Os equipos da Terceira Rexional teñen que discorrer a que lle dedican a fin de semana para evitar perder o ritmo ante os paróns da categoría (dous neste mes de outubro, a maiores dos que teñen os dous equipos que descansan cada xornada no grupo sur). Non obstante, noutros campos os descansos viñeron obrigados por mor do primeiro temporal do inverno que trouxo #FútbolNaLama.

O Celta Barreiros é segundo clasificado no grupo norte da Terceira Autonómica logo de cinco xornadas. O cadro celeste foi un dos equipos que máis se reforzou da categoría neste curso. Incluso a semana pasada fixo unha nova fichaxe, a do dianteiro Xian procedente do Mondoñedo de Segunda. Nesta fin de semana na que non houbo xornada na Terceira, o cadro do Cascabeiro aproveitou para xogar o xa tradicional encontro entre os xogadores actuais e os veteráns do Barreiros. Un día de fraternidade para facerlle fronte ao frío.

Si houbo xornada na Segunda onde un dos encontros máis emocionantes estivo no Boa Vista. O Folgueiro púxose por diante tres veces no marcador e en dúas desas o Cervo conseguiu igualar. Nos últimos intres de encontro, o cadro adestrado por Antonio Martín que se estreaba no banco, puido sacar un punto diante dun dos favoritos. O penalti errado imposibilitou a puntuación.

Por último, o inverno xa nos deixou claro que está aquí. Comezan os tradicionais temporais, que sempre caen en fin de semana. Esta pasada xornada a neve e o frío fixeron acto de presenza ademais do vento e a auga. Entre todos eles, leváronse por diante dous encontros: o Páramo-Xove Lago na Primeira e o Candelaria-Lourenzá na Segunda. Unha forte saraibada obrigou a suspender este choque, que se disputará este xoves 1 de novembro a partires das 16.15 horas.

Comparte
                                          

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*