Simón Lamas

Simón Lamas: “Estamos no mellor momento posible para comezar”

O adestrador do Racing Villalbés analiza o inicio da Terceira Galega e as posibilidades do seu equipo

O setembro dos comezos vaino ser este ano tamén o do inicio da Terceira Galega. Esta fin de semana estréase unha competición reformada con cambios internos e pasando a ser a quinta do balompé estatal. Por 12ª + 1 vai estar presente na liga o Racing Villalbés. Aos mandos continúa Simón Lamas (09/01/1992) logo de facerse cargo do equipo no outono de 2018. Foi un verán con cambio na presidencia, non continúan sete futbolistas do curso anterior, entre eles Muíña ou Javi Pita e chegaron cinco fichaxes ademais da consolidación de Rares no primeiro equipo. Con este panorama, analizamos o que vén por diante con Simón Lamas.

Futbolinlugo: Como chega o equipo ao inicio da competición?

Simón Lamas: A nivel físico cremos que ben porque non tivemos ningún lesionado, agás algún problema de confinamento individual. Houbo un par de semanas de carga, a semana que xogamos consecutivamente co Arenteiro e co Bergantiños foi moi esixente. Pero a estas alturas estamos no mellor momento posible para comezar. Destaco tamén o labor de Jandro, o preparador físico, porque está facendo un traballo moi bo.

Fil: Probablemente sigamos coñecendo esta categoría como a Terceira Galega, pero agora pasa a ser a quinta do fútbol español. Como ves esta reforma do balompé semiprofesional e como lle afecta ao grupo galego?

SL: A reestruturación en si parecíame axeitada. Todo o que sexa achegar o maior número de categorías posible ao profesionalismo é bo. O exemplo está no fútbol inglés, co que constantemente nos comparamos. O que non sei é se, de momento, se conseguiu que a 1ª RFEF sexa profesional.

SL: A nosa división non perde o encanto porque vai seguir sendo a primeira do fútbol galego. A temporada pasada había 24 equipos e esta 17, equilíbrase co gran número de descensos. Hai clubs míticos da división como pode ser o Racing, o Alondras, o Choco, o Barco e demais. Imos ver como responden os filiais que son os que nos xeran máis dúbidas pero logo hai unha gran igualdade entre todos. Quizais o Somozas e o Ourense CF sexan os máis favoritos.

Fil: Liga máis curta de 32 xornadas e cun equipo descansando cada fin de semana. Iso aféctalle a competición?

SL: Do curso anterior temos a experiencia de parar por mor dos confinamentos. Creo que non é o ideal nunha competición regular, pero o que non queríamos era descansar ao principio e evitámolo. Témonos que adaptar, aínda que penso que se puido facer mellor, ademais vindo dun ano no que descenderon oito equipos.

“O Fabril ten o mellor adestrador da categoría”

Simón Lamas chegou ao 1º equipo do Racing en outono de 2018 despois da saída de Juan Peón e a anterior etapa exitosa de Óscar Gilsanz

Fil: Falabas da gran incógnita dos filiais. O voso primeiro rival é o Fabril (domingo ás 17:30h en Abegondo). Como é que tes dúbidas coñecendo tan ben ao seu adestrador?

SL: (risas) Non teño incógnita co adestrador (Óscar Gilsanz), teño incógnita co equipo. Os filiais sempre presentan dúbidas porque moitos xogadores adestran co primeiro conxunto na pretemporada. O Deportivo é un exemplo con casos como o de Trilli, Noel ou Peke. Imos ver como responden ese grupo de xuvenís que foron Campións de España. Creo que os dous filiais da categoría (Fabril e Polvorín) contan con dous bos adestradores que van facer competir moi ben aos futbolistas a pesar da inexperiencia.

Fil: Especial xogar contra Gilsanz?

SL: No caso do Fabril teñen o mellor adestrador da categoría por méritos demostrados sobradamente nos últimos anos. Prefería non xogar contra el, pero a amizade vai estar sempre por riba do tema deportivo. Seguramente enfrontarnos ao Fabril agora é mellor ca máis adiante. Pero falamos dun dos candidatos a ese ascenso.

“A idea do club é ter un filial nos próximos anos”

Fil: Dezasete xogadores do primeiro equipo para esta temporada. Cal é a razón deste cadro de xogadores curto?

SL: Vimos dunha temporada cun grupo máis amplo. Houbo varios futbolistas que non se deron enganchado a dinámica do equipo, o que inflúe no traballo grupal; e logo porque a canteira ten que ter un papel importante. Evidentemente, depende do nivel dos rapaces e da competitivdade, pero temos tres ou catro que nos van aportar moito. Tentamos así que o nivel sexa moi parello e nos poda retroalimentar para que todos se sintan importantes.

Fil: Non obstante, dos rapaces que fixeron a pretemporada co 1º equipo non se queda ningún…

SL: Hai un par deles que van seguir adestrando con nós en consenso cos clubs nos que van xogar. O obxectivo é que volvan a tempada que vén. É complicado subir de Liga Nacional Xuvenil a un equipo de Terceira División. A idea do club nos próximos anos é ter un filial que nos permita seguir formando a rapaces que seguramente non estean preparados de todo para xogar en Terceira e que podan alternar a formacion coas aparicións nesa competición.

Fil: Ves mellor esa opción que a actual de que teñan a oportunidade noutros equipos?

SL: Creo que o Racing pode dar para ter un filial. Acercar a todos os rapaces de Vilalba que non teñen a capacidade de chegar a 3ª, como nos pasou a moitos, de poder seguir ligados no club. Constame que hai moitos aos que lles gustaría.

“Temos a posibilidade de ter cinco centrais para dous postos”

O Racing incorporou a Ángel Fraga, Jorge Tomé, Alberto Novoa, Javi Rey e Adrián Otero

Fil: Dende fóra chama a atención a zona defensiva con só dous teóricos centrais que son Vérez e Tomé. Como tes pensado reorganizar esa parcela?

SL: A idea é contar con Jose Varela como lateral e que López poda ser central. Ambos son xogadores moi fiables a nivel competicional. Cremos que Javi Varela tamén nos pode dar un cambio no centro da defensa. Confiamos en Cadra, un central xuvenil de último ano que está a un nivel moi alto. E logo temos aos que dis: a Vérez, xogador importante xa nos últimos anos, e a incorporación de Tomé, que nos ilusiona moito polo seu potencial. Ao final temos cinco perfís para xogar nesas posición.

Fil: Jose Varela foi un dos xogadores destacados do equipo nas últimas tempadas como extremo, que condicións lle ves para ser lateral?

SL: Sempre dixen que tiñamos dous dos mellores laterais dereitos da categoría. Un era López e o outro Jose Varela. O problema era que os tiñamos aos dous. Cremos que en moitos contextos, dende a posición de lateral, Jose vainos seguir dando profundidade e chegada; pero a nivel defensivo é moi difícil de superar e tamén potente no xogo aéreo. No mercado atopamos a opción de Diego Vela para que xogue nesa posición máis adiantada. Pensamos que o equipo se pode reubicar desa forma.

Fil: Coas condicións de Buyo e Jose Varela polas bandas, pásalle pola cabeza a Simón a opción de xogar cun sistema de cinco?

SL: É unha posible alternativa. Estamos cambiando a un fútbol no que cada vez vemos máis estruturas. Vin un Deportivo de Borja Jiménez no primeiro partido que pasou de xogar 4-3-3 a 5-4-1 en moitos momentos para adaptarse ao que pedía o encontro. É unha posibilidade porque Jose e Buyo serían capaces de facer un excelente traballo de carrileiros.

Fil: Se o comparamos co ano anterior, hai mellor equipo este ano ou o pasado?

SL: Distintos. O mercado hai que analizalo en todas as súas variantes e fixarse nos perfís dos xogadores. A nivel ofensivo tiñamos o curso anterior a un dos mellores dianteiros da categoría como é Santi Gegunde. En cambio, a incorporación de Otero este ano vai aportar moitísima ambición, profundidade e esforzo na presión alta. Trátase dun perfil máis baixo pero que ao equipo lle pode vir mellor combinado a Cuadrado, Dani Pedrosa e Rares. Unha dianteira máis completa, mellor? Verase.

Fil: Na portería produciuse a saída de Javi Pita e a chegada de Ángel Fraga, como valoras ese cambio?

SL: Ángel Fraga é un rapaz de Vilalba súper querido pola afección. Vén a substituír a Pita que foi un dos profesionais máis exemplares que pasou polo club e vai ter ese recoñecemento sempre. Cremos que damos un paso adiante coa incorporación dun vilalbés por esa ambición que vai demostrar e as ganas de reivindicarse que ten. A competencia con Rumbo está sendo excepcional.

“Síntome en débeda moral cos futbolistas e o corpo técnico”

Simon Lamas seguirá acompañado de Kike Sanfiz, Jandro Novoa e Viusky no corpo técnico

Fil: Con todos estes mimbres, onde colocas o obxectivo do equipo?

SL: Queremos ser ambiciosos. O equipo foi dando pasos cara adiante na idea inicial do corpo técnico. Pablo Vivero moveuse moi ben nas incorporacións e o conxunto debe aspirar ao máximo. Nesta categoría moito máis igualada marcamos o obxectivo de estar arriba tendo en conta que a clave é seguir un ano máis na división e sen presión. Non sei se me vai a beneficiar isto ou non. Só penso en traballar e en seguir dando pasos no cuarto ano. Cremos que temos un dos mellores equipos da competición.

Fil: Este verán chegou a presidencia Juan José Vázquez Carreira, como ves o cambio?

SL: Os trocos sempre que reforcen a ilusión e as ganas van ser positivos. Eu terei sempre palabras de agradecemento para Paco Ruiz porque estou aquí grazas a el. E con Juan a relación é magnífica, ademais de ser un gran racinguista. Os cambios sempre necesitan o seu tempo, sobre todo para aqueles que non se dedican exclusivamente a isto.

Fil: A nivel individual hai certa espiña cravada do curso anterior?

SL: Síntome en débeda moral co grupo de futbolistas e co corpo técnico. A nivel de traballo non me podería esixir máis. Pero foron moitos momentos puntuais que nos afectaron ademais da covid que nos alterou moito. Aínda que pasaron outras situacións que me enorgullecen como asentamento de Rares ou o papel de Sandá que como adestrador me reconforta. A ambición que teño agora vai ligada a esa responsabilidade e as ganas de seguir dando pasos cara adiante.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 467

Deja un comentario