Unha vez estiven triste porque o Barça da época dos holandeses non facía máis que perder. Outra vez estiven triste porque cando me fixen do Real Madrid, o «Madrid dos galácticos«, non facía máis que perder. Cando perdían estaba triste e cando ganaban non era tan feliz.

Até que un día, logo de sufrir por equipos que non me dicían nada e por tipos que non se parecían nada a min, decidín que tiña que cambiar.

E cambiei. Cambiei dende que o Celta ao que Iago Aspas salvou un 6 de xuño de 2009 do descenso á Segunda B ante o Alavés tiña once galegos no cadro de xogadores, e eses rapaces si que se parecían máis a min e á miña contorna. Logo chegou o ascenso do CD Lugo, e as bágoas de Quique Setién e da xente da cidade aquel 24 de xuño de 2012 tamén se parecían máis a min e á miña zona.

Na TVG, a Liga das Cidades emitía todas as fins de semana os partidos dos equipos galegos da Segunda B, en galego, e o que vía pola tele era moi parecido a min e á miña contorna. Na Radio Galega, o Galicia en Goles cantábame, en galego, os goles da Preferente, da SD Chantada ou do Lemos, e iso soaba moito máis preto de min e da miña bisbarra.

Momento do Monterroso 0-0 Páramo de hai tres xornadas xogado en Cerdeiriños

E como cambiei, tamén comecei a valorar moito máis todas as tardes que pasara en Cerdeiriños vendo os rapaces da miña vila. A ledicia de ver ascender aos xuvenís da SD Monterroso á Liga Galega, berrar con María Elena, mercarlle as pipas a Mariano, inventar cancións con Adrián e mollarme por ir recoller os balóns ás leiras do campo. Tamén sufrín descensos, e ascensos frustrados, pero nunca estiven triste e o primeiro que sentía sempre era orgullo.

Dicía Jorge Valdano que o fútbol é a cousa máis importante das cousas menos importantes. Pois o fútbol local vén sendo a cousa máis importante das cousas menos importantes dunha vila ou dunha parroquia, e así nolo deberíamos tomar, así o debemos defender e así o debemos sentir e valorar.

Admirar o esforzó e o compañeirismo dos que percorren quilómetros por defender as cores da súa vila ou cidade, sen importar a categoría. Hai moitas formas de sentir e vivir o fútbol. Pero como o da casa, en ningures.

Helena Del Río , estudante de xornalismo e afeccionada ó fútbol modesto

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Redacción Futbolinlugo

Redacción Futbolinlugo

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*