A vixésima xornada da Terceira División tráenos un encontro de proximidade en Cantarrana. Será o sábado ás 17 horas e enfrontará ao Viveiro co As Pontes nun choque de máxima trascendencia na pelexa de ámbolos dous conxuntos pola permanencia. Un triunfo dos mariñáns condearía ao cadro pontés a disputar a promoción para continuar unha temporada máis en categoría nacional. Pola contra, unha derrota dos pupilos de Chusky complicaría a situación dun Viveiro que parte desde a sétima posición.
O triunfo do Silva no encontro disputado o pasado mércores no Ara Solis de Fisterra situou ao conxunto coruñés por diante do Viveiro e relegou aos mariñáns a postos que darían lugar á disputa da promoción de permanencia. Cabe ter en conta que o vindeiro 17 deste mes de marzo Silva e Viveiro enfrontaránse no partido adiado da xornada 17 e que xa situará definitivamente a ámbolos equipos de cara aos dous encontros finais.
As dúas últimas derrotas dos viveirenses diante do Arzúa e Racing Vilalbés complicaron unha posición que parecía relativamente cómoda na clasificación. Ben é certo que a imaxe amosada no derbi provincial, no que os de Chusky mereceron un mellor resultado, enche de esperanza a un Viveiro que quere a permanencia pola vía rápida.
O C.D. As Pontes chega a Cantarrana nunha situación complexa na táboa clasificatoria. Noveno con dezaoito puntos, a seis do Viveiro, afrontará o encontro como unha final se quere chegar ás derradeiras xornadas da primeira fase con opcións de evitar a fase de permanencia. Unha sóa derrota nos últimos seis encontros amosa a melloría do conxunto pontés con Manuel Losada «Chollas» no banquiño do Poboado onde derrotaron a Fabril e Fisterra nos dous últimos encontros como local.
O último enfrontamento de Viveiro e As Pontes en Cantarrana tivo lugar o 13 de xaneiro de 2019, temporada no que os visitantes acadaron o ascenso a Terceira. O encontro rematou con triunfo do equipo adestrada daquela por Marcos Roca por 1-2. Marino adiantara ao Viveiro e dous xogadores da casa remontaron para o As Pontes: Bossa e Erni.
Falamos do encontro con Arturo, un dos capitáns do Viveiro.
QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?
ARTURO (VIVEIRO C.F.)
– A superioridade non se traduce en puntos. «Vimos de facer un partidazo diante do Racing Vilalbés en tódalas facetas do xogo. Baixo o meu punto de vista non mercemos perder, pero ao final o que contan son os goles. Saimos moi contentos coa imaxe amosada, pero non co resultado. Diante de Somozas e Arzúa tamén fomos superiores en canto a xogo, pero non soubemos transformar esa superioridade no resultado final. Debemos ser máis fiables nas dúas áreas e aproveitar as nosas oportunidades. É clave reducir o número de goles en contra».
– As Pontes. «Agardamos un encontro moi complicado, como todos os que nos quedan ata o final. É un moi bo rival que está nunha xeira de resultados positiva desde o troco de adestrador. Tentaremos levar o peso do partido e xerar ocasións de gol ante un equipo que concede moi pouco en defensa».
– A importancia de Cantarrana. «Na casa somos un equipo moi forte. Os puntos son todos importantes, pero en Cantarrana estamos a ser moi fiables e non nos poden escapar puntos do noso campo. Aínda que de aquí ao final temos que sacar os puntos da casa e os de fóra».