Paco López, Peluquería Mixta Friol: “Afronto a experiencia con moita ilusión e moitas ganas”

Paco López é o novo adestrador do Peluquería Mixta Friol. Coñecíamos a nova hai poucas semanas a través do Facebook de Ángel Villar, presidente do clube de fútbol feminino máis prestixioso da nosa provincia, que milita na Segunda División do noso fútbol.Nado nas Pontes, Paco conta con experiencia como adestrador, tanto en categoría sénior como na base, pero non no fútbol feminino, no que debutará nesta campaña. Desde Futbolinlugo quixemos saber máis acerca de como se afronta a temporada 2017/2018 en Friol, e falamos brevemente con Paco.

FUTBOLINLUGO: Ola Paco. Para comezar, tiveches que pensar nalgún momento cando recibiches a oferta do Friol ou aceptaches ao instante?

PACO: O único problema é a distancia. Eu vivo nas Pontes e o desprazamento a Friol son 65 quilómetros ida e 65 quilómetros volta, polo que si que miramos a ver se iría máis xente da zona. Ademais, eu nunca adestrei a rapazas.

 

FUTBOLINLUGO: Efectivamente, é a túa primeira vez no fútbol feminino. Como afrontas a experiencia?

PACO: Con moita ilusión e moitas ganas de traballar, de intentar adentrarme no fútbol feminino, que ultimamente está a ter bastante auxe. É outra experiencia máis, outra oportunidade de adestrar, que a día de hoxe é o que de verdade me gusta.

“É unha nova oportunidade de adestrar, que a día de hoxe é o que de verdade me gusta.”

 

FUTBOLINLUGO: Comezastes a pretemporada o día 2 e xa xogastes un amistoso. Como están a ser as sensacións?

PACO: Si, empezamos o día 2 de agosto e estivemos concentrados en Castropol a pasada fin de semana e xogamos contra o Tapia de Casariego, equipo recén fundado. De momento estou moi contento, o nivel de compromiso é bo, aínda que a filosofía do clube consiste en valorar tanto os traballos como os estudios, pero polo momento moi contento.

 

FUTBOLINLUGO: Está pechado o plantel ou agardades novas incorporacións?

PACO: Polo que falamos o presidente e máis eu, si é certo que pensamos en sumar a alguén máis, pero de momento non hai nada cerrado. Si que pensó que algunha nova xogadora si que pode vir.

 

FUTBOLINLUGO: Cales serán os obxectivos do Friol para a 2017/2018?

PACO: Non domino ao cento por cen o fútbol feminino, pero o básico é traballar día a día, sacar o máximo posible das xogadoras, e o que está claro é que hai equipos con moito máis presuposto, polo que deben optar aos primeiros postos, e o noso plantel sufriu variacións, polo que o primeiro que hai que conseguir é que a xente se acople ben, e a partir de aí o traballo dirá onde podemos estar na táboa.

 

FUTBOLINLUGO: Moita sorte e moitas gracias por atendernos, Paco.

PACO: A vós.

Agardamos que a vindeira campaña estea tan cargada de éxitos como as pasadas para o Peluquería Mixta Friol.

 

 

Imagen por defecto
Santi Real
De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.
Artículos: 459

Deja un comentario