Os sobranceiros da Terceira na novena xornada

O Cervo, o Corgo e o Incio seguen ao seu, gañando partidos e achegándose ao obxectivo de estar ben posicionados na primeira fase para afrontar a seguinte competición polo ascenso. O máis beneficiado da xornada foi o Incio, ao empatar o Sober e perder o Río Sil, polo que ten unha diferenza de cinco puntos co segundo da clasificación. Comercial e FC Becerreá foron os conxuntos que descansaron esta xornada.

No grupo norte, continúa o bo estado de forma e de resultados do Cervo que venceu a domicilio ao Celta Barreiros deixando o encontro sentenciado no primeiro cuarto de partido, aínda que o conxunto adestrado por José Luis “Moñi” no se veu abaixo pero non foi quen de superar a portería rival. Segundo mantense o Catro Roldas logo de colleitar un importante triunfo no Pichón ante o Muimenta. O mellor dos terceiros clasificados da Terceira nestes momentos está no grupo norte, e é o Goiriz que derrotou pola mínima ao Celeiro. Quen segue sen gañar é o Cazás, a pesar de anotar tres goles (dous deles do debutante Marcos e un de volea dende fóra da área de Chuchi) non puido superar ao Rioaveso que anotou catro.

No grupo centro, o Corgo aproveitou o empate do Fonsagrada para ampliar a súa vantaxe antes de ter xornada de descanso a vindeira fin de semana. Derrotou ao Friol B nun encontro que comezou moi ben: “posiblemente fosen os 25 mellores minutos da temporada”, afirmou o segundo adestrador Hugo Vázquez. Non obstante, terminaron pedindo a hora e o porteiro Dani evitou o empate do filial friolés no tempo engadido. O Fonsagrada non pasou do empate co Guntín que desaproveitou a oportunidade de colocarse terceiro. Quen se resiste a deixar de pelexar é o Rábade que venceu ao Laxosa e suma dez puntos na súa primeira temporada. Ademais con sobranceiros, como foi o  gol de Marcos a pase de Jairo.

No grupo sur, o Incio é máis líder logo de derrotar con claridade a un Relámpago Taboada que chegou a ocupar o primeiro posto pero que agora leva tres derrotas consecutivas. Cun grupo moi implicado, onde destacaron Vila, Urdi e Torres, ademais do golazo de Lynget dende o vértice dereito da área; o Incio presenta a súa candidatura sendo tamén o conxunto menos batido da categoría con Emilio baixo paus. O Sober non pasou do empate ante o Paradela. E o Río Sil foi superado por un Quiroga que se resiste a deixar de pelexar por estar na fase do ascenso.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario