Foto de portada: Mariluz Fagín
Rematou a 1ª volta nos catro grupos da Terceira Rexional nos que está en xogo unha praza de ascenso en cada un deles. Quedan 3 partidos para o final e nada está decidido. Os duelos directos entre os dous equipos máis destacados de cadanseu grupo serán clave para decidir os ascensos. Castro B, Comercial, Lemos B e o Carballedo teñen de momento a tixola polo mango.
No grupo C1 da zona norte, o Castro B lidera cun punto de marxe sobre o Rioaveso Machinango. Esta finde xogan entre eles. Na primeira volta empataron sen goles. Na pasada finde o filial vermello superou con claridade ao Nuevo Nausti que queda distanciado en sete puntos da posición de privilexio.
Pola súa parte, o Rioaveso venceu en Paraños a un Cazás que non foi quen de puntuar nos tres partidos da 2ª fase. Destacou sobre o céspede Kauan Vinicius, unha das incorporacións do cadro preparado por Miguel Fernández xa coa tempada comezada. O dianteiro marcou tres goles. O peor para o Cazás foi a lesión de Isma Crende, que sofre unha escordadura de nocello a falta de máis probas.


No grupo C2 da zona norte, o duelo directo entre a Comercial e o Catro Roldas deixa todo aberto. Aínda así, o cadro capitalino mantén a distancia dun punto na clasificación. Empataron a un gol. O centrocampista Martín marcou o seu primeiro gol da tempada. O peor no conxunto adestrado por Andrés Rodríguez foi a grave lesión de Julito. O atacante mancouse só. Dende aquí agardamos que a recuperación sexa o máis doada posible.
O outro encontro entre o Celeiro e o filial do Friol rematou con vitoria local pola mínima. O cadro celeste dedicoulle o triunfo a Dani Díaz e Óscar Fraga que se operarán estes días das súas lesións de gravidade. Moito ánimo para eles. Ambos equipos poden ser xuíces da liga. Xogarán con Comercial e Catro Roldas nas próximas dúas xornadas.

No grupo C3 da zona sur, os filiais manteñen o pulso. O Lemos B lidera a clasificación cun punto de marxe sobre o Monterroso B. Os pupilos adestrados por Perry gañáronlle con claridade a un Relámpago que se presentou con novo futbolistas.

Pola súa parte, o conxunto monterrosino derrotou ao Castroverde que queda máis lonxe da zona de privilexio. Richard puxo o 3-2 no marcador para darlle emoción pero xa pesaban moito os tres goles conseguidos por Billy. para Os da Veiga do Olmo están a seis puntos da cabeza. Só unha vitoria ante o Lemos B esta finde os metería de cheo na pelexa.
No grupo C4 da zona sur, a loita ten a máis equipos implicados aínda que o Carballedo deu un paso de xigante ao gañarlle ao Sober. Agora sepáranos catro puntos na clasificación. Efrén foi un dos que liderou a vitoria a pesar de que os goles foron autoría de Monchito (x2), Toni e o ourensán David Rodríguez.
Polo medio dos dous equipos, a dous puntos do primeiro posto, cólase o Rubián. O cadro adestrado por Senén derrotou pola mínima a un Taboada B que competiu todos os encontros pero non foi quen de sumar ningún punto.