiu adiantarse por medio de Jairo. O Abadín tamén tivo algunha oportunidade, pero chegou ao descanso por detrás no marcador.

Na segunda parte, os locais foron acusando o desgaste físico e os cambios realizados. O Abadín gañou presenza nas segundas xogadas e nas accións a balón parado, ata conseguir o empate por medio de Noé González.

Nun final polémico, Ángel Anido foi expulsado por dobre cartón amarelo tras protestar unha decisión arbitral.

O Abadín queda duodécimo e o Riotorto décimo cuarto, ambos con sete puntos.

GRUPO 2

O Friol golea e queda só á fronte da clasificación

O Friol sumou a súa sexta vitoria da temporada ao superar ao Rubián (4-0) e aproveitou o empate entre Antas e Paradela para situarse como líder en solitario con 19 puntos.

Os locais levaron a iniciativa desde o comezo, cunha maior presenza co balón e boas combinacións ofensivas. Roca e Boado marcaron na primeira metade para establecer o 2-0 co que se chegou ao descanso.

O Rubián tratou de crear perigo mediante transicións rápidas, pero tivo dificultades para frear as chegadas do rival. Na segunda parte, o Friol mantivo o control e ampliou a vantaxe cos tantos de Bruno e Cancio.

As dúas versións coinciden na superioridade do cadro friolés, que puido conseguir un marcador máis amplo. O Rubián recoñeceu que as intervencións do seu porteiro evitaron unha derrota maior.

O Friol afrontará agora unha cita especialmente importante: visitará ao Paradela, terceiro clasificado con 17 puntos. O Rubián queda con nove, na undécima posición.

Antas e Paradela deixan o liderado en mans do Friol

O Antas e o Paradela empataron (1-1) nun duelo directo entre dous equipos que chegaban igualados no máis alto da clasificación. O resultado deixa a ambos con 17 puntos, dous menos que o Friol.

Foi un encontro equilibrado, con poucas ocasións durante varios tramos e no que as defensas tiveron un papel importante. O Paradela levou algo máis a iniciativa nos primeiros minutos, mentres o Antas tamén dispuxo de oportunidades para adiantarse.

Na segunda metade, Losada transformou un penalti para poñer por diante ao Paradela. Os visitantes tiveron ocasións para ampliar a vantaxe, pero atopáronse coas intervencións do porteiro local, Kevin.

Arredor do minuto 70, Guy aproveitou un balón solto na frontal da área e marcou cunha volea para establecer o empate. O Antas buscou posteriormente completar a remontada, pero o marcador xa non se moveu.

O Antas conserva a segunda posición e o Paradela queda terceiro. Este último recibirá ao Friol na próxima xornada, nun novo duelo directo pola cabeza.

A Sarriana B marca tres goles con dez e outro con nove

A Sarriana B venceu ao Santa Comba (4-2) nun dos encontros máis particulares da xornada. O filial conseguiu unha vitoria de mérito malia sufrir dúas expulsións e disputar boa parte do partido en inferioridade numérica.

Xoel abriu o marcador nos primeiros minutos, pero o Santa Comba conseguiu igualar xusto antes do descanso cun penalti transformado por Leandro. Na acción foi expulsado o porteiro local, Hugo Castro.

O propio Xoel, extremo dereito e autor do primeiro tanto, tivo que asumir as funcións baixo paus.

Malia quedar con dez, a Sarriana B volveu adiantarse nada máis comezar a segunda metade cun gol de Nico. Posteriormente, David Alonso ‘Cholas’ ampliou a diferenza ata o 3-1.

Con ese marcador, Valiña tamén foi expulsado, polo que os locais quedaron con nove futbolistas. Nin sequera esa circunstancia impediu que Pablo No marcase o cuarto gol do filial. Xa na recta final, Miguel Camiño estableceu o definitivo 4-2.

A Sarriana B alcanza os 15 puntos e sitúase cuarta, a catro do líder e cun partido menos. O Santa Comba queda con 13.

O Palas levanta un 2-0 e prolonga a súa boa serie

O Palas conseguiu unha remontada ante A Piringalla (2-4) que lle permite alcanzar os 14 puntos e situarse quinto na clasificación, tras enlazar cinco encontros sen perder.

Os locais comezaron mellor no marcador. Erik abriu a conta goleadora da Piringalla e un tanto en propia porta de Viña ampliou a vantaxe ata o 2-0.

O Palas conseguiu recurtar distancias xusto antes do descanso cun penalti transformado por Martínez.

Os visitantes saíron con maior iniciativa na segunda metade e conseguiron empatar por medio de Carnero. Co paso dos minutos fixéronse co control do encontro e completaron a remontada cun gol en propia porta de Erik, que antes marcara para os locais. Samu Vázquez estableceu o definitivo 2-4.

O resultado deixa á Piringalla na última posición con tres puntos.

Yelko marca as diferenzas no Incio

O San Roque sumou a súa segunda vitoria consecutiva ao superar ao Incio (0-2), cun dobrete de Yelko, que marcou un gol en cada metade.

O encontro estivo condicionado polas características do terreo de xogo. O San Roque adaptou o seu sistema para afrontar un partido no que agardaba moito xogo directo e disputas. O Incio competiu de igual a igual durante boa parte da primeira metade, mentres os visitantes trataron de manter a solidez defensiva e aproveitar as transicións.

Nunha desas saídas rápidas, Yelko abriu o marcador pouco antes do descanso. Na segunda metade, o San Roque atopouse máis cómodo e conseguiu xerar máis perigo.

O Incio sufriu ademais un contratempo coa lesión do seu porteiro, que obrigou a Edu Mao poñerse baixo paus, situación que xa viviu máis veces nas últimas tempadas. Os visitantes dispuxeron de ocasións para ampliar a vantaxe e Yelko acabou asinando o segundo gol.

O triunfo sitúa ao San Roque sexto con 13 puntos, igualado co Santa Comba. O Incio queda con seis, na décimo cuarta posición e en zona de descenso directo.

Makuita decide o duelo de filiais no Sangoñedo

O Monterroso B superou ao Chantada B (0-1) grazas a un gol de Martín Cadahía, ‘Makuita’, futbolista aínda en idade xuvenil.

O encontro comezou cunha primeira media hora equilibrada, na que os visitantes se atoparon cómodos e ambos equipos tiveron as súas opcións. Makuita aproveitou un erro na marcaxe do Chantada B no medio do campo para marcar o único gol.

A partir de aí, o filial chantadino foi gañando presenza ofensiva. Antes do descanso dispuxo dunha boa ocasión cun remate de cabeza de Hugo Díez, que detivo o porteiro visitante.

Na segunda metade, o Chantada B levou máis a iniciativa e acumulou chegadas á área rival. Os locais dispuxeron de oportunidades para empatar, especialmente por medio de Manu Vacas e Poyán, pero non conseguiron transformar ningunha.

O Monterroso B, condicionado polas baixas e polas dimensións do campo, optou por defender a vantaxe cun bloque máis atrasado. Os visitantes conseguiron resistir ata o final e levar os tres puntos.

O resultado permite ao Monterroso B alcanzar os 12 puntos e situarse oitavo, mentres o Chantada B queda con oito, na duodécima posición.

O San Lázaro suma o quinto empate

O San Lázaro e o Corgo empataron (1-1) nun encontro no que ambos equipos dispuxeron de oportunidades para levar os tres puntos. O resultado deixa ao San Lázaro con 11 puntos e cinco empates nas oito primeiras xornadas, máis ca ningún outro equipo do grupo.

O Corgo comezou mellor, cunha boa organización defensiva e saídas rápidas ao ataque. Os visitantes xeraron varias ocasións durante a primeira media hora, entre elas un remate de Ethan ao traveseiro, pero non conseguiron adiantarse.

O San Lázaro foi equilibrando o encontro e acabou golpeando xusto antes do descanso. Álex Freire culminou unha boa xogada colectiva para establecer o 1-0.

Na segunda metade, o Corgo reaccionou e conseguiu gañar presenza ofensiva. Núñez marcou o empate tras unha combinación dos visitantes, que continuaron buscando a vitoria. O San Lázaro tamén dispuxo de dúas oportunidades claras para recuperar a vantaxe.

O desenlace puido ser diferente. Na última xogada, Núñez rematou de cabeza moi preto da liña de gol, pero enviou o balón por riba do traveseiro.

O empate permite ao Corgo alcanzar os seis puntos e saír dos postos de descenso directo, aínda que continúa igualado co Incio.

O Portomarín frea ao Ferreira

O Portomarín e o Ferreira empataron sen goles (0-0) nun encontro no que os visitantes levaron a iniciativa, pero non conseguiron transformar as súas ocasións.

Os visitantes tiveron o control do xogo durante boa parte do partido e dispuxeron de varias oportunidades para adiantarse. Algunhas non chegaron a concretarse por falta de acerto e noutras resultaron decisivas as intervencións do porteiro do Portomarín, Joshua.

O empate deixa ao Ferreira con dez puntos, na décima posición, mentres o Portomarín alcanza os catro, na penúltima praza. Para os locais supón sumar despois da derrota ante o San Roque, aínda que seguen en postos de descenso directo.

As luvas de Carracedo, Xoel, Edu e Pita e o gol xuvenil de Makuita

A boa xeira de Sober e Relámpago