#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

Peli dalle tres puntos de ouro a un Viveiro en inferioridade

Dous triunfos e unha derrota dos nosos nesta xornada na Terceira RFEF. O Viveiro gañou en Cantarrana ao Alondras nun encontro complexo e a Sarriana tivo que remontar na Ribela diante do Pontevedra B e xa é segunda na clasificación. As malas novas chegaron desde a Madalena, onde o Racing Vilalbés caeu fronte ao Somozas malia comezar gañando.

Na Preferente chegou a primeira derrota do Lemos. Foi no José Arjiz de Verín. Segue intratable o Pol, que goleou ao Ordes no Municipal, mentres que o Burela sumou a segunda vitoria consecutiva no campo do Betanzos. Derrota do Chantada no Sangoñedo diante do líder, o Negreira.

TERCEIRA RFEF

A Sarriana remonta fronte ao Pontevedra B e xa é segunda (3-1)

A Ribela é un fortín para os de Alberto Mariano que sumaron trece dos quince puntos disputados no seu feudo. Malia todo, o encontro comezou costa arriba para os locais. Sandro adiantou ao filial granate na súa primeira chegada á portería de Pirot e os sarriaos víronse obrigados a buscar a remontada. As ocasións chegaron, pero non o gol nun primeiro tempo no que Adri Rodríguez gozou das mellores ocasións.

Tras o interemdio, Alberto Mariano trocou a estructura coa entrada de Osian no campo, recuperado da súa lesión, e a Sarriana amosou outra cara. Presión alta, roubos en campo contrario e boas ocasións de gol. O empate non tardou en chegar, obra dun defensor visitante que meteu o balón na súa propia portería. No tramo final, xa con Álex Pérez no campo, tamén recuperado da recente lesión, Aimar forzou unha pena máxima que transformou Iago Parga. Nada máis sacar de medio, a Sarriana recuperou o balón e Álex Pérez sentenciou. O canteirán Nico debutou co primeiro equipo.

Derrota do Racing Vilalbés diante do Somozas na Madalena (1-2)

Os chairegos non tardaron en avisar. Borja Míguez marcou, pero o colexiado invalidou o tanto por un dubidoso fóra de xogo. O Somozas colleu o temón do encontro na súa primeira fase e Charli estrelou un balón no pao. O Racing non lle perdía a cara ao encontro e Martín puxo un bo centro que Borja Míguez cabeceou ao fondo da portería. O Somozas tivo o balón e o Racing estivo cómodo sen él, sen apenas sufrir en defensa. O colexiado anulou, antes do intermedio, un tanto a cada equipo.

No segundo tempo, o Somozas logrou empatar aos cinco minutos nunha xogada desafortunada para os vilalbeses. O balón deulle na man a Javi Varela e o ex do Polvorín Asier non errou desde os once metros. Os de Juan Rodríguez reaccionaron ben ao tanto rival e gozaron dos seus mellores minutos, pero nun desaxuste defensivo o viveirense Aldán fixo o segundo para o Somozas. No último cuarto de hora, o Racing xogou precipitado e con dez pola rigurosa expulsión de Sergio Otero. Borja Míguez tivo nas súas botas o empate e o Somozas puido sentenciar á contra.


O Viveiro vence ao Alondras en inferioridade numérica (1-0)

Os mariñáns non abandonan o derradeiro posto da clasificación, pero sitúanse a dous puntos da permanencia logo do traballado triunfo diante do Alondras. A choiva previa ao encontro propiciou que o balón andivera rápido e víronse uns primeiros compases con moita intensidade, duelos e moitas chegadas a ámbalas dúas áreas. O encontro trabouse a partir do ecuador do primeiro tempo por mor da expulsión por dous cartóns amarelos, case consecutivos, do celeste Antón, ámbolos dous moi protestados polo cadro local.

Novamente con dez, o Viveiro resistiu ben as primeiras acometidas do rival nos primeiros intres, que se intensificaron pouco máis tarde cando Ayoub respostou con éxito a cada disparo dos xogadores do Alondras. Os de Marcos Pereiro souberon sufrir e co paso dos minutos estiráronse e para xerar algunha ocasión de perigo. Avisou Huguito antes de que chegara o único tanto do encontro. Rolle xerou unha boa xogada que culminou Peli incorporado ao ataque. O Alondras meteu ao Viveiro na súa área aínda que non xerou ocasións claras de gol.

