#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal #Terceira Futgal

A Comercial regresa a Segunda Rexional de novo en Román

A Comercial completou a pasada fin de semana o cuarteto de ascensos á Segunda Rexional procedentes da Terceira. O cadro da capital súmase ao Castro B, o Lemos B e o Carballedo como novos equipos que soben un chanzo na estrtura de divisións actuais do fútbol afeccionado. Agora a liga remata e os equipos xa pensan na Copa. Comentámolo nunha entrega do #TresEnRaia.

A praza de ascenso do grupo C2 era a única que quedaba pendente de resolver na última xornada. Tres equipos tiñan opcións, aínda que a Comercial e o Catro Roldas partían con vantaxe. Ambos dependían de si, porque se enfrontaban no mesmo partido. Os visitantes conseguiron adiantarse por medio de Peri e os locais igualaron antes do descanso con gol de Samu Orosa.

O porteiro Joshua anima ao capitán Diego logo do partido. A deportividade reinou sobre o céspede da Canteira

Ao pouco de comezar o segundo tempo, o Catro Roldas puido remontar o partido. Joshua detivo o penalti lanzado polo capitán Diego. Esta situación minou aos amarelos que non se volveron atopar cómodos no partido. Peri conseguiu o segundo tanto mediado o segundo tempo e o marcador xa non volvería mudar. A Comercial repetiu ascenso no mesmo escenario ca o fixera no ano 2018.

No outro encontro do grupo, o Celeiro tiña que gañar con claridade o seu partido e logo agardar noticias de Román. Non obstante, o Friol B demostrou tamén a súa capacidade para competir e conseguiu os primeiros tres puntos deste segundo tramo de competición. Martín Rodríguez, expresaba o seu «sentimento de orgullo» pola fase ascenso que fixo o seu equipo por pelexar ata o final logo de pasar á 2ª fase con cero puntos, a diferenza dos seus rivais.



Pola súa banda, no grupo C1 o campión Castro B rematou a liga con triunfo pola mínima sobre o Nuevo Nausti. O Rioaveso finalizou en 2ª posición e venceu ao Cazás na última xornada. O conxunto xermadino tentará resarcirse da mala 2ª fase en canto a resultados este sábado na Copa. Adianta o seu partido diante do Celeiro. É a única eliminatoria que se xoga esta finde do trofeo copeiro. Pero é probable que algúns clubs adianten tamén as súas eliminatorias a finde que vén para evitar xogar o martes festivo Día das Letras Galegas.

No grupo C3, os dous filiais remataron con goleadas os seus compromisos. O ascendido Lemos B superou ao Relámpago Taboada; mentres que o Monterroso B derrotou a domicilio ao Castroverde. Aínda así o gardamallas Joel detivo un penalti e provocou que errasen outro.

No grupo C4, o líder Carballedo perdeu o seu primeiro partido neste tramo de competición na casa dun Sober que finalizou a liga en segunda posición. Pola súa banda, o Rubián impúxose na casa dun Taboada B que lle faltou moi pouco para conseguir sumar máis puntos. A maioría dos seus resultados en contra sempre foron por diferenzas de goles moi curtas.



A Comercial regresa a Segunda Rexional de novo en Román

O partido da xornada . . .

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *