O Racing Villalbés da tempada pasada na Terceira RFEF

Os lucenses da Terceira RFEF xa teñen a súa folla de ruta definida

A tempada xa está a volta da esquina e, na Terceira RFEF, xa saben como é o calendario da vindeira campaña. Sarriana, Racing Villalbés e Viveiro loitarán nesta categoría e, nesta semana, xa iniciaron a preparación para un curso no que os obxectivos están moi definidos nos tres casos. A sorte deparou que haxa derbis no comezo e no final dun ano futbolístico que vai dar moitas emocións.

O primeiro derbi xogase na segunda xornada

O inicio de Terceira RFEF, que será na fin de semana do 6 de setembro pasará pola provincia con dous partidos nos nosos marcos. O Viveiro estréase ante o Antela, no que será o primeiro encontro da historia dos de Xinzo na Terceira RFEF, en Cantarrana mentres que o Racing Villalbés xogará na Magdalena ante o Atlético Arteixo, equipo revelación do curso pasado ao quedar terceiro e onde estiveron dúas das últimas fichaxes chairegas, Melo e Aller. Será bonito ver como Vilalba vai ao estadio nos últimos coletazos das festas do San Ramón e Santa María.

Debido ás obras na Ribela, a Sarriana pediu xogar fóra no primeiro encontro, na véspera das festas dos Remedios, e medirase ao que foi o seu último rival galego na categoría. O Estradense será o primeiro rival. reeditando a final da promoción galega de ascenso da Segunda RFEF que fixo que os de Sarria pasasen a eliminatoria nacional. Tamén será un partido bonito para o técnico sarriao Alberto Mariano, que na Estrada estivo cinco tempadas cun ascenso a Terceira incluido.

A estrea oficial do novo céspede da Ribela será en forma de derbi, xa que o Viveiro visitará á Sarriana na segunda xornada. Un encontro especial para Álvaro Uriarte, que militou no cadro mariñán a pasada campaña. Nesa semana, o Racing Villalbés medirase a un dos favoritos da categoría, o Atlético Coruña Montañeros, onde firmou un ex da Magdalena como Cañi.

Un derbi na última xornada outra vez

Non hai que ir moi lonxe para atopar outro dos derbis entre equipos lucenses da Terceira RFEF. Concretamente, será na xornada 7, o 18 de outubro, cando o Viveiro e o Racing Villalbés se enfronten en Cantarrana, co regreso de Lansade. Na xornada 17, primeira do 2027, será o que resta na primeira volta, Sarriana-Racing Villalbés na Ribela, no que será a volta de Brais Prieto e Martín López a onde ascenderon a Segunda RFEF.

Na segunda volta, os derbis serán Viveiro-Sarriana na xornada 19, o 24 de xaneiro, Racing Villalbés-Viveiro na 24, o 28 de febreiro, e o colofón da tempada poñerao un Racing Villalbés-Sarriana na Magdalena na última xornada da Terceira RFEF. Esta situación recorda o que se viviu o ano pasado entre os chairegos e o extinto Lugo B, que deparou na clasificación in extremis dos de Juan Rodríguez á promoción de ascenso. O Viveiro pechará o curso na casa ante o Pontevedra B, único equipo filial puro da categoría.

Datas especiais do calendario da Terceira

A Semana Santa de Viveiro terá sabor á Terceira RFEF, xa que a xornada da fin de semana do Domingo de Ramos o Viveiro recibirá ao Gran Peña en Cantarrana. Os vigueses, pola contra, terán que renunciar á Reconquista durante unhas horas. Para o Domingo de Resurrección, tocará fóra, pero bastante preto. O Somozas de Lucas Fanego e Aldán Naval será o rival no Manuel Candocia.

Nas visitas marcadas que todo o mundo quere que lle coincidan, houbo moita sorte para a afección viveirense, xa que os mariñáns visitarán ao Antela dentro do Entroido de Xinzo de Limia, concretamente na xornada 18 (fin de semana do 17 de xaneiro).

As visitas máis especiais do curso

Se falamos dunha visita especial que poñerá todos os ollos na Terceira RFEF, está claro que serán os encontros que midan ao Lalín de Iván Carril e á Sarriana despois do que aconteceu a pasada campaña co cese do técnico. Os camiños cruzaranse por primeira vez o Día de Tódolos Santos. A súa primeira visita á Ribela despois do acontecido será o 14 de marzo na xornada 26. No canto dos ex xogadores que visitarán a Ribela só se atopa a un da pasada campaña. Iker Escudero voltará á Ribela na xornada 8 co Portonovo. Tamén hai que destacar o día no Álex Vázquez xogará na súa vila co Barco, que será na xornada 24.

Dos ex do Racing Villalbés do pasado curso, a volta de Santi Prado será na ponte da Constitución, cando os chairegos e o Lalín se enfronten na Magdalena. David García fará o mesmo co Silva na xornada 22.

No Viveiro será especial o momento no que Mauro Salgueiro xogue co Silva na súa casa, no seu primeiro ano sénior. Tras marcar o gol que ascendeu ao Burela sendo xuvenil e rematar a súa etapa no Montañeros, o fillo de Luchi voltará a onde deu os seus primeiros pasos na xornada 26 do campionato. Outra volta será a de Vicente co Portonovo na antepenúltima xornada.