Aceptación ou incomprensión, as reaccións ante o non inicio da Primeira Rexional

A Primeira Galicia non se xogará esta tempada. No mes de decembro a Federación abrira un prazo de inscrición co obxectivo, en principio, de iniciar a competición. Quen non o fixera quedaba exposto ás consecuencias. Unha delas era o descenso de categoría. Con estas circunstancias oitos equipos da provincia anotáronse. Días despois o ente federativo decidiu non ir adiante coa liga.

O principal argumentario foi a insuficente inscrición de clubs en toda a xeografía galega. A decisión foi aceptada de distintos xeitos polos oito conxuntos lucenses que tiñan a idea de xogar. O Burela, o Castro e o Pol asinaron un escrito, xunto con outros trece equipos galegos da Primeira Rexional. Solicitaban a adaptación da normativa competicional da categoría.

No documento comentaban que non se podían coartar os dereitos dos clubs que se inscribiran en tempo e forma. Apelaban a que a baixa porcentaxe de inscrición non fora en ningún momento un criterio establecido para a cancelación da competición.

Ademais, argumentaban que o risco sanitario non se podía usar de escusa cando si que existen outras competicións autonómicas que van comezar e con equipos que, incluso, adestran nas mesmas instalacións ou que os xogadores traballan ou estudan nas mesmas cidades ou vilas. Consideran isto unha discriminación que lles trae graves consecuencias. Un exemplo é que varios futbolistas pediron a carta de liberdade para xogar en categorías superiores.

Ademais dos tres lucenses, o escrito foi asinado polo Ordes, o Xuventude de Crendes, o Goián, o Lalín, o Torre, o Narón, o Alertanavia, o Zacande, o Santa Mariña, o Racing Castrelos, o Arcade, o Cidade de Ribeira e o Miño.

Conversamos cos oito equipos lucenses inscritos e que finalmente non van ter competición nesta tempada. Coñecemos de primeira man o seu pensamento. Imos de norte a sur, pero primeiro comezamos cos tres conxuntos que asinaron o documento comentado:

SD Burela:

Para o presidende do Burela, Jesús Manuel Ares a decisión non foi a correcta: “Para a forma de pensar da directiva do noso club non nos parece unha solución moi xusta. Estabamos adestrando arreo para a competición dende o momento en que se nos permitiu por parte da Futgal. Non vemos a diferenza para que se poida competir en Preferente, Liga Galega,etc. e en Primeira Rexional non. Os tests que se fan son os mesmos e os quilómetros percorridos para xogar son menores na nosa categoría”.

O presidente do conxunto burelao cre que esta decisión farase notar na vindeira tempada: “Os equipos de Primeira Rexional veranse mermados en xogadores que se instalaron en Preferente, donde si había competición. A maneira de proceder nesta ocasión foi inxusta”.

CD Castro:

A sensanción no Castro é de frustración. Tiñan aspectos avanzados para comezar a tempada. O coordinador Dumi destaca: “Fixemos as fichas, tiñamos os tests e estabamos adestrando. Sempre nos dicían que ía empezar, estabamos cumprindo con todo o protocolo e, dun día para outro, aparece esa decisión. Había menos do 50% dos equipos de Primeira inscritos. E botáronlle a culpa a porcentaxe. Cando ese criterio non estaba recollido en ningures”, salienta.

Dumi pon en riba da mesa a problemática que se lles vai causar aos clubs: “Pode que nos quedemos sen algún xogador, os acordos cos patrocinadores, nós estamos de corenta aniversario e fixeramos unha vestimenta nova…”.

Cre que había alternativa: “A Federación ten que apoiar as dúas partes. Os que queiran xogar e os que non. Non estou de acordo con que descendan aos equipos. Pero cos que queriamos xogar había que buscar a fórmula. Podíase facer un grupo de oito equipos. Igual ca hai agora un grupo de sete lucenses na Preferente”.

SD Pol:

Un dos proxectos máis ambiciosos este curso era o da SD Pol. O seu adestrador, Alberto López séntese decepcionado. “Respectamos a situacion, pero non a compartImos. Non chegamos a entender a diferenza de trato entre a Preferente e a Primeira. Todos son futbolistas persoas. Seguramente sexamos o club máis danado na categoría. Fixeramos un gran esforzo deportivo e económico”.

O adestrador sente que discriminan aos futbolistas. Argumenta que non ten sentido que os mesmos xogadores non podan practicar o fútbol en Primeira, pero si o podan facer en Preferente: “O máis grave é que nos diferencien pola categoría. Deberían ser todas iguais. Os xogadores que non xoguen en Primeira, van xogan en Preferente. É inconcruente. Se o nivel na división estaba baixando, agora vai quedar destrozado. Os que teñan algo de nivel van xogar de Preferente para arriba e vai ser moi difícil recuperalos”.

Alberto López considera que se as circunstancias previas fosen outras, igual si que se inscribían máis clubs: “Se se deran os medios que agora parece que se dan en Preferente igual había catorce ou quince equipos inscritos. Se planificas que o formato de competición vai ser con oito descensos no medio dunha pandemia os clubs non se arriscan. O plan non era atractivo. É lóxico que os clubs non queiran participar. Se deportivamente non vou sacar nada e conomicante vaime custar moito.”

O Xove xogaría a súa novena temporada seguida en Primeira. Foto: Antonio Vaztra

UD Xove Lago:

O adestrador do Xove Lago, Bruno Gómez comprende a situación: “Entendemos perfectamente a toma de decisión por parte da Federación. Xusto cando se tomou, a situación sanitaria complicouse moito en Xove e logo no veciño concello de Viveiro. Sería moi complicado para nós comezar a pretemporada tal e como están as cousas. Ademais entendemos que con oito equipos, o formato de liga ía ser moi pobre. Tiñamos varias viaxes ao sur da provincia e o tema do uso dos vestiarios aínda estaba no aire. A decisión está xustificada”, conclúe.

SDC San Lázaro:

Pola súa banda, o adestrador do recén ascendido San Lázaro, Diego Rey comprende a situación, pero cre que había algunha outra posibilidade: “Temos que aceptalo. A maioría dos equipos non quixo xogar. Entendemos iso. Pero por outro lado o que non se entende é que a Preferente vaia para adiante nunhas condicións similares. Sacando algunha excepción, os orzamentos son parecidos”.

Diego contemplaría unha liga de oito equipos: “Se foramos dez sería máis fácil. Con oito é máis complicado polo tema dos descensos. Pero considero que unha competición así curta sería boa para os futbolistas. Xogarían, os clubs non os perderían,… Serían catorce encontros; parecido a unha segunda volta case normal dende febreiro”.

CD Guntín:

O presidente Eduardo Fernández comenta que “acatamos a decisión. Aínda que entendemos que se a Federación abre un prazo de inscrición, non é para probar quen se inscribe e quen non. Aí coido que se equivocaron. O problema tamén é que no plan competicional ían descender máis equipos do que era normal. Fixéronnos gastar uns cartos para adaptar o protocolo que xa o tiñamos listo. E era unha aventura que ía costar un diñeiro. Pero aceptamos a decisión tomada. Agora toca coidar das instalacións e esperar ata que se poda iniciar”.

Adrián Vázquez iniciaba nova etapa como adestrador da SD Chantada

SD Chantada:

O coordinador deportivo do conxunto chantadino, Adrián Méndez ‘Traste’ considera que a decisión foi a correcta: “Dadas as circunstancias xerais, non se daban finalmente as condicións para que se competira. Entendemos a decisión. Nos queriamos xogar. Se houbera competición queremos crer que a iamos sacar adiante. Pero non se dá a opción. Nós aínda non empezaramos a adestrar”.

Chantada Atlético:

O directivo do Chantada Atlético Gufi tamén concorda cos acontecementos: “Tal e como se están poñendo as cousas era iniviable que comezara. Anotámonos para ver se finalmente había máis equipos e que puidese haber competición. Unha vez que se dixo que non había Primeira, algúns dos nosos xogadores marcharon para equipos de Preferente. Agora quedámonos con medio cadro de xogadores. Entre os que marcharon e os que xa comentaran que non xogarían pola covid.

Ante a posibilidade de xogar con oito equipos, Gufy teno claro: “Non vemos moita opción de facer unha liga con tan só oitos equipos. A decisión foi esa e respectámola”.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario