Antes loitábase por entrar na convocatoria e polo posto, agora xoga calquera

Antes de nada, quero agradecer a Futbolinlugo a oportunidade de dar o meu punto de vista sobre o noso fútbol, o fútbol ó que eu chamo o de verdade’. Darvos tamén a noraboa polo voso traballo e por achegarnos a información en calidade e cantidade das nosas ligas e dos nosos equipos.

Armental, sentado no banquiño. MARILUZ FAGÍN

Esta é a miña primeira temporada como adestrador trala formación recibida na Escola Galega de Adestradores (Uefa B, A, PRO e adestrador porteiros). E despois de pasar neste mundo do fútbol por xogador, directivo, colexiado e seareiro; observo que na zona sur algo pasa en canto o número de xogadores que temos por conxunto. 

Na miña época de xuvenil recordo unha Liga provincial  na que equipos da zona sur como Brollón, Rubián, Arenas, Calasancio, Escairón e Ferreira, entre outros; tiñan equipo de xuvenís. Estes equipos estaban feitos por un número abundante de rapaces do pobo que tiñamos que loitar. Primeiro por facerse un sitio na convocatoria, logo no equipo. E ademais soñar con ir a xogar co primeiro equipo.

Os equipos senior estaban formados por abundantes xogadores do pobo con míticos capitáns, que eran verdadeiros exemplos do que significaba vestir a camiseta do pobo. No meu caso tuven dous grandes no Ferreira CF (Pepe e Diego Quiroga ‘Zizú’). Daquela, entrar nos equipos non era doado, e había que adestrar moito e ben para estar aí.

Co paso dos anos foron desaparecendo. Primeiro os equipos xuvenís, despois os xogadores do pobo. E xa nestes tempos o número total de xogadores e xa non digamos de porteiros.

Falando con moitos adestradores nestes últimos tres ou catro anos, todos coinciden en que agora se pasa de todo. Todo da igual e por riba hai que consentirlles porque te quedas só. Unha vez chegaron a dicirme: «si sabes de alguén que saiba atar as botas, mándamo».

Como adestrador este ano na base da zona sur, vexo poucos futbolistas que pasen de idade en xuvenís e vaian a completar cadros de xogadores pola zona. Co cal, o futuro destes equipos baixo a miña opinión, pode ser a crónica dunha morte anunciada. Na que lonxe van quedar aquelas tardes de derbis cando non existía a Terceira Rexional e sempre se xogaba contra equipos veciños.

Non sei se estamos a tempo de recuperar neste sentido aos equipos da zona. Pois entre a despoboación, rapaces que estudan nas grandes cidades e o abandono da practica deste deporte… Agrandan as posibilidades de non saír a competir ano a ano.

Ramón, en plena acción. MARILUZ FAGÍN

Unha solución aos tempos de agora de futbolista cómodo, pode ser que volvan as Ligas (norte, centro e sur) para xogar entre e contra veciños. Con desprazamentos sempre curtos e que volva espertar o sentimento de levar posta a camiseta do pobo e defendela contra os do lado. E, por outra parte, igual cambiar os horarios futbolísticos para que os rapaces poidan compaxinar os partidos co transporte público que os leva a estudar nas grandes cidades.

Este é o meu pequeno aporte sobre o noso fútbol, o de verdade. Espero que esta pandemia remate pronto e que volvamos todos sans e salvos para seguir disfrutando do fútbol. Un abrazo para todos e todas. 

Ramón Sánchez ‘Armental’. Lenda do fútbol monfortino. Antigo ‘xusticero’, recente pescador de talentos

Comparte
                                                

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*