Tito é o home da semana en Cospeito. Un gran gol de Tito deulle a vitoria ao Cospeito no derbi ante o Muimenta. Foi nos últimos intres cun disparo de volea dende fóra da área. É o terceiro gol de Tito na súa carreira sénior. O segundo que lle marca ao Muimenta.
Os datos das dez primeiras xornadas en ‘O Noso 11 A Chaira’:
- Equipos que menos perderon: Racing Villalbés B, Iberia, Pastoricense, Xermade e Oural (un partido)
- Equipos que non gañaron: Roupar e Chantada B.
- Equipos que máis puntuaron: Oural (25 pts)
- Equipo que máis goles marcou: Oural (29 goles)
- Equipo que menos goles encaixou: Palas (4 goles)
- Máximo goleador: Mario Puerta – Oural (13 goles)
- Porteiro que menos encaixa: Javi – Palas (3 goles en 629 minutos)
- Tendo en conta as últimas tres xornadas…
- Equipos na mellor xeira: Iberia, Pastoricense e Oural (catro vitorias seguidas no caso do Iberia e do Pastoricense; O Oural leva 5 seguidas)
O dos tres líderes xa non é unha broma
Na zona norte, o Racing Villalbés B, o Iberia e o Pastoricense continúan encabezando a táboa nesta orde. Os tres teñen 23 puntos, seis máis que o 4º (Folgueiro) e oito máis que o 6º (Cospeito).
O filial do Racing sumou a sétima vitoria do curso ante a Candelaria. Xogou como local no artificial da Fonte (en Cospeito). O encontro comezou cunha hora e medio de retraso. Tivo que vir outro árbitro por incomparecencia do colexiado designado.
Comezou ben o Racing B, tendo facilidade para mover o balón. Atopouse cun gol en propia que lle facilitou máis o camiño. Logo, Anxo atinou a rematar de cabeza unha falta lateral pateada por Samu López. No segundo acto igualáronse as forzas. Pero practicamente non houbo fútbol. O Racing termou da vantaxe.


Na próxima xornada o Racing B visita ao Xermade. Faráo sen dous referentes no ataque. Adrián García que cumple ciclo e Samu López que foi sancionado con dous partidos. Nos locais tampouco poderá ser da partida o capitán Esteban, expulsado no último encontro.
O Iberia foi superior ao San Ciprián xa dende o inicio. A presión e o gol de cedo de Franchi encarrilou o encontro. Continuou o dominio visitante na primeira media hora. Unha chegada de Ángel pola banda posibilitou o segundo tanto de Franchi.
Con 0-2 o partido igualouse máis. O Sanci inquietou a portería rival pero sen acerto. O Iberia sentenciou nos últimos intres cun gol de Carlos á contra.


O Pastoricense derrotou ao Alfoz. O cadro alfocense afrontou o encontro con numerosas baixas. Aínda así, tivo os seus momentos no partido.
Os goles non chegaron ata o segundo tempo. Dieguito estreou o marcador a favor do Pastoricense. Os locais quedaron cun menos pola expulsión por dobre cartón amarelo de Manu Penedo. O Pastoricense marcaría o segundo por medio de Cristian.
O Folgueiro – Pastoricense deste sábado ás 16:00h é un dos grandes encontros da xornada. O cadro da Pastoriza non poderá contar cun dos seus referentes ofensivos: Manu Penedo.
O Folgueiro ascende á cuarta praza
Precisamente, o Folgueiro tamén chega nunha boa liña. Catro triunfos nos últimos cinco encontros. Vén de gañar ao Roupar en Boavista. Os locais sentáronse mellor nos primeiros minutos.
Tras poñerse por diante o Folgueiro, o encontro foise igualando. Na segunda metade non houbo grandes diferencias. Os pupilos preparados por Manuel Vicente controlaron o xogo e o Roupar intentouno ao contraataque.

O Xermade mantense en play off
O Xermade empatou na súa visita ao Abadín. É o ‘rei’ do empate no grupo. Acumula seis igualadas en dez xornadas. O punto sérvelle para estar a carón da zona alta. Está empatado co Cospeito a 15 puntos. O Abadín está na zona media con once puntos.
O cadro xermadés gañaba 0-2 avanzada a segunda metade. Pedro Coria marcou un dobrete. Con todo, os locais lograron igualar. Iván Carracedo primeiro e Ángel Paz, cun bo gol de falta directa, despois.