PREFERENTE FUTGAL

O Lemos colleita a primeira vitoria da tempada no campo do Verín (2-1)

Perdeu a imbatibilidade o Lemos na súa visita ao José Arjiz. Os monfortinos non estiveron atinados con balón, con moitas pérdidas en primeira liña que propiciaban roubos de balón do ex lemista Rogerio que foron determinantes. En dous deles chegaron dous penaltis que Aitor transformou poñendo en clara vantaxe aos locais. Antes do descanso, dúas accións claves. Primeiro Herrero marcou o gol que meteu no partido aos de Alberto López e noutro erro defensivo, Matheus viu cartón vermello directo e deixou con dez ao Lemos para o segundo tempo.

O técnico lemista fixo trocos e o Lemos chegou á portería rival con moito perigo, erixíndose o gardameta Miguel Gándara no mellor do cadro ourensán con paradas de auténtico mérito, a máis espectacular nun lanzamento de falta de Aragón que iba directa á escadra. Iñaki e Brais tiveron tamén boas ocasións para igualar a contenda.

O Pol suma un triunfo cómodo diante do Ordes

Encontro plácido do Pol no Municipal diante dun Ordes que amosou unha proposta atractiva con balón, pero que se viu sobrepasado polo ataque dos locais antes dos vinte minutos de xogo. Fito abriu a lata logo dun bo servizo de Dani Montes e pouco despois Alesito conectou un gran disparo que se colou preto da escadra. O conxunto visitante trocou de esquema e chegou algo máis á área de Javi Liz, que interviu con éxito nunha ocasión.

No segundo tempo, o Pol tivo o dominio do balón e non tardou en sentenciar. Fito fixo o segundo da súa conta particular antes de que Javi Rey pechase definitivamente os tres puntos para os de Ramón Labrada cun tanto espectacular. Nos últimos intres certa relaxación provocou o tanto visitante, obra de Santi Carneiro.

O Pol mantense invicto logo de dez xornadas e é terceiro a dous puntos de Negreira e San Tirso.

O Burela vence no campo do Betanzos e deixa o descenso a tres puntos (0-1)

Segunda vitoria consecutiva do conxunto verde que o coloca con tres puntos de marxe sobre os postos de descenso. O encontro no García Hermanos foi moi disputado cun cadro local que practicou un fútbol moi directo que puxo en certos apuros á zaga dun Burela ao que lle custou xerar producción ofensiva nos primeiros corenta e cinco minutos. Malia a que o Betanzos eran que chegaba máis á área rival apenas se viron ocasións. Na única clara o gardameta mariñán Franco respostou ben.

Tras o paso por vestiarios o encontro seguiu a mesma tónica, pero o Burela co paso dos minutos foi quen de chegar á área rival con máis perigo, sobre todo a través do xogo por banda. A falta de dez minutos para o final, nunha rápida transición, Junior, que volveu á disiciplina do Burela logo do seu paso polo Viveiro, anotou o tanto da vitoria. Os de Julio Castro non estiveron atinados para sentenciar e o Betanzos volcáronse na procura do empate. Co tempo cumprido o colexiado sinalou un penalti moi protestado polos mariñáns, pero Pablo Gilsanz enviou o balón ao pao.

O Chantada cae fronte ao líder nos últimos compases do encontro (1-2)

Encontro que se presaxiaba difícil para os chantadinos ao recibir ao Negreira, un do máximos favoritos ao ascenso de categoría. Os visitantes comezaron mandando e meteron na súa área a un Chantada obrigado a defender, sobre todo nas accións a balón parado. Os de Traste melloraron con balón, foron quen de igualar forzas co rival e chegaron con certo perigo á portería rival. Nun destes achegamentos, Hamza marcou cunha boa definición coa perna esquerda. Cando parecía que o encontro marchaba así ao descanso, Fuentes empatou logo de tocar o balón en Brais Mariño.

No segundo tempo, o Negreira tivo o balón e o Chantada defendeu no seu campo e tentou saír á contra. Os visitantes buscaron o gol con disparos desde fóra da área e de centros laterais, sen demasiado éxito. A falta de cinco minutos para o final, Pablo tivo nas súas botas o tanto da vitoria chantadina, pero errou no man a man. Moi preto do final, nunha boa xogada, Yago anotou o gol do triunfo para o Negreira.

Peli dalle tres puntos de ouro a un Viveiro en inferioridade

Peli dalle tres puntos de ouro a