Día 20 de xullo. Comeza a pretemporada. Chegas ao vestiario con todas as ganas de comezar unha nova tempada, con toda a ilusión de desfrutar do que máis che gusta facer. Unha vez entras e te sentas no teu sitio, moitos recordos percorren a túa cabeza. Lémbraste da túa primeira pretemporada co primeiro equipo. Cando non eras máis ca un rapaz con apenas 16 anos. Que non sabía onde meterse do nervioso que estaba.

Entrabas no vestiario procurando non facer moito ruído. E sentábaste nunha esquina porque pensabas que alí non molestarías. Ao teu redor, os teus ídolos, cansado de ir ao campo de neno e pensar que ogallá algún día puideras compartir vestiario con algún deles. E chegar ao primeiro equipo. E alí te encontrabas. Por fin chegara o día no que cumprira un dos meus soños. O de poder sentarme no vestiario do equipo da miña cidade. Cos xogadores que vías coma os teus referentes.

Pero que é o máis importante dun vestiario? Por suposto as relacións de amizade que se xeran nel. E os amigos que te levas para toda a vida. Porque á marxe de gañar ou perder, o que queda é iso.

Grazas ao vestiario fixen amizades que hoxe en día son coma a miña familia. Grazas a entrar no vestiario, cando non era máis ca un neno, coñecín a xente que leva comigo toda a vida. E que son coma a min, uns apaixoados deste deporte. Pedro Bustelo (UD Xove Lago) ou Xoel Vázquez ( CD San Ciprián) son claros exemplos disto. Persoas que dende que entrei no vestiario por primeira vez, ata hoxe, estiveron presentes en todas as etapas da miña vida. E seguen compartindo esta paixón a día de hoxe comigo.

O vestiario, a túa segunda casa durante os próximos 10 meses. Alí vanse vivir grandes momentos, e outros non tan bos. Pero sobre todo vas vivir unhas emocións e establecer unhas relacións coas outras 20 persoas. Que no meu caso, son a miña segunda familia. Véndonos 4 días, hai semanas que pasamos máis tempo no vestiario que na nosa casa. E días que vemos máis aos nosos compañeiros que á nosa familia. Despois dun mal día, aí están eles, despois dun mal adestramento, aí están eles. Despois dun mal partido, aí están eles para animarte. Para sacarche un sorriso, pero sobre todo, para facerte desfrutar disto tan bonito do que non nos damos conta ata que xa é demasiado tarde.

Que quero dicir con isto?  A importancia que ten desfrutar dos momentos, dos nosos compañeiros e de todas as cousas que vivimos durante a nosa vida entre esas 4 paredes.

Arturo Calvo. Goleador referente. Dianteiro do Viveiro

Comparte
                              

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*