A Axenda: O San Lázaro pode encarrilar o ascenso se gaña ao Portomarín

Nunha xornada sen fútbol feminino, deixámosvos os encontros máis salientable do fin de semana na nosa provincia.

TERCEIRA DIVISIÓN

 – Polvorín – C.D. Arenteiro (Domingo ás 13 horas na Cheda): os de José Durán precisan dun triunfo para alonxarse da zona de descenso directo, agora mesmo a dous puntos. Enfronte un conxunto con grandes individualidades e que coa incoporación de Javi Pazos conformou unha liña atacante de máximo nivel. Os do Carballiño son décimos.

– Racing Vilalbés – U.D. Paiosaco (Domingo ás 16:30 horas na Madalena): os chairegos reciben a visita do pechacancelas, que non gaña desde o mes de outubro, pero que xa foi quen de soprender aos de Simón Lamas na primeira volta. Un triunfo do Racing situaríao a unha distancia considerable dos postos de perigo.

PREFERENTE NORTE

 – Club Lemos – S.D.C. Mugardos (Domingo ás 16:30 horas na Pinguela): un dos equipos máis en forma da categoría rinde visita aos de Edu Rodríguez. Os de Ferrolterra foron quen de gañar seis dos seus últimos sete partidos e son firmes aspirantes a pelexar polo ascenso. O Lemos, nunha boa dinámica malia perder en Fisterra, tentará sumar un triunfo para escalar postos na táboa.

 – C.D. Foz – S.D. Sofán (Domingo ás 17 horas no Martínez Otero): unha nova final para os mariñáns no que será o debut no Martínez Otero de Javi Chinchón como adestrador focense. Tres puntos que sen antollan claves para comezar a recurtar diferencias cos postos de permanencia. Enfronte un Sofán que ven de rachar coa gran xeira do Noia.

– S.D. Residencia – Atlético Arteixo (Domingo ás 17 horas na Cheda): logo de vencer ao Foz, os de Álvaro Meilán buscarán outro triunfo na casa para seguir distanciándose do descenso. Os visitantes, situados na metade da táboa, sumaron sete dos últimos nove puntos en xogo.

– S.D. Sarriana – Puebla C.F. (Domingo ás 17:30 na Ribela): os de Xoan Peón precisan voltar á senda da vitoria para poder mirar cara arriba na clasificación. O seu rival, con tan só un punto menos que os sarriaos e invictos nos últimos catro encontros, non llo porán doado.

PRIMEIRA AUTONÓMICA

 – S.D. Chantada – S.D. Burela (Domingo ás 16:30 horas no Sangoñedo): con tan só un triunfo no 2020, os de Jaime Méndez precisan un triunfo para non quedarse definitivamente desenganchados da pelexa polo ascenso. O Chantada, invicto no seu campo, con coñece a derrota nos últimos sete encontros e tentará darlle continuidade á racha para recurtar puntos cos postos de ascenso.

 – Atlético Escairón – Chantada Atlético (Domingo ás 12 horas no Municipal do Saviñao): o líder buscará un triunfo co cal incrementar a súa renta ao frente da clasificación. O cadro chantandino non descarta a sorpresa nun encontro de rivalidade no que un triunfo afastaríao dos postos de perigo.

SEGUNDA AUTONÓMICA

 – C.D. San Ciprián – Celta Barreiros (Sábado ás 16:15 horas na Veiga): o conxunto local, por primeira vez fóra dos postos de ascenso logo de colleitar tres derrotas nos últimos catro encontros, tentará voltar á senda do triunfo. Enfronte os de Fran Vázquez, que contan con cinco puntos menos que o seu rival, poden achegarse á zona de privilexio no ano do seu retorno á Segunda.

– S.D.C San Lázaro – C.F. Portomarín (Sábado ás 16:15 horas na Ponte): primeiro contra terceiro. O conxunto local, no caso de acadar os tres puntos, daría un paso de xigante cara o ascenso ao deixar a quince puntos ao seu rival. Enfronte, os pupilos de Fernando buscarán un triunfo, onde ninguén o acadou nesta temporada, para apretar a pelexa pola segunda praza.

TERCEIRA AUTONÓMICA

 – S.D. Viveiro – Fonsagrada Balompé (Sábado ás 17 horas no Municipal Marcos Gómez): encontro co liderato en xogo. Con ámbolos equipos igualados na clasificación logo da derrota do filial viveirense na última xornada, o que consiga a vitoria rematará a xornada na primeira praza.

– Sporting Lucense – C.D. Sober (Sábado ás 18 horas no Municipal Rodríguez Lago 1): o cadro local ocupa o liderato e conta tódolos seus encontros como local por vitorias. Enfronte un Sober con bos números como visitante, precisa dun triunfo para asegurar canto antes a súa praza de promoción.

Imagen por defecto
Marcos Fernández
Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte
Artículos: 407

Deja un comentario