#Fútbol afeccionado #Terceira RFEF

O partido da xornada . . . Racing Vilalbés – Viveiro: un derbi decisivo no mellor momento

Os derbis provinciais en Terceira chegan no momento decisivo da competición. O primeiro deles disputarase este sábado ás 18 horas na Madalena e enfrontará ao Racing Vilalbés e ao Viveiro, cos dous conxuntos na procura dos seus obxectivos nesta recta final de campionato. Arbitrará o colexiado vigués Davila Fernández.

O Racing Vilalbés é sexto clasificado a tres puntos da quinta praza que ocupa o Rápido de Bouzas e que da lugar a xogar a promoción de ascenso. Con catro partidos por diante, os chairegos están obrigados a gañar se queren chegar ao final con opcións de pelexar polo ascenso a Segunda RFEF. A traxectoria convida ao optimismo. Con tan só unha derrota neste ano 2022 os de Simón Lamas chegan ao tramo decisivo de competición nun gran momento de forma con tan só un gol encaixado nas catro últimas xornadas.

Non lle vai á zaga a racha do Viveiro. Noveno clasificado e oito puntos por enriba dos postos de descenso directo e sete do descenso condicionado (salvaría a categoría se ascende algún dos equipos que xogue a promoción a Segunda RFEF). Os mariñáns suman dez xornadas sen perder, e malia que os últimos resultados foron de empate, servíronlles para afastarse dos postos de perigo. Coa chegada ao banquiño de Cantarrana de David Páez o cadro celeste mellorou significativamente a súa solidez defensiva e chegan ao tramo final nun posto de privilexio de cara ao obxectivo da permanencia. Un triunfo viveirense sería practicamente definitivo.

O último enfrontamento de Racing Vilalbés e Viveiro na Madelana tivo lugar o 7 de marzo de 2021 e rematou con triunfo local por un gol a cero. Pedrosa foi o autor do único tanto do encontro.



que opinan os protagonistas?

VÉREZ (RACING VILALBÉS)

  • Bo momento no tramo decisivo. «Chegamos ben a este final de temporada. Estamos competindo moi ben en tódolos encontros e creo que estamos afrontando con éxito os problemas que conlevan ser un cadro de xogadores curto. Daremos un último empuxón para entrar no quinto posto».
  • O rival. «Os partidos contra o Viveiro sempre son moi duros. Están acadando moi bos resultados e teñen moi claro o que queren facer durante os noventa minutos. Agardo un partido moi competido polas dúas partes e que se decidirá en pequenos detalles».
  • O quinto posto. «Necesitamos facer as cousas moi ben para rematar en postos de promoción de ascenso. As únicas opcións pasan por intentar gañar cada un dos catro encontros que nos quedan. Non hai outro segredo».

ASIER (VIVEIRO)

  • Confianza. «A día de hoxe a confianza é plena e chegamos con moitas gañas de completar o obxectivo da permanencia marcado a comezo de temporada. Está moi cerca, pero non nos podemos confiar ata que o academos matemáticamente».
  • O Racing. «É un equipo con moita experiencia e sabe ao que xoga, que é o máis importante. Agardamos un partido con transicións rápidas por parte dos dous equipos. Creo que no balón parado e nas segundas xogadas estará a clave do encontro. O que esté máis atinado levará os tres puntos».
  • A melloría defensiva. «Creo que foi unha das principais claves para que o equipo chegue nesta posición a final de temporada. Páez expúxonos desde o primeiro adestramento a súa idea de xogo e a medida que foron pasando os partidos fomos mellorando».

a axenda

PRIMEIRA NACIONAL FEMININA



  • Peluquería Mixta Friol – Olímpico de León (Sábado ás 16 horas na Reigosa): penúltimo encontro da temporada para as rapazas de Covi, que quererán despedir a liga cun triunfo que consolide o liderado diante da súa afección.

PRIMEIRA GALEGA FEMININA – FASE DE PERMANENCIA

  • Antas – Chispa (Domingo ás 17 horas no Castro Seoane): as da Ulloa buscarán un triunfo que as achegue de xeito case definitivo á permanencia diante dun rival ao que superan en dous puntos.

