#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

Os inesperados xóganse mandar na Segunda Futgal Sur

Paradela e Friol xóganse o mando da Segunda Futgal

Poucos podían esperar o gra arranque de Paradela e Friol, pero chegan á novena xornada xogándose o liderado do grupo Sur da Segunda Futgal. Un equipo asentou a súa posición a base de goles, con 20 tantos marcados, mentres que o outro fíxoo a través da defensa, con só 7 goles encaixados. O Gandarón vivirá este domingo ás 16.15 horas un encontro espectacular entre dous estilos moi diferenciados.

Cando falamos de que a situación pode semellar inesperada é, en boa medida, polo que aconteceu no anterior curso. O Paradela rematou na décima posición e o Friol, unha por detrás. Ao comezo do ano asemellaba que ía haber outros favoritos, pero ambos equipos fixeron un inicio de campaña realmente sobresaínte para asentarse na parte alta da clasificación

Dentro do encontro, haberá moitos aspectos que ver, pero unha guerra entre o ofensivo e o defensivo. A experiencia de Marcos Arias está acompañada dunhas cifras sobresaíntes neste curso. É o líder a nivel goleador dos seus con 7 tantos, a dous de Yelko do San Roque. Pola súa parte, no Paradela manda Losada con cinco, pero hai un punto no que o Paradela é superior. Eros só encaixou sete tantos, o que os convirte na mellor defensa da competición

OS PROTAGONISTAS

Eros, porteiro do Paradela

Comezo de curso para o Paradela: Está sendo un comezo normal dentro do vestiario. Temos unha cousa boa que é que intentamos non darlle importancia a clasificación ata o momento, intentamos nin mirala. Só queremos seguir compentindo como ata o de agora.

Razón do comezo de curso: O máis importante de todo é que temos un grupo unido cheo de amigos e onde temos moitos xogadores da vila, algo que é moi importante. Tamén influiu a chegada de Senén, porque trouxo un novo modelo de xogo e xogadores que tamén nos axudan a fortalecer o grupo.

Chave do encontro ante o Friol: A chave de todos os encontros é a intensidade. Témoslle que dar moita importancia a xogar na casa. Temos que sacar a nosa garra para que os pequenos detalles veñan a favor.


Juanma, adestrador do Friol

Comezo de curso para o Friol: Non sabía o que me ía atopar cando chegara a Friol porque só coñecía a Brais, co que xoguei en Ribadeo. A verdade é que non estou contento, estou contentísimo. Póñenmo moi doado porque veñen todos a adestrar. Están interiorizando o modelo de xogo, que metín cousas para aproveitar as fortalezas que vía nos adestramentos.

Razóns bo rendemento: A verdade é que nestas oito primeiras xornadas seremos protagonistas con balón. Nun encontro, para min, sempre hai varios minipartidos moi diferentes. Seguimos no proceso de interiorizar ese modelo de xogo e están saíndo as cousas ben. Cando estás aí, tes que aproveitalo pese a que o primeiro é chegar aos corenta puntos.

Chave do encontro ante o Paradela: Salvo o día de Santa Comba, que non nos aclimatamos ao campo, estivemos cómodos. Somos máis de campos artificiais, pero creo que no do Paradela poderemos loitar pola solidaridade que hai dentro do grupo e porque se adapta mellor ao que queremos facer.

A ANÉCDOTA

Desde a 22-23 se ven as caras ininterrumpidamente, pero hai algo que non puideron evitar no seu destino. Nesa campaña chegaron a enfrontarse en catro ocasións. Houbo dúas vitorias para o Friol polo mesmo resultado, 3-1, mentres que gañaron unha vez fóra da casa por 0-4. No encontro restante, o Paradela venceu 4-3.

A AXENDA

Terceira RFEF

Racing Villalbés-Somozas (domingo ás 12.00 horas na Magdalena): Non é un derbi provincial, pero está moi preto de selo. Os chairegos reciben a un equipo moi próximo en ubicación e en obxectivos. O seu rival vén cun cadro de xogadores cargado de nomes moi recoñecibles na categoría, pero que, ata o momento, non está carburando en resultados, ocupando a antepenúltima praza.

Preferente Futgal

Pol-Órdenes (domingo ás 12.15 horas no Municipal): Todos os equipos levan, como mínimo, dous encontros perdidos. Todos menos o Pol, que continúa invicto, pero a dous puntos do Negreira e do San Tirso. Para seguir na persecución dos grandes favoritos polo ascenso, terán que conseguir tres puntos na casa ante un rival en horas baixas.

Primeira Futgal

Outeiro de Rei-Ribadeo (domingo ás 16.30 horas no Municipal de Outeiro): Á revelación da Primeira Futgal tócalle recibir a un dos grandes xigantes da competición. Os tres puntos estarán en xogo, pero tamén será un bo termómetro da ambición de ambos cadros para unha tempada que promete ser moi igualada na parte alta da táboa do grupo lucense.

Segunda Futgal

Xove Lago-Riotorto (domingo ás 16.30 horas no Municipal de Xove): Despois das últimas tempadas, parecería imposible que os dous equipos ocupasen a parte baixa da Segunda Futgal. Son malos inicios de ambos, pero que queren resolver de cara á nova fase da tempada en forma de tres puntos.

Terceira Futgal

Quiroga-Sober (domingo ás 16.15 horas no Municipal de Quiroga): Nunha Terceira Futgal Sur na que todos os equipos están apretando moito para poder ir cara arriba, os dous equipos da Ribeira Sacra terán un bo encontro para dar un golpe enriba da mesa e demostrar da pasa da que están feitos para ir a polo ascenso.

Fútbol feminino

Antas-Valladares (domingo ás 16.30 horas no Castro Seoane): O Antas suma 24 puntos e un récord impoluto, oito vitorias en oito encontros, mentres que o seu rival sé fallou cunha derrota. O primeiro posto está en xogo para o cadro lucense, algo vital para consolidar o paso á seguinte fase pola parte de arriba.

Os inesperados xóganse mandar na Segunda Futgal Sur

A boa xeira de Sober e Relámpago