Foto de portada: Alba Arias.
O Tres en Raia Boas Mans Fisioterapia achéganos esta xornada os dous últimos ascensos producidos desde a Terceira Futgal. O Abadín fixo bo o triunfo pola mínima logrado no Municipal e foi quen de empatar no Pichón, deixando ao Muimenta sen o premio. Por outra parte, a Piringalla e o Rubián xogaron unha final moi parella que se resolveu nunha tanda de penaltis da que saiu vitoriosa a Piringalla.
FINAIS POLO ASCENSO
O Abadín empata no feudo do Muimenta e acada o ascenso (1-1)
Ningún dos dous conxuntos quixo arriscar na primeira metade. Ao ritmo lento dos primeiros minutos seguiulle un Abadín que imprimiu unha marcha máis ao encontro e gozou dunha clara ocasión nas botas de Tontxu. O Muimenta apenas xerou perigo diante da portería dun Iker que estivo inspirado no segundo tempo.

Tras o paso por vestiarios, Ferre abriu a lata para o Abadín tras aproveitar un tiro que saiu trabado de Tucho. O Muimenta colleu o temón co marcador en contra e logrou empatar cun gol de Seijas. Os de Fran Veiga buscaron o tanto que empatara a eliminatoria ata o final, aínda que sen éxito.
Unha Piringalla en inferioridade vence ao Incio na tanda de penaltis grazas a un inspirado Reija (2-2)
Logo do empate sen goles da ida, o Incio aferrouse ao factor campo e comezou o encontro levando a iniciativa e xerando moito perigo. Froito disto chegou o primeiro tanto do encontro, obra de Raúl. O encontro púxose máis de cara para os locais aos vinte minutos ao quedar a Piringalla en inferioridade numérica por expulsión de Juan Vidal. Ademáis, viu o cartón vermello tamén Adrián que estaba no banquiño de suplentes. Cun home menos, os capitalinos gozaron dos seus mellores minutos e logrou remontar con dous goles de Samu.
No segundo tempo o Incio saiu a polo empate e logrouno cun golazo de Urdi. A partir de aí existiron alternancias no xogo sen que chegaran oportunidades claras para ningún dos dous conxuntos. Na prórroga o esforzo físico fixo mella e ningún dos contendentes foi quen de marcar. Na tanda de penaltis, novamente Reija, ao igual que nas semifinais diante do Taboada B, resultou determinante e a Piringalla obtivo o premio do ascenso.

TORNEO DELEEGACIÓN
Grupo 1
Mondoñedo 0 Catro Roldas 3. Os locais colleitaron a primeira derrota da temporada nun encontro no que os de Nico non se atoparon cómodos sobre o terreo de xogo, sobre todo a nivel defensivo. Malia todo, os mindonienses chegaron con certo perigo á portería rival, pero foi o Catro Roldas quen logrou adiantarse cun bo gol de Samu. No segundo tempo, o adestrador local realizou trocos e o Mondoñedo mellorou as súas prestacións e gozaron de boas ocasións para empatar e incluso poñerse por diante. O desacerto no remate unido á boa actuación do porteiro Carmello fixo o que o gol non chegara. Xa preto do final, os chairegos sentenciaron con dous tantos.
Comercial 4 Pol B 4. Encontro con dúas metades ben diferenciadas. A primeira foi claramente para os visitantes, que xa gañaban por dous goles aos sete minutos, ambos os tantos obra de Rui. Os pupilos de Luis Romay realizaron un bo fútbol e lograron ampliar diferencias cun gol de Antón. Antes do descanso, nun erro defensivo recurtou diferencias a Comercial. No segundo tempo, os locais foron mellores e lograron igualar un encontro que tiñan moi difícil.
Grupo 2
Relámpago Taboada 2 Corgo 3. Os locais saíron fulgurantes ao partido e lograron dous goles en só tres minutos, obra de Ezza e Fran. Os de Melendo realizaron un dos mellores partidos da temporada, aínda que non foi suficiente para puntuar diante do campión do grupo. Os de Abel Rochela non estiveron atinados no primeiro tempo e só puideron recurtar diferencias por medio de Xoia, de penalti. No segundo tempo cambiaron as tornas e os visitantes remontaron axiña. Rubio e Brais marcaron e Rubi errou diante do porteiro. O gardameta Cidre evitou máis goles locais, e preto do final o Relámpago tivo unha ocasión para empatar nun saque de falta lateral.
Rubián 0 Carballedo 0. Dominio alterno no Poste, nun econtro con moito mediocampismo e escaso de ocasións de gol, sobre todo na primeira metade. Tras o descanso, o Rubián levou o peso do partido, pero foi o Carballedo o que estivo máis preto do gol. Ao final ningún dos dous viron porta.

