A Copa Deputación 2024 ten calendario. A fase previa da Segunda e da Terceira Rexional xogarase a fin de semana de Reis. Haberá Copa no Entroido, en Semana Santa e o 1 de maio. Só por participar, os equipos ingresarán unha contía mínima que oscila entre os 685€ e os 1.250€. Cinco dos seis equipos que cheguen a final poden percibir unha cantidade superior aos 6.000€. As eliminatorias xóganse a partido único.
Os partidazos da Copa
A Copa da Preferente e da Primeira deixa dous duelos de gran interese na fase previa. Enfrontaranse a Residencia e o Outeiro. Un encontro de proximidade que de seguro equilibirará as forzas, a pesar da diferente categoría. Varios xogadores vestiron a camisola de ambos equipos. Un exemplo, o talentoso Dani Renda ou o goleador Jorge Pereira, que o pasado verán chegaba a Cheda procedente do Outeiro.
O Escairón e o Castro revivirán a pelexa que o curso anterior tiveron por subir á Preferente. Finalmente, fora o conxunto vermello quen o conseguira e está realizando unha gran temporada na sexta categoría do fútbol español. O equipo do Saviñao volve intentar subir esta campaña. De seguro que o encontro de Copa será unha boa pedra de toque para calibrar o seu potencial.
Xa nos oitavos de final xogarán o Ribadeo e o Xove Lago. Unha eliminatoria plenamente mariñá. Dous equipos que xa xogaron xuntos na Terceira División a mediados dos noventa, en plena efervescencia do fútbol na comarca. O Ribadeo defende título, tras vencer o curso pasado na final ao Chantada Atlético.


O Paradela defende o trono na Copa da 2ª e da 3ª
Na zona norte, o Catro Roldas e o Rioaveso Machinango xogarán o único derbi puro das primeiras eliminatorias desta edición. Os dous equipos das parroquias vilalbesas de Román e Rioaveso compiten na 3ª Rexional.
O gañador podería enfrontarse ao Racing Villalbés B. O filial racinguista xogará outro atractivo cruce co Folgueiro en Boavista. Dous equipos da parte alta da 2ª. O Cospeito, vixente subcampión de Copa, porá a proba ao inmaculado líder da zona norte da 3ª, o Celta Barreiros.

Na zona sur, o Paradela terá que defender o seu título xa dende o principio. Xogará co Sober na fase previa. O equipo preparado por Rubén Bergantiños estase sobrepoñendo nas últimas semanas ao mal inicio de resultados e as graves lesións de varios futbolistas chave. O Sober poñerá a golear ao seu presidente. Martín Piñeiro leva xa 16 goles na liga.

A comarca de Sarria terá protagonismo no enfrontamento de proximidade entre o Páramo e o Incio. Tamén volverán vivir o duelo do curso anterior por ascender. Fora o cadro amarelo quen o lograra, pero o Páramo vai decidido a facelo nesta tempada. O gañador enfrontarase a canteira da capital da comarca, a Sarriana B.

A Copa feminina máis aberta?
O CD Lugo e o PM Friol non participarán na Copa. A ausencia do cadro friolés xa foi habitual nos últimos anos. Este curso tampouco participará o vixente campión, o CD Lugo logo do seu ascenso a unha categoría estatal.
A non presenza dos dous clubs de referencia da provincia, iguala as posibilidades de vitoria para calquera dos participantes. Por categoría, o filial do PM Friol podería ser o favorito. Actualmente pelexa pola salvación na 1ª Galega. Está exento da primeira eliminatoria e xogará os cuartos de final en Semana Santa coa Comercial.
Pode ser a gran oportunidade do San Roque. Actualmente atópase pelexando polo ascenso á Primeira Galega. O club adestrado por Quiroga non deixa de medrar na súa terceira temporada en competición. Terá que xogar xa a fase previa no Entroido ante o Chantada.
O Antas volve aparecer nas quinielas a pesar do seu descenso á nova Segunda o curso pasado. É o actual subcampión e está recuperando sensacións nunha máis que decente tempada. Tamén quedou libre de xogar a fase previa e desputará os cuartos de final coa Milagrosa.

