No regreso da SD Chantada á Preferente houbo diferencias entre o equipo da última etapa na categoría, pero o que non cambiou é quen é o líder do equipo. Kadete segue sendo unha das referencias e, no apartado emocional, o principal mando do Chantada co brazalete no brazo. Con corenta anos segue marcando goles e, hai non moito, deu un empate moi importante para os seus nunha gran actuación. Un dos grandes nomes do fútbol lucense que segue a dar alegrías.
O capitán do Chantada pasou polos micrófonos do Ser Deportivos Lugo desta semana e enfrontouse ás preguntas de Álex Gato, presentador do programa, e Diego Díaz, redactor de Futbolinlugo.
Entrevista a Kadete do Chantada
Álex Gato: A idade é só un número e demostráchelo marcando un gol moitos anos despois na Preferente para o teu Chantada.
Kadete: Hai vinte anos era só un número, agora empézase a notar. Para marcar nunca é mal momento e, pese a que saben mellor para gañar, non está nada mal sumar un puntiño.
Futbolinlugo: Como están sendo os encontros na volta á Preferente?
K: Son partidos moi igualados que se deciden por detalles. Creo que se nos nota un pouco a falta de experiencia na categoría e estanos a pasar factura á hora de sumar algún punto máis. O traballo está sendo bon e se seguimos nesta liña daremos moita guerra.

FIL: Falabas de detalle, os teus goles na Preferente foron hai dez anos, cando tiñas 30, e agora as pernas teñen máis rodaxe e xogas nunha posición diferente. Pero a cousa é, xogas coa mesma ilusión?
K: Eso é o que me mantén competindo. Fai tres anos rompín a rodilla e a miña condición física baixou un pouco. O grupo que temos en Chantada e a ilusión fan que me sinta moi ben adestrando. Mentres me respeten as lesións, seguirei axudando ao club en todo o que poida.
AG: Que diferencia notas entre as Preferentes nas que competiches?
K: Téñoo falado con xente máis próxima. Vexo todo máis profesionalizado nos clubs. Antes xuntabaste para xogar, pero agora hai un cambio moi importante. Todos veñen con cámaras e moito staff técnico. Non notabamos tanta diferencia noutros anos en comparación coa situación actual.
FIL: Que precisa este combativo Chantada para salvarse?
K: Creo que temos que continuar nesta liña traballando e confiando en nós. Vimos de catro anos gañando moito e agora é complicado. Temos que confiar tamén nos rapaces que nos están dando moito. Toca seguir e animar á xente a que nos siga apoiando. Imos dar guerra nesta Preferente.

