
Boas a todos! O primeiro que me gustaría facer antes de nada, é agradecer a oportunidade que se me brinda para expresarme nesta web que tanto fai polo noso querido fútbol da provincia. Sen dúbida merecen seguir moito tempo facendo este impagable labor. En particular tamén agradecer a Diego por contactar comigo para plantexarme a idea.
Como moitos de vós, o primeiro que se me veu a cabeza foron dúas cousas. Por que eu? E que contido podo ofrecer nestas liñas? Ollo! A simple vista parecen dúas preguntas sinxelas, pero quizais foi mais fácil a primeira que a segunda. Esta última levoume varios días barruntado na cabeza. Quería facer algo que non fora escribir por escribir, así que despois de moito pensar creo que toca falar desa outra familia, da que dicimos que é a familia que se escolle.
No meu caso futbolísticamente crieime na canteira da ADC Sagrado Corazón, onde entrei en categoría benxamín. Alí co paso dos anos e das categorías vas facendo amizade cos teus compañeiros de vestiario e pouco a pouco con algúns deles comezas a quedar polas tardes nas pandillas para dar una volta ou naqueles tempos ir polos recreativos…


Quizais onde mais comecei a considerar a estes amigos xa familia, xa parte da miña vida, foi nos anos do sénior. Onde nos xuntamos unha morea de mozos da canteira do clube que xa nos coñeciamos, o día a día dos adestramentos e logo un grupo humano moi bo fixo o resto. Xa non só quedábamos entre semana para adestrar, quedábamos para cenar na casa dalgún entre semana, saiamos os findes de festa, viaxes e un largo etc de cousas.
Creo que no deportivo esa unión de vestiario e esa amizade tamén traduciuse en bos resultados para equipo, quizais os dous mellores que tiven deportivamente no meu caso. E aínda que despois duns anos os nosos camiños separaranse sempre seguiámonos apoiándonos e acudindo os partidos dos outros sempre que os nosos nolo permitían. Volvémonos a xuntar no SDC San Lázaro onde algún novo incorporouse á familia e volvemos a desfrutar de bos anos de fútbol. Algúns aínda están por alí, e nada me alegraría máis que finalmente consigan este ano o ascenso a Primeira, polo que curran e traballan todos os do equipo, meréceno sen dúbida.

Agora con máis anos e moitas aventuras entre nós nas nosas costas, creo que non está demais para aproveitar e agradecerlles que sexan parte da miña vida. Que sexan verdadeiros amigos, de eses que te ven ao chegar a un adestramento ou a tomar unha caña, e xa te notan na cara se vai ben ou mal a cousa. Ou que nalgún momento mándanche o whatsapp de turno cun “se necesitas algo xa sabes onde metes”. Encántame o fútbol, quen me coñece sabe que o vivo moitísimo mais como xogador que como adestrador, pero sempre intenso.

Axudoume a completar a miña formación e adquirín valores practicándoo. Pero sinceramente, creo que nunca poderei devolverlle a este deporte o que me regalou: a outra familia, a que non é de sangue, a que se escolle, e que sempre esta o meu lado, nos bós e nos malos momentos. Vós xa sabedes quenes sodes, non teño que dar nomes, pero considerade este un pequeno detalle por ser un afortunado de tervos o meu lado na miña vida. Xa para concluír reitero o agradecemento a Futbolinlugo por permitirme estas humildes liñas.
Javier Castro Corredoira. Todoterreo da Comercial, amigo dos seus amigos