O bo momento do CD Lugo B no ano da súa creación ou a eliminatoria de cuartos, a priori, igualadísima entre o Monteforte e o San Lázaro pode deixar máis sorpresas.

As datas da Copa
A Copa conmemora a súa cuadraxésima edición. Foi presentada este luns no Salón de actos da Deputación de Lugo. Asistiron responsables federativos e da entidade provincial.
Realmente son tres copas en si. Unha xógana os equipos masculinos de Preferente e Primeira, outra os cadros masculinos de Segunda e Terceira e unha dos conxuntos femininos da Primeira, Segunda e Terceira División Galega. Participan de entrada 88 equipos.
A Copa deixará sen descanso a varios equipos da 2ª e da 3ª na finde de Reis. Ao igual que ao resto de conxuntos no Entroido e na Semana Santa.
Logo de comezar a finde dos Reis, a Copa continuará a finde do Entroido (10/11 de febreiro). Xogarase a fase previa cos equipos da Preferente e da Primeira e tamén inician o torneo os conxuntos femininos. Os de Segunda e Terceira desputarán os dezaseisavos de final.
Haberá competición na Semana Santa. Tamén se axendan partidos para o festivo 1 de maio (cadra en mércores). Esta data non inclúe ao cadro feminino. As datas das semifinais e finais están no aire. En principio xogaríanse a finais de maio e principios de xuño. Valorarse cos equipos implicados por se coinciden na Copa e nas respectivas fases de ascenso.
Con todo, un ano máis, a Copa Deputación será o preludio doutra festa do fútbol lucense, o All Star. En 2024 chegará a súa cuarta edición e celebrarase o 22 de xuño en Guntín.

