Os 32 equipos da 2ª Rexional deixan os seus desexos para o novo ano. Fano a través dos seus capitáns. Eses xogadores que falan fóra e dentro do campo, desta volta fano tamén en Futbolinlugo.
A Segunda Rexional retomará a competición na segunda fin de semana de xaneiro (13 e 14). En ambos grupos falta unha xornada para rematar a primeira volta.
O Pastoricense é o líder da zona norte con dous puntos de marxe sobre o Racing Villalbés B. O Iberia, o San Ciprián e o Folgueiro completan os postos de play off. O Xermade, o Pontenova e o Cospeito están a menos de seis puntos do 5º clasificado.
O Oural é o líder da zona sur; ademais xa é campión de inverno ao contar con cinco puntos de marxe con respecto ao Friol. O Becerreá, o Brollón e o Antas completan os postos de promoción de ascenso. O San Lázaro e o Ferreira están a menos de seis puntos do 5º clasificado.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
Antes de que volva a liga, varios equipos xogarán esta finde a primeira eliminatoria de Copa. O Folgueiro – Racing Villabés B ou o Friol – San Lázaro son algúns dos cruces máis atractivos.
Será un 2024 intenso. Os 32 primeiros capitáns dos equipos da Segunda Rexional da provincia déixannos os seus desexos para este novo ano. A orde na que aparecen correspóndese coa posición dos seus equipos na táboa.
![primeira](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2023/12/Programacion-3_page-0001-1.jpg)
Os desexos da zona norte (16/32)
Raúl Sanjurjo (UD Pastoricense): «Que este grupo que se creou esta temporada non cambie, que cada un dos rapaces non deixe de ser como son. Comecei en sénior hai 20 anos e moitas campañas paseino regular porque eramos seis ou sete adestrando cada martes e poucos máis os venres. Este ano estouno disfrutando moitísimo. Non quero dicir que non pida o ascenso, claro que si, pero impórtame máis ver a Dani curado e ver un equipo cunha idade media moi nova e con compromiso. Deséxolle o mellor tamén ao Muimenta no que hai xente como Dani Francos, os irmáns Morán,… aos que lles quero moito«.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
Gabri Blanco (Racing Villalbés B): «Moita saúde para todos o primeiro de todo. En canto ao deportivo, acadar os obxetivos marcados e que poidamos seguir sumando novas experiencias. Que as lesións nos respecten e nos deixen seguir disfrutando deste deporte«.
Marcos Rodríguez (Iberia): “Manter o bo grupo humano que temos formado entre xogadores, corpo técnico e directiva. Tamén desexariamos que non haxa lesións de gravidade. Con estas bases primordiais, intentar loitar por alcanzar os postos de privilexio tanto na liga como na Copa”.
Borja Mella (San Ciprián): “Un ano cheo de bos momentos dentro e fóra do campo e sen lesións importantes”.
Marcos Calvo ‘Kiños’ (Folgueiro): «Que nos respecten as lesións un pouquiño e despois que podamos pelexar polo ascenso ata o final«.
Esteban Pernas (Xermade): “Seguir competindo e disfrutando en cada partido con este grupo de amigos como o levamos feito”.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/12/senmas3.jpg)
Borja Lombardero (Sporting Pontenova): «Seguir competindo todos os partidos como vimos facendo ata agora e intentar quedar o máis arriba posible pelexando ata o final de temporada polos postos de play off. Esperemos neste ano consolidar a canteira e manter vivo o club con xogadores da casa. Darlles as grazas aos xogadores do equipo xuvenil que nos están aportando moito traballo e calidade para o equipo sénior«.
José Carlos Rábade ‘Tito’ (Cospeito): “Primeiramente que a xente de Cospeito e dos arredores sigan podendo disfrutar do fútbol na súa casa; tanto xogadores, como afección. Segundo que ninguén teña lesión grave nin haxa violencia nos campos. De terceiro que podamos acadar eses postos de ascenso que tan cerca os tivemos o ano pasado”.
Ángel Valea (Alfoz): “Que o noso club siga medrando a pasos cortiños, pero seguros para alcanzar as súas metas. Que as lesións nos respecten para seguir disfrutando do que máis nos gusta e que a afección nos siga apoiando como ata o momento. Saúde e sorte para todos”.
Marcos Sancosmed ‘Driver’ (Comercial): «Que o equipo non teña lesións graves porque o ano pasado tivemos varias de longa duración. Que esteamos todos sans e no deportivo non sufrir. E por que non non aspirar a meternos no play off? Por pedir que non sexa«.
Miguel Regueira (Abadín): “Principalmente conseguir manter a categoría e intentar chegar o máis lonxe posible na Copa Deputación”.
Jacobo Balseiro (Candelaria): “Só pedimos saír da zona baixa da táboa e poder darlle unha alegría a toda a xente que nos vén ver xogar cada fin de semana”.
Pepe (Cabreiros): «Non pasar tantos apuros e que o Cabreiros volva a ser o equipo competitivo que foi sempre«.
