O Burela celebra a permanencia na Preferente

A Preferente xa ten calendario con seis derbis do fútbol lucense

Os equipos lucenses da Preferente xa coñecen cal vai ser o seu calendario para o próximo curso. A distribución dos catro cadros vólvese a dividir en dous por segunda campaña consecutiva. O Pol, o Burela e o recién ascendido SD Chantada xogarán no grupo norte, mentres que o Lemos volverá loitar no grupo sur. Unha competición que deixa moitas cousas que ver e na que os equipos da provincia queren loitar por intentar ou ben permanecer ou ascender á Terceira RFEF.

O inicio da Preferente pasa pola provincia

O arranque da Preferente, que será na fin de semana do 6 de setembro, pasará na súa maioría pola provincia de Lugo. Os comezos non serán sinxelos para o Burela, que recibirá ao San Tirso, equipo que quedou ás portas de subir de categoría. Esta xornada coincidirá cunha fin de semana importante da vila como é o festival Osa do Mar. Pola súa parte, o Municipal de Pol terá na primeira xornada ao descendido Noia e a SD Chantada recibirá ao Sigüeiro no Sangoñedo. O único que xogará fóra da casa será o Lemos, que se medirá ao Beluso. O seu debut na Pinguela será na segunda xornada ante o Alertanavia.

A mesma situación se dará na última xornada, xa que os equipos do norte xogarán na casa e o do sur fóra da súa. A SD Chantada rematará o curso ante o Puebla, o Pol co Miño e o Burela co Paiosaco. Pola súa parte, o Lemos xogará ante o Auriense, antes coñecido como Cented Academy.

Os derbis da tempada

O primeiro derbi da tempada na Preferente medirá ao Pol e ao Chantada na quinta xornada da tempada, que será na fin de semana do 4 de outubro. A segunda rolda deste enfrontamento darase na xornada 22, que se disputará o 14 de febreiro no Sangoñedo. Na novena xornada, que coincidirá co Día de Tódolos Santos e coa celebración do Castanhazo Rock, mediranse o Burela e o Chantada na Marosa. A volta na xornada 26 na fin de semana do 14 de marzo. Todos os derbis se concentrarán na parte intermedia das voltas, porque o derradeiro, que será o Burela-Pol xogarase na xornada 11, 15 de novembro. Na segunda volta o encontro será na xornada 28, o 4 de abril.

Datas sinaladas no calendario

Os eventos importantes necesitan coincidir ben co fútbol. Xa repasamos como dous dos festivais máis importantes da provincia coinciden con encontros da Preferente, pero en Chantada tamén teñen un ollo na xornada 25, xa que na primeira semana de marzo e cando adoita celebrarse a Feira do Viño da localidade, aínda non está confirmado. De ser nesa data, aos chantadeses tocaríalles xogar fóra da casa ante o Órdenes.

Noutra data sen confirmar, o Arzúa visitaría ao Burela nunha fin de semana na que podería chegar a ser a Festa do Queixo da localidade, o mesmo que lles podería acontecer coa Festa do Champiñón de Ordes, xa que volven xogar na Marosa confirmando un posible gafe coas festas gastronómicas galegas.