Os cartos da Copa
A Copa é unha fonte de ingresos para os clubs da provincia. A necesidade de recaudar é imperiosa para clubs humildes que aglutinan moitos gastos no día a día. Só por participar, os equipos ingresarán unha contía mínima que oscila entre os 685€ e os 1.250€.
A Real Federación Galega de fútbol aporta a través da Copa 32.000€ fixos aos clubs da provincia por participación. Os equipos da Preferente percibirán 800€. Os da Primeira Galicia masculina recibirán 500€. Mentres que os equipos das categorías femininas ingresarán 300€ (sen distinción de categoría). Esta mesma cantidade chegará as contas dos conxuntos da 2ª e da 3ª Rexional.
Pola súa parte, a Deputación equipara na súa recompensa aos clubs masculinos da Preferente e da Primeira e aos clubs femininos da Primeira, Segunda e Terceira Galega. Por partido xogado perciben 450€ (como visitantes) e 600€ (como locais). As finais van á parte. O equipo gañador ingresa 5.000€ e o segundo 4.000€.
As cantidades baixan lixeiramente na Segunda e Terceira Rexional masculina. Por eliminatoria, os clubs que xoguen como visitantes reciben 385€ e os locais 450€. Na final, o campión ingresa 4.000€ e o subcampión 3.000€.
A diferenza está baseada nos costes de arbitraxe e instalacións que corren a cargo do club local. Os equipos non poden cobrar entrada na Copa Deputación. Con todo, ten a posibilidade de aproveitarse doutros ingresos como os servizos de cantina.
Un equipo da Primeira Rexional que xogue as catro eliminatorias na casa recibiría 2.400€. Sumados aos 500€ da RFGF alcanzaría os 2.900€. A maiores incrementaría a contía en 4.000/5.000€ dependendo do posto na final.
Cinco de seis clubs finalistas poden superar os 6.000€ de ingresos. Non o lograría o equipo subcampión da Segunda e da Terceira Rexional percibiría 3.000€ por acadar esa posición. Como máximo polo outra banda podería percibir 2.550€ (xogar 5 eliminatorias como local e os 300€ fixos da RFGF). Polo que se quedaría ás portas de sumar eses 6.000€. Nesa casuística, o vencedor si os percibiría.
Os cruces da Copa
As eliminatorias xóganse a partido único. O equipo local sempre é o de menor categoría. No caso de pertencer a mesma división, xoga na casa o club que está por arriba no cadro.
Fase Previa Preferente e Primeira (finde do Entroido)
Equipos exentos: Foz, Taboada, Portomarín, Pol, SD Chantada, Lourenzá, Chantada Atlético, Ribadeo e Xove Lago.
(os cruces da seguinte rolda será o gañador da eliminatoria inmediatamente posterior a orde na que aparecen. Agás que teñan un comentario entre paréntese. Por exemplo, o gañador do Iberia – Friol B xogará na súa casa contra o vencedor do Cabreiros – Mondoñedo. Incluimos na orde as eliminatorias que xa hai definidas dos dezaseisavos de final para que quede á vista a orde do cadro)
- Outeiro – Residencia (o gañador xoga co Foz)
- Milagrosa – Guitiriz (o gañador xoga na Medela co Taboada)
- Santaballés – Guntín (o gañador xoga no Chao da Poza co Portomarín)
- Escairón – Castro (o gañador xoga no Municipal co Pol)
- Meira – Burela (o gañador xoga de local coa SD Chantada)
- Monterroso – Lemos (o gañador xoga co Lourenzá)
Confirmadas dúas eliminatorias de oitavos de final:
- Riotorto – Chantada Atlético
- Xove Lago – Riotorto
Fase Previa Primeira, Segunda e Terceira (finde do Entroido)
Equipos exentos: PM Friol B, Comercial, Milagrosa, Antas, San Lázaro e Monteforte.
(os cruces da seguinte rolda será o gañador da eliminatoria inmediatamente posterior a orde na que aparecen. Agás que teñan un comentario entre paréntese. Por exemplo, o gañador do Iberia – Friol B xogará na súa casa contra o vencedor do Cabreiros – Mondoñedo. Incluimos na orde as eliminatorias que xa hai definidas dos dezaseisavos de final para que quede á vista a orde do cadro)
- Carballedo – Lugo B
- San Roque – Chantada
Confirmadas tres eliminatorias de cuartos de final:
- PM Friol B – Comercial
- Milagrosa – Antas
- San Lázaro – Monteforte
Fase previa Segunda e Terceira Rexional (finde de reis)
Equipos exentos: Muimenta, Sporting Pontenova, Casás, Cazás, San Roque, Bóveda, Lemos B e Sarriana B.
(os cruces da seguinte rolda será o gañador da eliminatoria inmediatamente posterior a orde na que aparecen. Agás que teñan un comentario entre paréntese. Por exemplo, o gañador do Iberia – Friol B xogará na súa casa contra o vencedor do Cabreiros – Mondoñedo. Incluimos na orde as eliminatorias que xa hai definidas dos dezaseisavos de final para que quede á vista a orde do cadro).
Zona norte
- Friol B – Iberia
- Cabreiros – Mondoñedo
Muimenta – Pontenova (xa é unha eliminatoria dos dezaseisavos de final)
- Celeiro – Roupar (o gañador xoga fóra co Casás)
- Goiriz – Castroverde
- San Ciprián – Comercial
- Catro Roldas – Rioaveso
- Folgueiro – Racing Villalbés B
- Celta Barreiros – Cospeito
- Piringalla – Alfoz
- Comercial B – Candelaria (o gañador xogará co Cazás)
- Matela – Xermade
- Abadín – Pastoricense
ZONA SUR
- Río Sil – Carballedo (o gañador xoga co San Roque)
- Relámpago Taboada – Becerreá (o gañador xoga fóra co Bóveda)
- Brollón – Chantada B (o gañador xoga co Lemos B)
- Taboada B – Antas
- Palas – Quiroga
- Friol – San Lázaro
- Monterroso B – Oural
- Páramo – Incio (o gañador xogará fóra contra a Sarriana B)
- Corgo – Ferreira
- Rubián – Santa Comba
- Chantada Atlético B – Sporting Lucense
- Sober – Paradela
Foto de portada: Roberto Carreira.