Miguel Lorigados (Mondoñedo): «Saúde para todos. E, xa que o ano pasado tivemos moitas lesións, pediría que nos respectaron un pouco para poder competir en condicións. Quedar o máis arriba posible en Segunda Rexional xa que estes rapaces meréceno«.
Javier Morán (Muimenta): “Recuperar aos xogadores que temos lesionados para conseguir revertir a mala xeira de resultados da 1ª volta. E, sobre todo, seguir mantendo o bo grupo e bo ambiente no vestiario destes anos; algo indispensable para que as cousas saian ben”.
Esteban ‘Sebas’ (Roupar): «O máis importante que non se faga dano ninguén. E no puramente deportivo cambiar a dinámica de resultados que tivemos neste último ano«.
![Ano 2024](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2023/12/FELIZ-ANINOVO.jpg)
Os desexos da zona sur (16/32)
Fran López (Oural): “Seguir na mesma dinámica de resultados, que nos respeten as lesións e siga habendo bo ambiente no vestiario”.
Bruno Castro (Friol): “Ser unha familia de corenta compañeiros (primeiro equipo máis filial). Que vaian progresando rapaces para poder manter a estrutura do club. O fundamental a estas alturas é manter vivo o equipo e que veña empuxando a xente máis nova con ganas. É prioritario nos sitios pequenos como é o noso caso”.
Jesu Rodríguez (Becerreá): “Esperamos un 2024 similar aos anteriores cando competimos ata o final polo ascenso de categoría. Este ano intentarémolo de novo, pero o máis importante é seguir como o grupo que somos; todos xogadores da zona e formados no club. Sona a topicazo, pero máis que un club somos unha familia que leva xogando xuntos dende nenos”.
Miguel Casanova (Brollón): “Seguir mantendo a ilusión por competir en cada partido e ante todos os rivais, como ata agora. Sabendo que queda moito e van vir tempos difíciles. Que ninguén sufra unha lesión de gravidade e que toda a afección siga acudindo a apoiarnos como ata agora aos Medos. A nivel persoal gustaríame poder desputar unha fase de ascenso e quen sabe se, á terceira, intentar gañar unha Copa Deputación”
Ángel Méndez (Antas): «Que sigamos sendo o club que fomos ata agora, xente humilde e de traballo; que en base a esas dúas premisas consegue éxitos e o que teña que ser sexa«.
Pablo Gómez (San Lázaro): “Ogallá teñamos saúde e sorte para poder competir polos postos altos da táboa, gozando do camiño percorrido. A nivel xeral, que todas as persoas que fan posible o fútbol na provincia nos respetemos mutuamente e poñamos en valor o papel que cada quen desempeña”.
Edgar López (Ferreira): «Quedar o máis arriba posible na liga e o chegar o máis lonxe que podamos na Copa. Na nosa man está ata onde queremos chegar«.
Marcos Senande (Palas): «Consolidarse na categoría e seguir crecendo como equipo, sendo exemplo para as categorías da base e para que o proxecto do Palas CD poida perdurar no tempo«.
Carlos López (Paradela): “Defender o título de Copa para volver gañala e lograr meternos nos postos de play-off para pelexar polo ascenso”.
Emilio López (San Roque): “Principalmente que nos respeten as lesións. Ademais de seguir medrando como equipo e competir ao máximo todos os partidos. Tamén nos gustaría facer un bo papel na Copa Deputación”.
Álex de la Fuente ‘Piki’ (Lemos B): “Poder seguir desfrutando deste deporte cos meus compañeiros e conseguir facer unha mellor segunda etapa de liga sen ter tantas baixas”.
Álex Mondelo (Quiroga): «A salvación e quedar o máis arriba que podamos na táboa. Na Copa pasar o maior número de roldas posibles. Queremos facer unha segunda volta boa para poder conseguir o antes posible a permanencia, aínda que sabemos que vai ser moi difícil. Este ano a liga é moi igualada. Na primeira volta tivemos varios partidos de mala sorte e varios xogadores lesionados que esperemos contar con todos eles nesta segunda volta«.
Roberto Domínguez (Carballedo): «Seguir sendo un grupo unido e competitivo; á par de disfrutar deste deporte para acadar a nosa meta que é a permanencia o antes posible nesta segunda campaña de asentamento na categoría«.
Nacho Castellano (Incio): “Que haxa moita saúde, que sigamos tendo un grupo moi unido para seguir competindo e por último, se pode ser, manter a categoría e permanecer na Segunda Rexional”.
Efrén Vázquez (Chantada B): “Que as nosas próximas xeracións de xuvenís poidan competir na Segunda Rexional e acadar así, o primeiro equipo o máis rápido posible. E seguir mantendo a unidade e vínculo en todas as categorías do club. Desfrutar deste 2024 coa maior felicidade”.
Suso Castiñeira (Sporting Lucense): “Mando unha pronta recuperación a varios dos nosos compañeiros de equipo que están lesionados. Espero un bo comezo de segunda volta para o noso club, xa que non está pasando polo seu mellor momento. Co esforzo dos xogadores e os adestradores Merino e Lolo sacaremos os resultados adiante”.