O GOL DE TITO PERMÍTELLE AO COSPEITO volveR estar ás portas da zona de promoción
O derbi do concello de Cospeito quedou na Fonte. O equipo preparado por Luis Romay volveu ao camiño da vitoria nun día grande. Chega aos 15 puntos e suma o cuarto triunfo do curso. O Muimenta métese en problemas coa quinta derrota seguida.
É un dos goles máis especiais nos vinte anos de carreira de Jose Carlos Rábade ‘Tito’. Un gol seu deulle ao club vermello o triunfo xa no tempo extra. De feito, é o seu terceiro gol na súa traxectoria sénior. Marcaralle ao Muimenta e ao Catro Roldas. Levaba dez anos sen ser goleador.
Antes da efusividade local co gol de Tito, o encontro estivo parello por momentos. Os locais intentaron levar o peso pero estiveron máis imprecisos que de costume con balón. Puxéronse por diante por medio de Paredes. Con todo, Fran Fernández fora quen de igualar para un Muimenta que xogou escaso de efectivos.
O cadro celeste acudiu ao derbi co Cospeito con catorce xogadores. Jorge Gómez foi expulsado e non estará dispoñible esta finde para xogar co San Ciprián no Pichón. Tamén quedou cun xogador menos o Cospeito. Rui non puido continuar por molestias e o Cospeito xa cubrira o cupo de ventás de cambios.
O Sporting Pontenova volve gañar catro xornadas despois
O cadro pontenovés volveu ao camiño da vitoria ao vencer á Comercial. Foi un partido de alternativas no marcador. A Comercial chegou a ir gañando 2-1 e tivo algunha ocasión para ampliar a vantaxe. Pero non se rendeu o Sporting Pontenova que logrou a remontada.
Segunda vitoria seguida na casa do Cabreiros con dez
O Cabreiros enlaza tres partidos sen perder e logrou saír dos postos de descenso directo. Derrotou ao Mondoñedo nun duelo que quedou cun xogador menos aos doce minutos. Alejandro foi expulsado.
Ao pouco, nun bo centro lateral, adiantouse o Mondoñedo. En cambio, os locais reaxustáronse e foronse facendo co control do partido. Sergio Díaz marcou o empate. Cazás provocou un penalti antes do descanso. Tirou o capitán Pepe e remontada conseguida.
No segundo acto, contivo o Cabreiros as acometidas dun Mondoñedo que puido empatar. A contra facían dano os locais e Cazás e Hermida puideron sentenciar. Sentencia que si chegou na recta final cun remate de Hermida.
O Cabreiros é 13º con dez puntos. O Muimenta ocupa a antepenúltima posición con nove puntos. En descenso directo están o Mondoñedo (8 pts.) e o Roupar (1 pto.).

O Oural segue ao seu
Oitava vitoria da tempada para o Oural e quinta consecutiva. O conxunto preparado por Negrete continúa amosando o seu poderío. Derrotou ao Lemos B marcando tres goles e deixando a portería a cero. O filial lemista queda con once puntos na zona media baixa da táboa.
O Oural suma 25 puntos de 30 posibles. Por se fora pouco o poderío ofensivo que ten, estreouse como goleador nesta xornada Michi. O dianteiro de Sarria marcou un dobrete poñendo por diante aos seus ao pouco de comezar o encontro.
Antes do final, non faltou a súa cita co gol Mario. Tras unha xornada sen marcar, volveu facelo para acumular xa 13 goles. É o segundo máximo goleador dun equipo masculino sénior na provincia. Por diante está con 14 goles, o capitán do Sober, Martín Piñeiro.
A pesar do resultado, o Lemos B tivo os seus momentos no partido. Tivo máis protagonismo no segundo tempo. Sen ter grandes ocasións, xeraron perigo ante a portería rival.

O Antas ascende á segunda praza
O conxunto do Castro Seoane aproveitou a derrota do Friol para alcanzar a segunda praza. Gañou o seu sexto encontro no curso e consegue vinte puntos. O Antas está a cinco do líder. Acumula oito xornadas sen perder. Superou ao Quiroga pola mínima. O cadro quirogués mantense na zona media da táboa.
O Antas venceu ao Quiroga e tamén a si mesmo. Chegaba ao partido con 13 xogadores por mor das baixas. Saíron a defensiva e tentanto probar sorte no contragolpe. Todo saíu a pedir de boca. Xa no tramo final do encontro marcou Álex Diéguez ‘Show’ nunha acción rápida. Décimo gol da temporada para o ex do Bergantiños.
O Friol queda agora na terceira posición con 19 puntos, a seis do líder. Perdeu no Rodríguez Lago ante un San Lázaro que entra en play off. O cadro capitalino suma 16 puntos, marca a zona de promoción empatado a puntos co Brollón, co Ferreira e co Palas.
O San Lázaro logrou un importante triunfo ante un Friol lastrado tamén polas baixas. Non houbo excesivas ocasións, pero os locais estiveron acertados. Yelko puxo por diante aos seus cun gran gol. Dende máis de vinte metros de distancia con respecto á portería, pegoulle á escadra. Primeiro gol do curso do talentoso atacante lucense. Na recta final do choque, Jose poñería o segundo.
Becerreá, a seis do líder e cun partido menos
O Becerreá ocupa a cuarta posición na táboa empatado co Friol. O conxunto dirixido polo tándem Antón Méndez e Javi Gómez enlazou a terceira vitoria seguida cun partido aprazado polo medio. Superou ao Incio no Cascabeiro. O conxunto amarelo suma catro derrotas consecutivas. Ten un punto de marxe sobre o descenso directo.
Con todo, o resultado pode parecer enganoso. O encontro estivo moi igualado. Púxose por diante o cadro visitante na primeira metade.
Ao pouco de comezar o segundo tempo o Incio igualou. Vila sacou rápido de banda, Weimar puxo un centro que rematou a gol Cepeda. Minutos máis tarde o Becerreá logrou o segundo a balón parado e xa na recta final sentenciou.
O Brollón, o Ferreira e o Palas ás portas da zona de promoción
En dezaseis puntos está nestes momentos á referencia da zona de privilexio. O Brollón é un dos equipos que ten esa contía de puntos pero é 6º. Venceu no campo do Polvorín ante o San Roque.
O encontro foi de ti a ti. Sen haber grandes ocasións e mandando a igualdade, os locais adiantáronse á media hora cun gol de Raúl. A resposta do Brollón non tardou e empatou para marchar 1-1 ao descanso.
Seguiu reinando a igualdade no segundo tempo. Ambos equipos coinciden que que o encontro era de empate. Cando case todos contaban con el, Castañer atinou para rematar de cabeza e marcar o segundo gol.
O Ferreira tamén é outro dos equipos con 16 puntos. Impuso a súa calidade ante un Chantada B que non lle perdeu a cara. Os locais marcaron rápido o primeiro gol. Bruno logrou igualar para os visitantes.
Logo os locais marcaron o 2-1 nunha boa xogada combinativa. Máis un gran terceiro gol de Carlos dende fóra da área. Povis apertou o marcador para o filial. Con todo, nun penalti o Ferreira puxo o 4-2. Todo isto antes do descanso.
A segunda parte foi igualada. O Chantada B fallou un penalti que podería achegalos máis no marcador. Porén, encaixaron o quinto gol.
O Palas volveu gañar tres xornadas despois. Marcou tres goles ante o Sporting Lucense e volveu deixar a portería a cero. Neste partido anotou case tantos goles como acumulaba. Agora ten 8 goles a favor en total. Só catro en contra. Máxima rendibilidade á arte da pelotiña.
A primeira metade estivo igualada nos Chacotes. Os locais tiveron oportunidades e o Lucense deixouse ver nun tiro que pegou no pau.
Cambiaron as tornas no segundo tempo e abriuse a veda dos goles nos pupilos preparados por Brais Vázquez. Álvaro rematou a gol un centro de Noel, na conexión Samu – Samuel chegou o segundo e Tenerife, cun pase de Martínez, marcou o cuarto.

Chegou a vitoria do Paradela no regreso de José Ángel ao fútbol
Sete derrotas seguidas acumulaba un dos mellores equipos da provincia na temporada 22/23. Os pupilos preparados por Rubén Bergantiños superaron a un rival directo como é nestes momentos o Carballedo. A pesar de gañar, o Paradela aínda queda a tres puntos dos do Catro Ventos.
Con todo, foi unha vitoria agridoce. Romy rompeu a tibia no partido no que volvía xogar. Dende aquí mandámoslle moito ánimo a un dianteiro All Star.
Volveuse vestir de curto o gardamallas José Ángel. O portiero de Santa Comba volveu coller as luvas para axudarlle aos seus amigos do Paradela. As lesións de Eros (rotura de cruzado) e Edu (afectado dun ombeiro) foi o motivo.
José Ángel parara de xogar en 2020 coa chegada da pandemia. Era o porteiro do equipo da súa parroquia, o Santa Comba. Anteriormente tivo unha gran traxectoria na Terceira Divisón e mesmo na Segunda B. Xogou no Racing Villalbés en dúas etapas, no CD Lugo ou na SD Compostela.
O Carballedo e o Paradela xogaron un duelo moi desputado. Ao pouco de comezar púxose o Carballedo por diante por medio de Toni. Logo, o Paradela igualou de penalti. Pasaron a dominar os visitantes e, antes do descanso, Albertito marcou o segundo para os seus.
Ao volver dos vestiarios, Albertito marcou o seu dobrete cun gran gol dende lonxe. En nada, Roberto recurtou distancias. O Paradela defendeuse ben e o Carballedo tivo dúas boas opcións para igualar, pero o marcador xa non se movería máis.
Martín Rodríguez ‘Pupas’ foi expulsado ao final nos locais. Non poderá ser da partida ante o Friol. Únese as longas baixas de por sanción de Víctor Neira e Monchito.
O Incio é 13º con sete puntos. O Paradela ocupa a antepenúltima posición con sete puntos. En descenso directo están o Sporting Lucense (6 pts) e o Chantada B (5 pts.).