PREFERENTE – FASE DE PERMANENCIA

  • Foz – San Tirso (Domingo ás 18 horas no Martínez Otero): última bala para os de Gayol. Un triunfo devolvería a esperanza no cadro focense, diante dun San Tirso que ten a permanencia encarrilada.
  • Escairón – Xallas (Domingo ás 17 horas no Municipal): da mesma maneira que na Mariña, os de Jorge Rodríguez tamén afrontan unha finalísima diante do Xallas, equipo que o precede na táboa. Un triunfo do conxunto local situaríao con posibilidades de acadar a permanencia.
  • Santaballés – As Pontes (Domingo ás 18 horas na Liga): logo do triunfo da pasada xornada, os chairegos reciben aos veciños do As Pontes con tan só un punto menos na clasificación. Tres puntos vitais.

PRIMEIRA AUTONÓMICA – FASE DE ASCENSO

  • Castro – Portomarín (Domingo ás 17:30 horas no Arturo Pereiro): choque entre os dous líderes da primeira fase. O cadro local mantén a mesma condición nesta segunda fase, mentres que os visitantes non poden permitirse outra derrota se non queren afastarse case que definitivamente da primeira posición.

PRIMEIRA AUTONÓMICA – FASE DE PERMANENCIA

  • San Lázaro – San Roque (Domingo ás 16 horas no Rodríguez Lago 1): derbi lucense no que o cadro local afronta unha final anticipada logo do mal arranque desta fase, mentres que o San Roque tentará un triunfo que o achegue á zona alta.
  • Lourenzá – Alfoz (Domingo ás 17 horas en Santa Cruz): os de Roberto Ramallal buscarán darlle continuidade ao seu gran momento e acadar tres puntos definitivos para a permanencia. Os branquiverdes, logo de dous empates, precisan sumar de tres para fuxir dos últimos postos.

SEGUNDA AUTONÓMICA – FASE ASCENSO GRUPO 1A1



  • Meira – Cabreiros (Sábado ás 17 horas na Lomba): dous dos favoritos á pelexar polo ascenso fronte a fronte. Un encontro no que o que gañe achegarase ao liderado, e pola contra, o que caia derrotado perderá boa parte das súas opcións de xogar o vindeiro ano en Primeira.

SEGUNDA AUTONÓMICA – FASE ASCENSO GRUPO 2A1

  • Ferreira – Milagrosa (Sábado ás 17 horas no Baliño): logo da derrota diante do Becerreá, ao cadro local só lle vale unha vitoria se quere achegarse aos primeiros postos. Enfronte unha Milagrosa que non coñece a derrota nesta segunda fase.

SEGUNDA AUTONÓMICA – FASE PERMANENCIA GRUPO 1D1

  • Abadín – Mondoñedo (Sábado ás 17:30 horas no Municipal): os de Julio Castro buscarán devolverlle a moeda aos seus veciños nesta nova edición do ‘Derbi do Fiouco’. Derradeira opción para o Mondoñedo de engancharse á pelexa pola permanencia.

SEGUNDA AUTONÓMICA – FASE PERMANENCIA GRUPO 2D2

  • Bóveda – O Inicio (Sábado ás 17 horas no Hermanos Somoza): o cadro local tentará acadar os primeiros puntos da segunda fase e achegarse a un Inicio que se acada a vitoria deixará no derradeiro posto ao seu rival.

TERCEIRA AUTONÓMICA – FASE DE ASCENSO C1

  • Castro B – Rioaveso Machinango (Sábado ás 19 horas no Anexo ao Arturo Pereiro): choque entre os dous candidatos ao ascenso do grupo. O filial conta con un punto máis que o Rioaveso, polo que un triunfo local achegaría moito aos do Arturo Pereiro á Segunda Autonómica.

TERCEIRA AUTONÓMICA – FASE DE ASCENSO C4

  • Carballedo – Rubián (Sábado ás 17:50 horas no Catro Ventos): o cadro local pode deixar a tiro de pedra o ascenso se é quen de acadar os tres puntos. Pola contra, un triunfo visitante situaría ao Rubián no primeiro posto.

O partido da xornada . . . Racing Vilalbés – Viveiro: un derbi decisivo no mellor momento

O ascenso á 2ª xógase nun punto

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *