A-56: Víctor Eimil: “O Arenteiro é un equipo case profesional”

Fotos: CD Arenteiro

Nas últimas semanas, un novo goleador deuse a coñecer por Ourense. Aínda que na provincia de Lugo xa sabían do seu olfacto ante a portería rival. Víctor Eimil (18-01-1999, Vilalba) marcou en febreiro o seu primeiro gol en Terceira. E dende aquela, dous máis consecutivos. Goles que significaron puntos para o Arenteiro. O cadro do Carballiño xogará por estar o ano que vén na reestruturada Segunda B.

Eimil foi atrasando a súa posición co paso dos anos. Racing Villalbés e Deportivo, (na base) Laracha e Fabril foron os seus equipos. No pasado verán fichou polo ambicioso proxecto do Arenteiro. Chegou a Ourense para seguir medrando no fútbol. Como xogador e tamén como adestrador. O talento precoz protagoniza a terceira entrega da A-56.

Futbolin: Cales son as sensacións logo de confirmar esa presenza na fase polo ascenso?

Víctor Eimil: Máis ou menos as sensacións son iguais porque os puntos seguen contando. Esta finde xogamos outro partido importante. Recibimos ao Pontellas. Os puntos necesítanse para o final de liga. Si que é certo que afrontamos este tramo con ilusión, unha vez que xa estamos clasificados matematicamente.

Futbolin: E ti estás nun momento persoal moi bo. Con tres goles seguidos nas anteriores semanas…

VE: Tres goles seguidos é a hostia. Tiven mala sorte ao comezo da temporada por mor dunha lesión nos isquios. Impediume coller regularidade no primeiro tramo de competición. Pero traballei para recuperarme e dende o parón do Nadal xa estou xogando todo seguido. Estou contento por marcar, pero, sobre todo, porque os goles axudáronlle ao equipo a gañar.

Futbolin: O obxectivo é o ascenso?

VE: Si, cando viñen para aquí ese xa era o obxectivo. Estamos cerca del, iso non se discute. Dende hai trinta anos non se xoga unha fase de ascenso. Sería algo histórico para o club subir. Pero non pensamos máis aló de conseguir os tres puntos esta fin de semana.

“Este domingo imos ter unhas 450 persoas animando e volvemos ao Espiñedo”

Futbolin: O equipo formou un grupo con xogadores moi contrastados. Como é o ambiente no vestiario?

VE: É certo que hai varios xogadores xa con experiencia en Segunda B como Sylla ou Javi Pazos. Hai moi bo grupo tanto no plano futbolístico como no persoal. A convivencia é boa.

Futbolin: Un proxecto moi ambicioso…

VE: Pódese dicir que o Arenteiro este ano é un equipo semi ou case profesional. Adestramos todos os días pola mañá, agás os martes. Os sábados tamén nos preparamos en sesión matinal.

Futbolin: Hai capacidade no Carballiño para manter un equipo así?

VE: Si, sobre todo pola afección que temos. O malo esta tempada é que non puidemos vivilo pola covid. Este domingo por fin imos ter unhas 450 persoas animando e volvemos ao Espiñedo. Vaise notar moitísimo. Xa de sempre a afección do Carballiño mete a moita xente no estadio. Agora vai ser moi bonito que podan desfrutar dunha fase de ascenso.

“O sistema de Fran Justo benefíciame moito”

Futbolin: Estás cómodo na posición de carrileiro?

VE: Cando viñen para aquí sabía que Fran Justo habitualmente apostaba por xogar con carrileiros. Este sistema benefíciame moito. Non o dubidei e estase vendo nos números. Na posición de lateral chegaba para meter centros e dar algunha asistencia, pero non chegaba nese un para un. De carrileiro teño máis liberdade para subir e baixar.

Futbolin: Fuches retrasando a túa posición cos anos. De pequenos eras dianteiro goleador no Racing. Como lembras aquela etapa?

VE: Foi moi bonita. Algunha vez teño pensado que me gustaría volver a aqueles tempos.

“Paco Corredoira foi esa persoa que me aconsellou dende pequeniño”

Futbolin: Que importancia tivo nesa etapa Paco Corredoira?

VE: Foi esa persona que me aconsellou dende pequeniño. Como el foi futbolista, díxome que coas condicións que tiña podía chegar a onde el chegou. Non é doado chegar a eses niveis. Hai que coidarse e ter a cabeza fría. Saber que hai momentos malos e momentos bos.

Futbolin: Sacrificaches moitas cousas polo fútbol?

VE: Tentei coidarme. Non saír de festa, non probar o alchol, non fumar, non saír cos amigos ata as tantas;… Pódelo facer algunha vez, pero non por rutina.

“Pensei que tiña opcións de chegar ao Dépor cando viña de xogar máis de trinta partidos en Terceira”

Futbolin: En cadete de segundo ano fichas polo Dépor. Como se produciu esa fichaxe?

VE: Falarame o meu representante que había varias ofertas. Pero Coruña estaba cerca, eu son do Dépor desde pequeno e ofrecéronme unhas condicións axeitadas para ir. Evidentemente houbo máis dificultades das que tiña no Villalbés. Hai moitos xogadores e a competencia aumenta. Pero moi feliz de vivir esa etapa.

Futbolin: Agardabas a decisión do Dépor de non contar contigo?

VE: Por un lado, xa mo esperaba. Había máis xente que viña por detrás e eu non xogara moito o curso anterior. Por outra banda, feliz por buscar tamén outras opcións. Os anos que estiven alí tratáronme moi ben. Á xente da canteira trátana ben. Os medios para subir ao primeiro equipo témolos.

Futbolin: Nalgún momento viches opción de chegar ao primeiro equipo?

VE: Os últimos anos si que non vin moitas opcións. Cando máis o pensei foi cando xoguei co Laracha máis de trinta partidos en Terceira e estiven unhas semanas na dinámica de adestramentos do primeiro equipo.

Futbolin: Nas últimas semanas vimos como outro vilalbés puido chegar…

VE: Síntome moi orgulloso de Villares. É un crack. Un dez dentro do campo e tamén un dez fóra del.

“Agora como adestrador analizo partidos en lugar de velos”

Futbolin: Como está sendo esa experiencia de adestrador?

VE: Comezara no Laracha con nenos pequenos. É máis fácil de levalos porque a esas idades tentas meterlles o fútbol na cabeza e comezar a interiorizarlles como se ten que xogar. Agora no Arenteiro déronme a oportunidade de adestrar ao xuvenil de Liga Galega. Comezaremos nunhas semanas a competición.

Futbolin: Pouca diferenza de idade tes cos teus xogadores, como o manexas?

VE: Si que é máis difícil porque nunca estivera con estas idades. Ao principio nervioso, pero agora xa creo que imos polo bo camiño. O grupo estame axudando moito. Eu podo fallar e os xogadores tamén.

Futbolin: Cambiaches como xogador dende que eres adestrador?

VE: Si, bastante. Empecei a ver máis partidos. Case analizalos en lugar de velos. Fixarme nos sistemas tácticos, como xoga tal xogador, o que fai este futbolista cando recibe o balon, etc.

Futbolin: Cal é a meta que se marca Víctor Eimil?

VE: A curto prazo, o obxectivo é ascender co Arenteiro. Logo non me poño límites. O propósito segue sendo chegar ao máximo nivel. E despois si que teño no horizonte seguir medrando como adestrador.

EIMIL NA A-56…

Un campo de provincia de Lugo?

A Magdalena, porque é un moi bo campo e iso que nunca xoguei alí de local.

Un campo da provincia de Ourense?

O Couto. Os partidos que xoguei alí sentinme moi a gusto. Ademais un dos meus primeiros goles en Terceira foi neste campo hai menos dun mes.

Un lugar da provincia de Lugo?

Barreiros. Lémbrame ao verán.

Un lugar da provincia de Ourense?

O Carballiño. Coa situación de pandemia non coñezo moito a provincia, asi que quédome co lugar onde xogamos.

Un compañeiro de vestiario?

Iago López, o actual xogador da UD Logroñés. Coincidín con el no Dépor e gardo moi boa relación con el.

Un momento vivido no fútbol?

Debutar en Segunda B. O primeiro partido que xoguei co Fabril que foi contra o Navalcarnero, estiven no campo os noventa minutos e gañamos 2-0.

Imagen por defecto
Redacción Futbolinlugo
Artículos: 273

Deja un comentario