Guaje do Monterroso

Guaje (Monterroso): «Imos loitar ata o final para chegar á Preferente»

O Monterroso é, sen lugar a dúbidas, o equipo revelación da tempada na Primeira Futgal. Unha tempada para o recordo de todos os afeccionados firmou o seu peche perfecto despois de certificar a súa clasificación para a promoción de ascenso á Preferente ao vencer ao Iberia por 1-2. Os de Cerdeiriños aínda teñen que decidir en que posto rematarán, algo que se determinará ao rematar o seu encontro ante o Atlético Escairón.

Unha das súas chaves foi Guaje, que na terceira tempada da súa segunda etapa foi quen de marcar catro goles desde a defensa. Incluso, no último tramo, fíxoo compaxinándoo coa faceta de adestrador do filial, que se xoga este domingo a permanencia. O adestrador pasou polos micrófonos do Ser Deportivos Lugo desta semana e enfrontouse ás preguntas de Juan Carlos Rodríguez, presentador do programa, e Eros López, redactor de Futbolinlugo. Na entrevista falaron do que foi a tempada, as chaves e a permanencia do Monterroso B

Entrevista a Guaje do Monterroso

Clasificar á promoción: «Foi un partido como esperabamos. Entramos moi nerviosos e non materializamos as oportunidades que tivemos. No descanso démoslle a volta ao partido. A festa foi longa, quedou ben celebrado. Mercíamolo por todo o traballo que se fixo durante toda a tempada».

Ser a revelación da tempada: «O segredo é ser un equipo desde o comezo, sendo xente da vila que sempre daba todo xogase onde xogase, e Cerdeiriños. A afección levounos en voandas para acadar o que temos agora mesmo. Toca certificar o segundo posto e logo imos ao playoff sen presión. Imos loitar ata o final para levar ao equipo á Preferente».

Permanencia do Monterroso B: «Vai ser moi complicado. Por sorte, pechamos na casa o curso ante o Antas. Levamos unha boa xeira que merecían todos e ter opcións de permanencia ao final era o noso obxectivo. Tamén temos as contas dos arrastres, pero temos que centrarnos no noso».