Cando Futbolinlugo contactou comigo para este artigo, a verdade non sabía que escribir nin por onde empezar. Pero pensei: «E… de que vou falar se non? De fútbol, fútbol e fútbol. É o que levo facendo dende hai 30 anos«.

Mincha, na súa etapa no Muimenta

Grazas a este deporte marabilloso a verdade é que podo falar de moitas cousas. Pero se con algo me quedo, sen dúbida, é a gran familia que somos entre todos os que facemos posible este deporte (directiv@s, compañeir@s de equipo, adestradores/as, rivais, árbitr@s e como non vós, a prensa). Neste ámbito en primeiro lugar gustaríame agradecer a tod@s eses directiv@s e colaboradores/as dos clubes o gran labor e esforzo que fan por manter os equipos ano tras ano en competición. Porque, sobre todo, no fútbol rexional é moi difícil poder afrontar economicamente cada tempada. Grazas a estas persoas, o resto de xente que englobamos o mundo do fútbol podemos disfrutar cada fin de semana dunha xornada máis. Grazas a isto, a poder disfrutar cada fin de semana do fútbol, podo estar satisfeito e orgulloso de tod@s @s amig@s e coñecid@s que fixen. Sen dúbida é o que máis valoro e disfruto do que me deu este deporte.

Podo falar de varios éxitos deportivos e momentos inesquecíbeis, pero se algo me fixo ver o fútbol é xusto o contrario. Cando as cousas saen mal ou directamente non saen, é cando se ven eses valores que inculca o fútbol. É cando máis se unen os vestiarios e se chega a formar unha familia, si! Unha familia porque se algo sinto cando penso no fútbol é as distintas familias que fun xerando ao longo da miña etapa neste deporte. Como moitos xa saben, eu empecei dende moi pequeniño no Racing Club Villalbés. E aínda que hai máis de 10 anos que deixei ese club, podo decir orgullosamente que teño moitos amigos grazas a todo o tempo que estiven xogando e formándome alí.

Mincha na época do Roupar co seu amigo Congui, no Santaballés

Teño moitos recordos e moitas anécdotas da miña infancia neste club pero se algo destaco foi a formación e os valores que adquirín. E como non, ter xogado en Liga Nacional Xuvenil. Sen dúbida creo que foron os mellores anos que tiven de fútbol. Tendo a oportunidade de xogar contra grandes equipos e grandes xogadores (algúns ata xogaron en Primeira División). Sobre esta etapa sempre temos un recordo (digo temos porque aínda o comentamos os compañeiros de aquela etapa de vez en cando). Que foi un empate a 0-0 contra o Pontevedra no campo de A Seca (Pontevedra). Comento isto porque hoxe no fútbol todo o mundo quere tocar o balón, facer ‘fútbol de salón’… (o FIFA e o Barça de Guardiola fixeron moito dano jaja). Nós nese partido o único que fixemos foi defender, defender e defender (coma o Inter de Mourinho naquel partido no Camp Nou). Si, fútbol horrible pero para nós foi como unha gran vitoria. Fíxonos ser máis equipo porque vimos que todos remando na mesma dirección poderíamos conseguir o noso obxectivo. Que era seguir nesa división e así foi, xa que nese partido estábamos no descenso. Experiencias coma esta fan que o fútbol nos enganche.

Mincha, no Racing Villalbés xuvenil

Falando das distintas familias que fun formando gustaríame mencionar a todas porque en cada unha delas teño amigos e moitas experiencias vividas con todos eles. Pasando polo Roupar ao cal lle teño que agradecer moito todos os esforzos que fixeron para que eu pudiera disfrutar ese ano do fútbol en Primeira Rexional. Sendo un rapaz sin carné onde os directivos facían posible que fora adestrar sempre índome a buscar a Vilalba e volvéndome levar.
Neste club foi no cal empecei a disfrutar do fútbol Rexional e, aínda sendo o máis novo ou case o máis novo do equipo, xerei unha gran relación cos compañeiros. Os cales me acolleron coma un máis e dos que a día de hoxe sigo disfrutando fóra do campo. Outro dos clubes que marcaron a miña etapa futbolística é o Muimenta. A verdade non sei as tempadas que puiden estar neste equipo… Seis, sete quizais. Nas cales disfrutei coma un anano deste apasionante deporte e facendo grandes amizades. Club do cal aínda me sinto partícipe debido á relación que sigo mantendo con toda a xente de alí.
Despois de esta etapa xa pensei que era suficiente o que xogara ao fútbol. Pensei que era boa idea deixalo pero a verdade é que non foi así. Non sei que ten este deporte que prende tanto. Só puiden estar media tempada sen buscar un equipo que me acollera para seguir matando o gusaniño. É aquí cando teño que mencionar ao San Roque, que aínda tendo xa o equipo formado e cun bo cadro de xogadores, fixéronme un oco a metade da tempada para seguir dándolle á pelota. Malia que fora un equipo na maior parte de xente moi nova, sentinme coma un máis dende o primeiro momento. Incluso ata me fixeron rexuvenecer en tódolos aspectos. Mágoa que descenderamos o ano pasado. Respecto a isto quero facer unha pequena opinión sobre o tema dos filiais (San Roque o ano pasado fora filial da Residencia). Xa que ao igual que no Muimenta (cando descendeu de Primeira fora filial do Castro). Sempre que se xera una afiliación a outra entidade, o club de menor categoría sae perdendo e en moitos casos provoca o descenso de categoría deste.
E como non mencionar a actualidade. Este ano no San Lázaro presentouse unha oportunidade ambiciosa para intentar volver a xogar na Primeira Rexional os últimos anos (que xa me quedan cada vez menos). Pero parece que se está a complicar a cousa e non están saíndo como queríamos os resultados. Podo mencionar que aínda que sexa Segunda Rexional, está a ser unha categoría moi competida na que calquera equipo pode perder puntos contra calquera. De todas formas confío que acabemos por adaptarnos e poidamos conseguir algo bonito este ano. Como dixen ao longo de todo este artigo, sendo un equipo e unha familia todo é posible.

Mincha, coa súa familia de Muimenta

Por último gustaríame comentar que dende hai anos este tipo de relacións cada vez van a menos. Por momentos parece que pode desaparecer parte do noso fútbol, o cal non me agradaría nada. Hai moitos equipos que seguen tirando de xente que levamos moitos anos xogando. E os novos que veñen por detrás non traen a mesma ilusión nin a mesma ambición e paréceme un gran erro. Polo que dende aquí pídolles a todos os rapaces e rapazas e para os clubes que os forman (este ano estou colaborando na Residencia con Infantís e Cadetes) que se esforcen ao máximo para adquirir os coñecementos e valores deste deporte. E así disfrutar do fútbol e a familia que o forma durante moitos anos, que é das mellores cousas que ten.
Novamente agradecer a todos os clubes e persoas que fixeron que teña esta ilusión por este deporte. E moitas grazas a Futbolinlugo por facer o traballo que está facendo. Para ser posible que o noso fútbol siga medrando e dándonos a coñecer a tódolas persoas que formamos parte del. Sen importar categoría, idade ou sexo (un traballo excepcional que todos os amantes do fútbol botábamos de menos).

Alejandro Novo ‘Mincha’. Xogador do San Lázaro.

 

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*