O Pastoricense voltou despois de moitos anos á Segunda Autonómica. Despois dunha temporada na que non foi posible acadar a permanencia, o club mantivo a súa filosofía, aínda que renovou o seu cadro de xogadores con futbolistas novos e comprometidos. Ao banquiño do Acebreiro chegou José Cendán Paredes ‘Basi‘, que logo dun periplo á fronte do Muimenta, encabezou o proxecto do Pastoricense co obxectivo claro de retornar canto antes a Primeira Autonómica.
Case no ecuador da competición os resultados do cadro chairego non poden ser máis satisfactorios. Unha sóa derrota, seis porterías a cero e oito vitorias consecutivas que sitúan ao Pastoricense no máis alto da táboa clasificatoria do grupo norte. Falamos con Basi das súas sensacións a estas alturas de temporada.
FUTBOLINLUGO. Líderes cunha traxectoria extraordinaria. Que balance fas deste primeiro tramo ligueiro?
BASI: A verdade é que non pensaba estar encabezando a liga a estas alturas, pero facelo é sinónimo que algo estamos a facer ben. Os adestramentos son de moita calidade. Dous días á semana con 17 ou 18 xogadores, como mínimo, axuda moito para acadar estes resultados.


‘Todos os que viñeron ao Pastoricense son excelentes persoas e futbolistas’
FIL. Aínda que o obxectivo do club é voltar a Primeira Autonómica o cadro de xogadores renovouse. Agardabas un rendemento tan alto desde o comezo?
B. Si, o obxectivo é voltar a Primeira, pero é certo que sen presión. Se temos a sorte de acadalo será xenial, pero cando menos estar na pelexa ata o final. Sabendo os xogadores cos que contaba non me cabía dúbida de que íamos estar arriba. O equipo é moi comprometido. Son rapaces xoves aos que lles gusta moito o fútbol e iso nótase cando adestran.

FIL. Que importancia lle das neste gran comezo ás novas fichaxes?
B. Conservamos unha base importante que foi a que mantivo o club os últimos anos e a partir de aí intentamos construir. As fichaxes intentas facelas para que sumen e ás veces non sempre se acerta, pero non é o caso. Todos os que viñeron ao Pastoricense son excelentes persoas e xogadores. Recalco o de persoas porque lle dou moita importancia ao vestiario, á calidade humana. De nada serve a calidade futbolística se no vestiario no falas co compañeiro.
‘O retorno de Dani foi un chute de adrenalina para o grupo’
FIL. Aínda que non foi unha fichaxe, o retorno ao céspede de Dani, aparte dun reforzo deportivo, tamén foi un reforzo mental para o grupo.
B. Non coñecía a Dani. Comezou axudándome como segundo na pretemporada e foi cando coñecín a súa historia. Esa maldita enfermidade pola cal lle tiveron que sacar o basto interno da perna. É un rapaz con moi boa fe. O seu retorno foi un ‘chute’ de adrenalina para o grupo e sirve de exemplo para o resto de que o fútbol pode ser unha menciña. Persoalmente alégrome moito por él. Deportivamente aínda lle falta ritmo de xogo, pero segue aportando moito ao grupo. Ogallá siga así.


FIL. Chegache no verán ao Acebreiro logo de varios anos no Muimenta. Como foi a túa adaptación?
B. Non coñecía como adestrador outro banquiño que non fose o do Muimenta. Foi duro saír do Pichón, unha saída ‘fría’, pero hai etapas e ciclos para todo. Non quero decir con isto nada malo, só que se puideron comunicar certos temas doutra maneira. Muimenta sempre será o meu equipo e alí tratáronme moi ben tanto de xogador como de adestrador. O presidente e a directiva fan un traballo incombustible, teñen moito mérito.
No Pastoricense adapteime bastante ben. A directiva e sobre todo os xogadores máis veteráns e o capitán Raúl axudáronme e axúdanme moito.
‘O Racing Vilalbés e o Iberia son dous grandes equipos, as cousas estarán moi axustadas’
FIL. Como ves ao Muimenta este ano no que lle toca pelexar por evitar o descenso?
B. Non pensei que a estas alturas estivesen nesta situación, pero os cambios teñen un tempo de adaptación. Agora chegou Álex Vázquez ao banquiño en sustitución de Veiga, que non quero decir que fixera un mal traballo, pero cando trocas de adestrador, buscas ese novo empuxe que lle de ao equipo o novo técnico. Outra ideas, outros sistemas e sempre colles un plus máis de intensidade. As baixas de xogadores como Seijas, Edu ou Cris tamén se lle notou. O que me alegra é volver a ver xogar a Iago e Julio Jartín logo de sufrir os dous a mesma lesión. De tódolos xeitos creo que sairán da zona de perigo, xa que teñen xogadores para logralo.
FIL. Que valoración fas de Racing Vilalbés B e Iberia, os dous grandes rivais polo ascenso directo?
B. Son dous equipos con plantillas de moita calidade. O Racing Vilalbés B ten un grupo de xogadores cunha media de 21 ou 22 anos que adestran tres e ás veces catro días por semana, e algún futbolista tamén o fai co primeiro equipo e iso dalles un plus para competir na nosa liga. Fisicamente andan moi ben e teñen moita calidade. Iván Lamas é un gran adestrador e está demostrándoo.
Con respecto ao Iberia teño entendido que a directiva quere ascender o antes posible a Primeira. Confeccionaron un equipo para estar aí arriba. É un equipo moi compacto en todas as zonas do campo e pra min contan con dous equipos titulares. Á hora de facer trocos non o notan e iso di moito do seu cadro de xogadores. Estará a cousa moi axustada con estes dous equipos.
FIL. Cres que algún outro equipo pode pelexar a primeira praza?
B. Non se pode descartar a ninguén. A pelexa por entrar na promoción vai estar moi competida. Folgueiro, San Ciprián, Cospeito e Xermade van a estar aí na pelexa. O Cospeito xa o logrou o ano pasado. O Folgueiro é un conxunto con moito oficio e chegarán ben ao final. San Ciprián sabe moi ben ao que ten que xogar e aproveita moi ben as súas virtudes e o Xermade é un equipo moi ‘correudo’, deféndense moi ben e son capaces de aproveitar as ocasións que teñen.
Estes catro equipos creo que estarán aí. Nós non temos garantido que sexamos un fixo desa zona, polo que debemos ser humildes e ir partido a partido.
