O partido da xornada . . . Polvorín – Racing Vilalbés: o segundo derbi en dez días

Aínda co día de Reis na retina cando se xogou o encontro adiado da primeira volta, mídense de novo Polvorín e Racing Vilalbés, desta vez na Cheda, o domingo ás 16:30 horas, e co arbitraxe do coruñés Rodrígo García Gómez.

Ogallá podamos ver a Cheda e o resto de campos da provincia ateigados de público nun breve periodo de tempo

O filial albivermello non puido disputar o encontro da pasada xornada por mor dun positivo por Covid-19 no seu rival, o Fisterra, polo que chega ao derbi do domingo sen poder esquecerse da goleada sufrida no feudo chairego. A derrota diante do Racing Vilalbés puxo fin a un xeira de seis xornadas sen perder dos pupilos de Álex Ortiz,  que foron quen de golear ao Fabril en Abegondo ou de gañar no sempre difícil campo do Arzúa. Se falamos da fortaleza do Racing na Madalena, o Polvorín tamén está a facer da Cheda un fortín, onde só perdeu un encontro nesta campaña, o disputado diante do Somozas.

As dúbidas que podían surxir ao comezo de temporada co rendimento do filial do C.D. Lugo, logo do cambio de adestrador coa saída dun home da casa como José Durán, ou a marcha de xogadores moi importantes a pasada campaña como Matías Vesprini, Chiqui ou Rayco entre outros de seguido quedaron disipadas co gran rendimento de moitos xoves xogadores que deron un paso cara adiante, como é o caso do goleador Cristian, Dani Vidal, Martín ou o ex fabrilista Iago Novo. Quinto clasificado, vinte puntos, con tan só dúas derrotas e un encontro por disputar son números que convidan ao optimismo para o Polvorín.

Catro puntos máis ten o Racing Vilalbés que é segundo na clasificación empatado con líder, o Bergantiños, aínda que este ten dous encontros menos disputados.  Os de Simón Lamas suman sete triunfos nesta temporada, tres consecutivos na Madalena, onde aínda non perderon no que vai de liga nin en todo o ano 2020. Ben é certo que a domicilio só sumaron un triunfo nos cinco desplazamentos, o acadado diante do Estudiantil en Vista Alegre. Unha vitoria dos chairegos no campo do Polvorín podería situalos no liderato provisional de Terceira.

Simón Lamas debutou como adestrador do Racing Vilalbés nun derbi na Cheda

O último encontro disputado por Polvorín e Racing Vilalbés na Cheda data do 25 de febreiro de 2020, tan só dúas xornadas antes do parón ligueiro por mor da pandemia, e rematou cun claro triunfo local por catro goles a cero. Os goleadores foron Rayco (Fabril) en dúas ocasións, Chiqui (Marino) e Álex Rey (Unionistas). Ningún deles poderá repetir nesta ocasión.

Falamos con dous xogadores importantes no xogo ofensivo de ámbolos equipos: Christian (Polvorín) e Pedrosa (Racing Vilalbés).

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

CHRISTIAN (POLVORÍN)

 – O derbi. “Afrontámolo con moitas ganas. Poremos todo da nosa parte para facelo da mellor maneira posible e acadar os tres puntos. Será clave ter unha boa comunicación entre todo o equipo e estar ao cento por cento os noventa minutos, sin virnos abaixo en ningún momento”.

– O rival. “Non destacaría nada en concreto. Preocúpanos todo, é un gran equipo, con xogadores moi experimentados e que chegan nun gran momento de forma”.

– Medrando con Álex Ortiz. “A verdade é que estou moi cómodo con él ao mando. É un profesional dos pés á cabeza. Fai que o grupo se manteña unido e gracias a él este ano collín a confianza que me faltaba. Ademáis o equipo está rendindo moi ben, non nos poñemos ningún teito. Só pensamos en traballar para gañar cada fin de semana”.

PEDROSA (RACING VILALBÉS)

 – O Polvorín. “Creo que será un partido diferente ao da primeira volta de fai tan só dez días. Eles non van cambiar a súa forma de xogar, pero creo que arriscarán menos. Ademáis ao non xogar a pasada xornada tiveron máis tempo para traballar en como solucionar os problemas ante a nosa presión. Pero nós tamén temos que cambiar cousas para tentar collelos por sorpresa en algúns aspectos. Considero que é un equipo moi perigoso, xa que os filiais, aínda que non teñen esa experiencia, teñen moita calidade técnica”.

 – Medrar no Racing. “Considerei que o Racing era unha boa opción porque quería ser importante en Terceira e así mo fixo ver Simón a primeira vez que me chamou. É un club con moi bo ambiente, é como unha familia entre xogadores, técnicos e directivos. Parece un tópico, pero é a gran verdade. Chegaba dun vestiario onde non me atopaba moi cómodo e aquí estou moi ben. Deportivamente, vivimos moito do colectivo e debemos facer as cousas moi ben se queremos rematar na zona alta.  Non somos favoritos para estar arriba para case ningún adestrador doutros equipos, polo que eso tamén nos motiva para demostrar que temos potencial”.

– A lesión. “Levo case dous anos con problemas nos isquios, o que me priva de ter continuidade e polo que aínda me queda para estar ao meu mellor nivel. Pouco a pouco estou collendo o ritmo, dando pasos firmes xa que o máis importante e non volver recaer. O máis importante é lograr o obxectivo colectivo, sumar para o equipo, se pode ser en forma de goles mellor, pero notar que dentro do grupo  eres importante e poder facer as cousas ben”.

Imagen por defecto
Marcos Fernández
Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte
Artículos: 409

Deja un comentario