O fútbol lucense podería volver á competición pola Candeloria

“A partir da candeloria, ningunha ave voa soa” di o refraneiro. O dito lembra que co inicio de febreiro “casan” os paxaros na cultura popular. Candeloria parte do substantivo latino candela. Significa luz alimentada con cera ou sebo. Celébrase o dous de febreiro. Coincide exactamente coa metade do inverno.

Que ninguén voe só e que vaian todos da man tamén é a intención da Real Federación Galega de Fútbol. A entidade federativa busca a súa luz prendida particular coa posibilidade de que o fútbol rexional volva a finais do mes de xaneiro ou a comezos de febreiro.

Por certo, de candeloria sabe bastante o fútbol lucense. De feito, un dos equipos da provincia leva o seu nome. A SD Candelaria no Concello de Cervo. Equipo da Segunda Rexional. Da súa decisión dependerá se o segue sendo. Ao igual ca o resto de clubs da provincia. Se aceptan as condicións desta particular tempada saíran a xogar. Senón descenderán de categoría.

Esta semana a Xunta de Galicia anunciou a aprobación dos protocolos da Futgal. Este feito permite activar o regreso das competicións autonómicas. Logo de varias datas propostas, a Federación prepara o regreso do fútbol afeccionado en tres niveis temporais. Sempre supeditado a situación sanitaria.

  • Os primeiros en comezar:

A Preferente, a Primeira Galicia, a Primeira Galega Fem, a Liga Galega Xuvenil, a División de Honra Cadete, a Liga Galega Cadete e a Liga Galega Infantil son as primeiras divisións de ámbito autonómico que comezarían a xogar. As categorías sénior e @s xogador@s da Liga Galega Xuvenil deberán realizar unha proba covid para iniciar os adestramentos. E a partir de aí cada catorce días. O resto de divisións de fútbol base mencionadas deberán adestrar e xogar con máscara.

  • O segundo nivel de inicio:

A Segunda e a Terceira Galicia, a Segunda Galega Fem e as ligas provinciais e locais de xuvenís, cadetes e infantís comezarían despois. As tres categorías sénior mencionadas tamén deberán realizar unha proba covid para iniciar os adestramentos. A partir de aí, deberán facelo cada catorce días. O resto de categorías do fútbol base deberán adestrar e xogar con máscara.

  • Nivel 3:

Nesta fase prevese o inicio das competicións do fútbol 8. Manéxanse, de primeiras, as datas de finais de febreiro. Xogaríase con máscara.

Para analizar algunhas das particularidades que deixa esta situación, contactamos co vicepresidente da Futgal, Carlos Méndez ‘Negrín’.

O comezo:

“Estabamos agardando a que a Xunta nos pasase o protocolo. No momento no que o valora e o certifica, a nosa obriga como Federación é a de organizar a competición. Sempre dixemos que dende a data da publicación do protocolo teriamos un tempo prudencial para dar inicio ás ligas”.

Cal é a situación sanitaria que o permitirá?

“Iso é complicado. A día de hoxe os conxuntos de categoría Nacional están xogando. Entendo que coa situación que temos actualmente si se podería xogar. Pero iso non o vai marcar a Federación. É un tema que confirmarán as autoridades sanitarias. Creo que somos a útlima Federación en comenzar as competicións propias”.

Criterios usados: 

“Fixemos unha enquisa en cada delegación para coñecer as posturas dos clubs. A Xunta certifica o protocolo. No fútbol afeccionado farase un test cada quince días. Cada entidade ten que facer a petición dos tests. A Federación vainos poñer ao seu dispor. Os gastos dos mesmos corresponderán un a Federación e outro aos clubs. Aínda que estamos pendentes dunha posible liña de subvención covid por parte da Xunta para os equipos. No fútbol base era demandado que se adestrara con contacto. O uso da máscara é o que está completado para a práctica deportiva por parte da Secretaría Xeral para o Deporte”. 

Os equipos lucenses da Preferente xogarían xuntos no mesmo grupo. O Santaballés conseguiu o ascenso

Formato de competición: 

O plan competicional presentouse. Está feito. Pedimos a inscrición dos equipos principalmente para xestionar a loxística dos tests. Evidentemente os plans están condicionados a situación de cada momento. A xeral e a de cada club en concreto. En función de como veñan dadas haberá que ir por un lado ou polo outro”.

Que pasa se un equipo decide non xogar?

“A situación é excepcional. Vanse contemplar dous escenarios. O calendario non está pechado. Se agora mesmo un club nos comunica que non vai xogar,  implicaría un descenso de categoría. Non habería sanción económica e para a próxima temporada podería xogar en condicións normais. No caso de que un equipo se dea de baixa unha vez que o calendario estea pechado, contemplaríanse outras consecuencias”.

Mutualidade: 

“Xa é coñecido que este ano hai unha minorización da cota. Esta campaña está adaptada tendo en conta as circunstancias do curso anterior. Os clubs pagaron a totalidade da mutualidade, pero a competición detívose en marzo. Ademais trasladamos a Mutualidade a Madrid a conveniencia dunha nova rebaixa que se sumaría á anterior do 15%. O que pase nesta temporada, repercutirase nas cotas da campaña seguinte”.

A Copa Deputación: 

O torneo do 2020 está cancelado. Os equipos cobran ata onde se xogou. O problema son os partidos suspendidos. Por temas burocráticos non hai forma de que os equipos reciban ese diñeiro. Teño pendente unha reunión coa Copa Deputación para comprobar se hai algunha posibilidade de que os cartos non utilizados podan convertirse nunha liña de axudas na que os clubs se vexan beneficiados. Pero descoñezo esta cuestión. A edición do 2021 estudarase e estará pendente tamén da evolución sanitaria”.

Reflexión final: 

“A experiencia que teño ata agora é a que temos en categorías nacionais. No campo de fútbol a posibilidade de contaxio é minima; segundo din as autoridades sanitarias. Penso que as medidas comentadas cumpren cos protocolos santiarios. Nas reunións que tivemos había unha demanda moi importante por partes dos clubs de competir. Teremos que ir vendo. Porque cada concello tamén pode ter as súas restricións e iso afectar, por exemplo, as instalacións. Ao mellor temos que mirar tamén caso por caso. Penso que todo o que sexa poñerse a funcionar son boas noticias a nivel social e deportivo. Sempre recoñecendo que a situación é moi complicada e cada equipo ten as súas particularidades. Pedimos responsabilidade. O fútbol é seguro se se cumpren os protocolos”.

As dúbidas seguen imperando no posible regreso do fútbol afeccionado. As condicións de moitas instalacións, os concellos con cadanseu protocolo, os recursos que cada club necesita ou a situación particular de cada futbolista son incógnitas que aínda están por despexar. No outono varios clubs opuxéronse ao inicio en novembro das competicións. Nos vindeiros días daremos conta das reaccións dos clubs da provincia.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 467

4 comentarios

  1. O que non se entende é porque non se pode acabar a Copa Diputación 2020, si tan só quedaban 4 partidos e poderíanse acabar no ano 2021 , as fechas darían igual e asi cada equipo poderia obtar o premio que tanto traballou durante o ano 2020 para chegar ata ahí, pero é máis facil cancelar e gardar os cartos.

    • Ola Diego! Din que o motivo é por temas burocráticos… Que a partida de cartos para destinada a Copa 2020 non se pode trasladar a seguinte… Un saúdo e grazas polo teu comentario.

  2. O que non se entende é porque non se pode acabar a Copa Diputación 2020, si tan só quedaban 4 partidos e poderíanse acabar no ano 2021 , as fechas darían igual e asi cada equipo poderia obtar o premio que tanto traballou durante o ano 2020 para chegar ata ahí, pero é máis facil cancelar e gardar os cartos.

    • Ola Diego! Din que o motivo é por temas burocráticos… Que a partida de cartos para destinada a Copa 2020 non se pode trasladar a seguinte… Un saúdo e grazas polo teu comentario.

Deja un comentario