Nico Santomé sigue neste mercado no Goiriz

Diario dun Mercado. Episodio 533

As primeiras novas desta edición do Diario dun Mercado veñen desde fóra dos nosos marcos. Na Segunda RFEF teremos máis representación provincial despois de que o ribadense Rubén Vilela firmase polo Compos. Chega á cidade picheleira despois de lograr dous ascensos consecutivos coa Sarriana e co Fabril. Non saímos da Coruña porque o viveirense Mauro Salgueiro, autor do gol que subiu ao Burela á Preferente e fillo de Luchi, xogará no Silva en Terceira RFEF no seu primeiro ano sénior. Por último, o taboadense Brais Vázquez chega ao Lalín procedente do Noia para seguir na Terceira.

O mercado agasalla un regreso

Na Preferente tamén hai movemento e, neste caso, falamos dun meirego que volta aos campos de fútbol. Marino regresa ao verde con 25 anos e faino na Preferente, categoría que non pisa desde que descendeu co Castro. A súa última tempada foi na Primeira Futgal e foi quen de marcar nove tantos.

Na Primeira Futgal é onde continúan as novidades do mercado cun xogador que se está a convertir nun buque insignia. Pablo Novoa cumprirá a súa sexta temporada no Chantada Atlético. Ven de superar os 2.400 minutos na pasada campaña, terceira na que se asentou na titularidade a tempo completo.

A Segunda Futgal é a que máis reforzos ten nesta edición do Diario dun Mercado. O vilalbés Pedro Pernas será novo xogador do Xermade despois dunha tempada no Riotorto. Hai continuidades importantes tamén, como a de Muiña no Castro ou Pepe, que seguirá sendo o capitán do Cabreiros na súa vixésimo sexta temporada. No Goiriz seguirá Nico Santomé, pero causan baixa Barro, Eladio, Álex e Alber.

Neste grupo norte veñen fortes os tres ascendidos, que siguen incorporando nomes ás súas filas. O Abadín quedase a Iker e Álex, que cumprirán a súa segunda temporada. No Mondoñedo continuarán unha campaña máis Alberto, Nacho e Óscar. Por último, o Catro Roldas firmou a Hugo Prieto do Vilalba FS B e a Nico Fuentes do xuvenil do Racing Villalbés.

Por último, na Terceira Futgal móvense cousas tanto no campo como nos bancos. Roberto Carlos renovou no Carballedo, mentres que Óscar Ramallal será o adestrador axudante e preparador físico do Sporting Pontenova.

Diario dun Mercado. Episodio 533

Diario dun Mercado. Episodio 533