Miguel A. Lorigados, “O Mondoñedo será difícil de substituír cando pare de xogar”

Comezou a dalos seus primeiros toques co balón no lugar onde naceu e onde aínda vive, en Riotorto. Non obstante, a falta de oportunidades no club do seu concello, púxolle no destino un traslado para ir adestrar e ir xogar cada domingo. O seu sitio no fútbol estaba a media hora máis ao noroeste. Miguel Ángel Lorigados Ramallal vai iniciar a súa vixésimo terceira temporada no Mondoñedo FC. O capitán do conxunto mindoniense amósase agradecido coa acollida que tivo, ilusionado cunha nova temporada e sen pensar no que virá, aínda que sabe que probablemente esta poida sela súa derradeira campaña no fútbol sénior.

Futbolinlugo: Que representa para ti o Mondoñedo FC?

Miguel: Para min representa moito. É coma unha segunda casa, sempre fun moi ben acollido tanto dentro como fóra do campo. Vai ser algo difícil de substituír cando pare de xogar.

F: Como ves ao equipo para iniciar un novo curso na Segunda Autonómica?

M: Este ano empezamos moi motivados nos adestramentos, con gañas de mellorar o que fixemos a temporada pasada (O Mondoñedo acabou a pasada liga na novena posición con 35 puntos, oito por riba do descenso). Seguimos con case todo o cadro de xogadores do ano pasado, o cal é moi importante. Temos bastante xente nova con moita proxección, algo que tamén ten moita importancia para nós.

Miguel debutou coa camisola do Mondoñedo FC nun encontro na Cheda. Fotos: Marcos Candia (da temporada pasada)

F: Cal é o obxectivo do equipo?

M: O propósito sempre é quedar o máis arriba posible. A campaña pasada fixemos unha primeira volta de “10”; despois na segunda relaxámonos un pouco e quedamos case polo medio da táboa. Este ano non queremos que pase o mesmo, polo que traballamos para ser o máis regulares e aspirar a quedar o máis arriba posible.

“É un partido que ninguén quere perder e todos queremos xogar”

F: Supoño que de todos os encontros no calendario hai un marcado en vermello…

M: Os derbis co Lourenzá son os partidos de rivalidade máis especiais e os que todos queren xogar. Cando se achega a data do partido, só se fala diso e a mente xa está posta nese encontro. Temos dúas afeccións moi boas, que se encargan de animar o ambiente. É moita a xente que acude a eses derbis a animar aos seus. Hai moita rivalidade pero é sana. É un partido que ninguén quere perder e todos queremos xogar.

“Desde fai uns anos os xogadores están máis identificados co club”

F: Despois destes anos, como ves o estado do fútbol afeccionado actual?

M: En clubes imos a menos. Cada ano desaparece algún equipo, supoño que a maioría por falta de recursos. No que se refire ás condicións, ano tras ano, foron mellorando tanto en instalacións como nos campos. Por outra banda, no tema da implicación, poidoche falar do meu equipo. Aquí desde fai uns anos os xogadores están máis identificados co club e iso nótase moito na asistencia aos adestramentos. Temos a sorte de ter rapaces novos e moi implicados, que ao final é o que conta.

“Encantaríame seguir uns anos no fútbol veterán”

F: E cando chegue o día de colgar as botas, seguirás no mundo do fútbol?

M: Aínda non pensei niso. De todas formas, o tema de adestrador non me gusta moito, encantaríame seguir uns anos no fútbol veterán. Tamén teño un fillo que está empezando a xogar, asique ir velo aos partidos xa me vai rebaixar as ansias de fútbol.

F: Será difícil deixalo?

M: Si, porque me gusta moito. Sempre me pasa igual, cando acaba a temporada xa vas cansado de fútbol, pero chega xullo e xa me tarda que volva empezar. Aínda así, algunha vez ten que ser e este ano case seguro que sexa o meu último ano.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 467

Deja un comentario