Dous equipos lucenses xogarán a “fase” polo ascenso a Terceira

A Real Federación Galega de Fútbol fixo oficial o inicio e o formato de competición da Preferente Norte. En principio, a liga comezará en dúas semanas (a finde do 31 de xaneiro). A categoría queda dividida en tres subgrupos. Tal e como estaba previsto, os conxuntos lucenses competirán entre si na 1ª fase. Desputarán doce encontros. Os dous primeiros clasificaranse para a fase polo ascenso. Os cinco equipos restantes xogarán pola permanencia. Haberá dous ascensos a Terceira. E un descenso directo á Primeira Rexional máis posibles arrastres.

Nuns días de datos récord no tocante a incidencia da covid en Galicia, a Futgal comunicou a data de comezo da Preferente. Será tan só unha semana despois do previsto no mes de decembro. Dos tres subgrupos que hai, o da provincia de Lugo é o que aglutina menos equipos. Fórmano sete conxuntos: CD Foz, Ribadeo CF, CD Santaballés, Residencia, Sarriana, Atlético Escairón e Club Lemos.

Os outros dous restantes están constituídos por oito clubs:

Da comarca de Ferrolterra, A Coruña e incluso zona de Bergantiños: Galicia Mugardos, Montañeros, Victoria CF, Betanzos, San Tirso, Laracha, Arteixo e Sofán.

Da contorna de Santiago, Noia e Barbanza: Boimorto, O Pino, Sigüeiro, Dubra, Xallas, Noia, Boiro e Puebla.

Que implica ser menos equipos no subrgrupo lucense?

Só dous equipos de Lugo pasan a fase polo ascenso. Acceden xunto con outros seis conxuntos máis. Son oito en total que se dividen en dous grupos. Atendendo a criterios de mellor clasificado e mellor puntuación. En cada grupo quedan catro equipos. Estarán clasificados por esa orde de puntuación da 1ª fase e recibirán catro, tres, dous e un punto respectivamente para iniciar esa nova fase. Xogarán seis partidos (unha liga a dobre volta) e ascende o primeiro clasificado de cada grupo.

Permanencia:

Os cinco equipos de Lugo pasan a loitar por evitar o descenso xunto a outros dez máis. Son 15 conxuntos en total que se dividen en tres grupos. Tamén atendendo a criterios de mellor clasificado e mellor puntuación. En cada grupo quedan cinco equipos. Estarán clasificados por esa orde de puntuación da 1ª fase e recibirán seis, catro, tres, dous e un punto respectivamente para iniciar esa nova fase. Xogarán oito partidos (unha liga a dobre volta). Dos tres últimos clasificados de cada grupo descenderá o que teña peor baremo de deportividade (fair play).

A partir de aí, o máis seguro é que baixen máis equipos por culpa dos arrastres de Terceira. Hai que lembrar que van descender oito conxuntos dende a Terceira Galega. Falta por ver en que grupo da Preferente se encadrarían os clubs que baixen e en que medida lle afectaría aos lucenses. Dende logo que a puntuación vai ser clave dende un primeiro momento.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario