Que pasará coa Preferente na 2020/2021?

Decembro. En apenas vinte días, xaneiro. Cantos de nós teríamos tomado por tonto a aquel que nos dixese fai 12 meses que iamos estar sen fútbol a estas alturas. A situación socio-sanitaria aínda non permitiu xogar coas garantías necesarias. Porén, comezan os rumores entre a xente de fútbol: “quizais xoguemos desde febreiro”, “seica non vai haber liga este ano”… aínda que polo momento non son máis que iso, rumores.

Desde a nosa web, quixemos facer un breve repaso de como se vive esta incertidume nos distintos clubes lucenses da Preferente Norte. Comezaron os adestramentos? Ven factible a volta aos terreos de xogo? Teñen algunha información de parte da Federación? As respostas de representantes dos conxuntos foron moi similares entre elas.

Por exemplo, Óscar, presidente do Club Lemos, afirmou que “aínda non comezamos a entrenar, dado que a Futgal aínda non fixou a data de inicio da liga”. Na mesma liña, Charly -técnico da SD Sarriana– di que “de momento tan só hai rumores, pero Charly e a Sarriana levan 0 sesións de adestramento, e mentres non haxa nada fixo, non arrincaremos. Aínda que gañas temos moitas.

Na metade norte da provincia, os preparadores afírmanse na idea de non dar o pistoletazo de saída ata que haxa informacións concretas. Dani Moirón (CD Santaballés) sinalou que “para nós a nova normalidade de momento non existe, xa que non comezamos a adestrar e non temos pensalo facelo ata que saia o protocolo da RFGF e se dean as condicións de seguridade idóneas para xogadores, corpo técnico e directiva. A RFGF informou que avisará co tempo suficiente para chegar ao inicio de liga nas mellores condicións, polo que non nos imos apurar.” Similar idea transmite Rafa Casanova, dado que os seus pupilos do Ribadeo tampouco comezaron a adestrar.

Javi Chinchón, “míster” do CD Foz, tamén sinalou que “non empezamos cos adestramentos, dende o clube decidiron por seguridade que ata que non se poña unha data para o comezo da competición non se realicen adestramentos grupais. E oficialmente non sabemos nada, de momento teño entendido que a Federación manexa unhas datas, pero nada oficial. Polo tanto estamos igual e permanecemos á espera.

Esta é a impresión xeral dos clubes da Preferente Norte, unha das competicións que, de comezar o fútbol de novo, ten máis papeletas para facelo primeiro!

Imagen por defecto
Santi Real
De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.
Artículos: 459

Deja un comentario