Os onces da 8ª xornada na Segunda

Ningún dos líderes da Segunda Rexional sumou tres puntos nesta xornada pero manteñen os primeiros postos na clasificación. O Guitiriz encaixou o primeiro empate da tempada ante o Valadouro; mentras que o Guntín perdeu na casa ante o San Roque. O tempo tamén foi protagonista da xornada xa que unha saraibada impediu que se disputase o Candelaria – Lourenzá que se xogará este xoves ás 16:15h.

No grupo norte, foi a primeira xornada do curso na que o Guitiriz non gañou. O Valadouro púxolle as cousas complicadas e marchou ao descanso vencendo por 2-0. No segundo tempo o equipo guitiricense só puido empatar. Aínda así, continúa como líder cun punto de vantaxe sobre o Folgueiro que sufriu para sumar o sétimo triunfo seguido ante un Cervo no que se estreaba Jesús Martín. Un penalti nos últimos instantes puido cambialo todo. Na terceira posición atópase o Xermade que venceu a un Mondoñedo que logrou empatar o 2-0 inicial en contra, pero nos últimos minutos non puido co empuxón do cadro xermadino. A dous puntos están os veciños de Roupar que confirman o bo inicio de liga coa quinta vitoria do curso ante un Abadín que acusou as baixas. Mesmo xogou sen un porteiro específico e Joni tivo que asumir esa función. Tivo paradas de mérito, pero non puido facerlle fronte aos disparos de Edi que marcou catro goles.

Na quinta posición aparece o Goiriz, que derrotou a Comercial no Ventiño onde está facendo un fortín (catro partidos e catro vitorias). O Cabreiros comezou gañando na estrea de Abel Rochela; non obstante, na segunda metade un gol de Perotti e outro de falta impediron que o Cabreiros volvese ao camiño da vitoria. Na zona baixa, ademais do Iberia sacou tres puntos moi importantes o Meira ante un rival directo como o Cospeito. O conxunto vermello tivo a boa nova do regreso de Martín ao equipo, pero perdeu a Xoán pola fractura dun dedo que o terá afastado varias semanas dos terreos de xogo.

No grupo sur, o golazo de Iván para o Guntín non serviu para conseguir os tres puntos e o equipo laranxa encaixou a segunda derrota do curso; desta volta ante o San Roque. A derrota do líder aproveitouna o Palas para colocarse a dous puntos da cabeza co seu triunfo ante o Brollón. Achégase aos postos de ascenso directo tamén o Corgo coa súa terceira vitoria seguida e cun Debasa que está nun gran momento. O dianteiro marcou tres goles e xa leva 8 en catro partidos que o colocan como máximo goleador do grupo e tamén co mellor promedio goleador. Venceu con claridade no marcador a un Incio con baixas e con axustes defensivos que lles custou o encontro. Cos mesmos puntos sitúase o Chantada B logo do seu empate sen goles no campo do Ferreira.

Na zona media alta colócase o Bóveda que leva unha boa xeira de resultados, despois de vencer a un Santa Comba que realizou un dos peores partidos ata o momento. Sergio Cabanelas volveu ser un dos máis destacados do equipo. Regresou ao camiño da vitoria o San Lázaro ante unha SD Becerreá que marca agora a zona da salvación con respecto á zona de descenso directo. O equipo adestrado por Ángel Marino é xunto co Bóveda o menos batido da categoría, e Borja “Máxico” é o gardamallas menos batido en relación aos partidos xogados. Na zona baixa o Oural quere ir cara arriba despois de vencer con claridade ao Monterroso B. Aínda que a sorpresa da xornada foi para o Sporting Lucense que sumou o primeiro triunfo do ano ante o Portomarín que suma agora tres partidos sen gañar.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 467

Deja un comentario