A Primeira Autonómica afronta a súa penúltima xornada na fase de ascenso. Faino cun enfrontamento entre os dous máximos aspirantes a acadar o único posto que dá acceso a xogar a vindeira temporada en Preferente. Pol e Portomarín enfrontaranse o domingo ás 18 horas no Municipal, coa arbitraxe de Saúl López Parga.
O Pol ocupa a primeira praza do grupo, único posto que dá lugar ao ascenso de categoría. O cadro chairego, favorito en tódalas quinielas, chega a este encontro decisivo no seu mellor momento da temporada. O equipo dirixido agora por Germán Campos rematou a primeira fase por detrás do Castro, pero cinco triunfos consecutivos nos últimos encontros colocou ao Pol nunha situación de privilexio. Se logra o triunfo diante do Portomarín será equipo de Preferente.
O cadro visitante chega ao Municipal coa obriga de acadar os tres puntos para poder depender de si mesmo na derradeira xornada. O Portomarín, que liderou a primeira fase de competición, non afroxou na segunda na que só caeu derrotado no Chao da Poza precisamente diante do Pol, nun encontro condicionado polas múltiples baixas. Un triunfo outorgaría ao Portomarín a posibilidade de disputar o ascenso na casa diante do Castro. Os pupilos preparados por Peón, dependendo dos resultados, tamén poderían ter opcións de ascenso. Agora mesmo están a cinco da cabeza.
que opinan os protagonistas?
PORTO (POL)



- No mellor momento. «A verdade é que nos atopamos nun gran momento de forma. Agora está saíndo á perfección o que antes parecía que non, polo que afrontamos un dos partidos máis importantes da temporada coa máxima ilusión».
- O encontro. «Agardo un partido moi duro e físico. Eles teñen un cadro de xogadores con moita calidade, a nivel técnico, e temén con moita experiencia. Iso pode ser un factor decisivo en momentos clave. Nós tentaremos facer o noso fútbol e levar os tres puntos».
- Habitual no once. «Atopeime moi ben durante toda a temporada, pero sobre todo destaco o gran nivel colectivo do equipo, que é de superior categoría. Só falta acadar o ascenso para que sexa un ano redondo, tanto a nivel individual como de equipo».
JAVICHO (PORTOMARÍN)

- A por todas. «Chegar aos dous últimos partidos do ano con opcións de ascenso é algo que pouca xente podía presaxiar ao comezo da temporada. Polo tanto, afrontamos este encontro decisivo coa máxima ilusión e sen presión. Ao equipo pouco máis se lle pode pedir».
- A clave. «Nesta fase estamos medrando partido a partido, e se queremos gañar temos claro que temos que facer o noso mellor partido ata o de agora. Eles demostraron ter o mellor bloque e as mellores individualidades da categoría, con xogadores que estiveron toda a vida en Terceira división. Temos que contrarrestar todo iso competindo coa intensidade que vimos amosando».
- No equipo do pobo. «É algo único e especial. Xogarnos un ascenso a Preferente con xogadores do pobo e da contorna ten que ser unha das máximas aspiracións deste club».
Foto de portada: Facebook Riotorto CF
a axenda
PREFERENTE – FASE DE PERMANENCIA D1

- Ribadeo – Residencia (Domingo ás 18 horas no Pepe Barrera): o conxunto mariñán deixará a permanencia selada se logra os tres puntos diante da Residencia. Os de Dani Galán, nunha situación moito máis delicada, precisan unha vitoria que os saque do descenso directo.
PREFERENTE – FASE DE PERMANENCIA D3
- Escairón – Santaballés (Domingo ás 17 horas no Municipal): os de Jorge Rodríguez poden ser equipo de Primeira Autonómica de xeito matemático ao rematar este encontro. Para evitalo teñen que derrotar a un Santaballés que mantén opcións de permanencia, e que o Xallas perda co Boiro.
PRIMEIRA AUTONÓMICA – FASE DE PERMANENCIA D1
- Folgueiro – San Roque (Domingo ás 16:15 horas en Boa Vista): encontro crucial na pelexa por manter a categoría. O conxunto local, na quinta praza, con tres puntos que o seu rival, buscará un triunfo que os iguale na táboa. Unha vitoria do cadro capitalino achegaríao moito á salvación.
PRIMEIRA AUTONÓMICA – FASE DE PERMANENCIA D2
- Friol – Xove Lago (Domingo ás 18:30 horas na Reigosa): o triunfo diante do Alfoz fixo que o Friol alimentase a súas esperanzas de seguir un ano máis en Primeira. Para iso debe darlle continuidade ao seu bo momento diante dun Xove Lago que buscará tres puntos que certifiquen a súa continuidade na categoría.
SEGUNDA AUTONÓMICA – FASE DE ASCENSO 1A1 (ÚLTIMA XORNADA)
- San Ciprián – Muimenta (Domingo ás 17 horas na Veiga): o conxunto local acadará o ascenso se logra derrotar ao Muimenta. Os de Jaime dependen de si mesmos para lograr o obxectivo marcado ao comezo da temporada. Tamén subirán sempre que o Candelaria non gañe o seu encontro diante do Meira.
- Candelaria – Meira (Domingo ás 17 hroas na Granda): o que está seguro é que o ascenso quedará no concello de Cervo. Se o San Ciprián non gaña o Candelaria subirá sempre que derrote ao Meira. Os de Jaime Matouse foron o conxunto revelación desta temporada e poden culminar o seu bo facer co gran premio do ascenso.
SEGUNDA AUTONÓMICA – FASE DE ASCENSO 2A1

- Ferreira – Becerreá (Domingo ás 17 horas no Baliño): o conxunto local, xa sen opcións de ascenso, será xuiz neste igualado final. Os de Antón Méndez xóganse en Pantón seguir no liderado do grupo e depender de si mesmos na última xornada.
- Río Sil – Antas (Domingo ás 17 horas na Carqueixa): o conxunto da Ulloa, cos mesmos puntos que o Becerreá buscará un triunfo diante do Río Sil para chegar con opcións á derradeira xornada, e incluso poder depender de si mesmo.
COPA DEPUTACIÓN – SEGUNDA E TERCEIRA AUTONÓMICA
- Cazás – Celeiro (Sábado ás 18 horas no Catro Ventos): o cadro chairego tentará avanzar nunha competición á que os mariñáns chegan nun gran momento de forma, malia non acadar o ascenso a Segunda.