Xa hai Máxicos que xa teñen os obxectivos cumpridos. Outros, continúan na pelexa por acadalos nesta fin de temporada.
GRUPO ASCENSO
Pol 1-2 Portomarín: deu a campanada o Portomarín en Pol. Adiantáronse os visitantes cun penalti no primeiro tempo, aínda que o Pol puido empatar na recta final, contando con grandes ocasións. Logo dos altercados nas bancadas entre o alcalde de Pol e un seguidor miñoto, comezou a segunda metade. Empataron os locais, volcados ao ataque, pero a sorpresa chegou nunha transición ben levada polo Portomarín, que rematou en gol, 1-2. Así, un partido perfecto dos miñotos e moi entretido para o espectador deixa ao Portomarín como o único equipo que depende de si mesmo na última xornada polo ascenso a Preferente.
Castro 3-1 Taboada: adiantouse moi cedo o Taboada cun gol de Manu pero, antes do descanso, Marco -un dos xogadores máis sobranceiros do Castro nesta temporada, remontou o choque para os seus. No segundo tempo os locais propuxeron un bo fútbol e conseguiron sentenciar no 55′, pese a que os arreóns visitantes puideron dar algún susto a Josema.



Riotorto 2-3 Chantada Atlético: partido moi entretido na Veiga que rematou con victoria dos visitantes. O primeiro periodo caracterizouse polo dominio alterno de ambos equipos, adiantándose o Chantada e empatando o Riotorto antes do descanso. No segundo tempo o Riotorto levou o peso do xogo, pero os chantadinos souberon aproveitar os contragolpes para sacar os tres puntos da súa visita á Veiga.
Burela 0-2 SD Chantada: dominou o Chantada na Marosa. No primeiro tempo os visitantes mandaron co balón nos pés, mentres que na segunda o Burela gañou protagonismo. Antes do 0-1, os locais tiveron varias ocasións para anotar e, tras o gol, o Burela gozou dun man a man para empatar na primeira metade. Tras o descanso, un gol mariñán en propia porta puxo terra de por medio e o electrónico xa non se moveu.
GRUPO DESCENSO 1

Folgueiro 2-1 San Roque: gran victoria do Folgueiro nun choque no que mandou o fútbol directo, aínda que non faltaron as ocasións. Adiantáronse os verdibrancos cun penalti, e puideron ampliar as diferenzas nunha acción na que o porteiro local evitou o gol. Mellorou a partires de aí o Folgueiro, que empatou antes do descanso. Tras o tempo de lecer o partido rompeuse e o gol puido caer de calquer lado, pero os gardamallas mantiveron aos seus equipos con vida. Na recta final, Schuster empurrou ao fondo das mallas un centro de Oki para darlle os tres puntos aos locais.

Monterroso 4-2 Pastoricense: un gol de Lorenzo no comezo puxo o partido de cara para os locais, que están a facer do Anexo de Cerdeiriños un fortín. Raúl ampliou as diferenzas xusto ao saír dos vestiarios e, un minuto despois do 2-1, cando o Pastoricense mellor se atopaba no campo, Quintá fixo o 3-1 para sentenciar a contenda. O xuvenil Raúl poñería o 4-1, mentres que Cristian transformaría un penalti para facer o 4-2.
Sporting Pontenova 1-1 San Lázaro: o San Lázaro dominou no primeiro tempo, cando tan só o gardamallas local foi quen de evitar que os celestes chegassem con máis vantaxe ao descanso, pois evitou varias ocasións claras. Non puido evitar o gol de Samu, que puxo o 0-1. No segundo tempo, o Sporting trocou o sistema e o seu xogo mellorou, gozando de varias ocasións para empatar, aínda que os visitantes puideron sentenciar por medio de contragolpes. Finalmente, Pasarín fixo o definitivo 1-1 no 95′ cun lanzamento de falta directa.
GRUPO DESCENSO 2
Lourenzá 1-0 Outeiro de Rei: o Lourenzá aproveitou a efectividade do primeiro tempo para vencer ao Outeiro de Rei. Os locais conseguiron anotar un tanto ao filo do descanso tras ver como o Outeiro erraba un man a man e perdía por lesión a Pedrinho, ao que mandamos moitos ánimos desde aquí. Na segunda parte, os chairegos adiantaron as liñas pero non materializaron as súas ocasións, mentres que os mariñáns puideron sentenciar ao contragolpe. Na recta final, Redondo estrelou no pau unha falta directa que puido ser o 1-1, pero o electrónico non se moveu.


Guntín 3-1 Alfoz: dominio mariñán na primeira metade, froito do cal puxeron o 0-1 no marcador. Unha boa xogada do Guntín permitiulles aos de Ladairo chegar co 1-1 ao descanso e, ao pouco da reanudación, os locais fixeron o 2-1 tras un rexeite nun córner. Con este resultado chegou a mellor versión do Guntín, aínda que na recta final o Alfoz volcouse e tratou de acadar a igualada. Porén, foron os laranxas os que sentenciaron cun contragolpe, 3-1.
Friol 0-0 Xove Lago: o Friol complicou ao Xove por medio de fútbol directo, pero os mariñáns resistiron as estocadas locais no primeiro tempo. Na segunda metade os visitantes viviron os seus mellores minutos e puideron facer algún gol, pero Viusky salvou aos seus. Na recta final, o Friol volveu apretar, pero non conseguiu anotar. Ao final dos 90′, xusto reparto de puntos na Reigosa
