#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

O Friol, o máis adiantado cara a final polo ascenso

Comezou a fase de ascenso á Segunda Rexional. O Friol é o equipo que ten máis cerca o seu pase á final. Catro goles de vantaxe outórganlle o cartel da favorito para a volta na casa ante o Paradela

Os outros tres cruces están moi igualados. Ao non contar o valor dobre dos goles fóra da casa, valen o mesmo resultados como o Guitiriz 0-0 Iberia ou o Milagrosa 3-3 Becerreá. Pola súa banda, o Cospeito viaxa a Boavista cunha lixeira vantaxe sobre o Folgueiro. Contámolo en #ONoso11AChaira

O gol de Fran Lage dá vantaxe 

O Cospeito comezará xogando o partido de volta en Boavista coa vantaxe dun gol. Os locais entraron ben no partido nunha finde de celebración na capitalidade municipal da Feira do Monte. 

Tiveron algunha ocasión na primeira media hora ante un Folgueiro ben plantado no terreo de xogo. O encontro proseguiu bastante parello. 



O gol chegou no segundo tempo por medio dunha boa xogada colectiva. Enviouna a gol no segundo pau Fran Lage

Para Luis Romay, adestrador do Cospeito o máis importante «é a fortaleza do grupo. Digo sen temor a equivocarme que temos un grupo inmellorable. Destaco a ilusión e o estado físico co que o equipo chega a estas alturas«. 

No Folgueiro, o seu preparador Manuel Vicente tamén aposta polo valor do colectivo: «A principal fortaleza que temos é a de ser un grupo forte, remando todos cara o mesmo sitio. Nestes momentos non dispoñemos de individualidades claras, pero insisto en que temos a fortaleza do grupo«. 



O técnico apela ao factor campo para tratar de darlle a volta a eliminatoria: «Temos que facer valer o factor campo para remontar. É un cruce moi complicado debido a que o rival é un moi bo equipo«. 

O Iberia queda sen Marcos e Dani Prieto para a volta 

O Guitiriz comezou mellor o seu encontro co Iberia no Suso Cruz, o segundo dos catro duelos que vivirán ambos equipos en poucos días. Non tivo grandes ocasións pero si xerou perigo. 

A tónica da igualdade mandou maiormente no encontro, aínda que no segundo tramo da primeira metade estivo ben o cadro visitante cun incisivo Jorge pola banda esquerda. 

O equilibrio mantívose no segundo acto. Porén, no último tramo os locais puideron marcar. Primeiro nunha dobre oportunidade con Erick e Labrada como protagonistas. Logo, por medio de Javi Tanketín a quen se lle foi alto o seu lanzamento no man a man con Javi Prieto. 

Os locais pediron un penalti ao final e os visitantes acabaron descontentos co liña. O adestrador José Manuel foi expulsado. O capitán Marcos recibiu un cartón amarelo que lle vai impedir xogar a volta por ter que cumprir ciclo. Ao final foi sancionado con  dobre cartón amarelo Dani Prieto



Na acta do encontro tamén se recolle a expulsión de Bachir. Trátase dun erro que non lle impedirá ao mediocentro xogar o domingo. 

O adestrador do Iberia, José Manuel confía «na ilusión da xente nova fronte a experiencia que pesa do lado do Guitiriz. Temos que contar coa nosa afección que sempre nos empurrou. Sabemos que imos contar con baixas, pero temos que ser capaces de certificar a boa dinámica e as boas sensacións de toda a temporada, especialmente as da segunda volta«.

Pola sñua banda, o míster do Guitiriz Marcos Pereiro cre que son «un equipo moi difícil de batir. Polo momento, nos tres encontros xogados este curso co Iberia só nos fixeron gol de penalti. Recuperamos algún xogador para a volta e temos xente na zona de ataque coa capacidade de desequilibrar a eliminatoria ao noso favor«. 

Partidos de volta semifinais polo ascenso á Primeira Rexional:

  • Zona norte

Folgueiro – Cospeito (Dom. ás 17:00h; ida: 0-1)

Iberia – Guitiriz (Dom. ás 17:00h; ida 0-0)

  • Zona sur

Friol – Paradela (Dom. ás 18:00h; ida: 4-0)

Becerreá – Milagrosa (Dom. ás 18:00h; ida 3-3)

Polo momento, aínda non tiveron gran protagonismo os porteiros no que vai de fase de ascenso. Javi entra no once porque tivo unha actuación correcta ante o Guitiriz pero principalmente por toda a súa traxectoria na liga.

O Friol vai decidido a pola final

Na zona sur, o Friol quere resarcirse de non poder competir ata a última xornada polo primeiro posto. Saíu con todo no Gandarón de Paradela e Lucky marcou o primeiro gol ao pouco de empezar o choque.

Máis tarde, Santi volveu poñer ao servizo do equipo a súa calidade.  Marcou un gran gol para chegar ao descanso co 0-2 no marcador. 

Ao pouco de volver dos vestiarios chegou o terceiro. Os locais tiveron algunha ocasión pero non lograron meterse no encontro. Nunha contra, Lucky marcou o cuarto para os seus. 

A pesar da diferenza coa que o Friol afronta os outros 90 minutos da eliminatoria, o adestrador Javi Pájaro afirma que «afrontámola como se foramos 0-0 e con toda a ilusión«.

Rubén Bergantiños, preparador do Paradela recoñece a dificultade do reto: «Obviamente non é o resultado que esperabamos; é moi malo. Pero mentres haxa un 1% de esperanza todo pode pasar; a lóxica di que estamos fóra, mais tentaremos agarrar as poucas posibilidades que temos”.

A eliminatoria máis goleadora está igualada

Comezou moito mellor a Milagrosa na casa. No primeiro cuarto de hora conseguiron marcar dous goles. Anxo foi o autor e o gran protagonista do primeiro tempo. Nunha contra o Becerreá meteuse no partido. 

Con todo, na primeira metade marcáronse dous goles máis. Anxo anotou o terceiro para os locais completando o seu hat-trick. No último saque de esquina antes do descanso, o Becerreá marcou o segundo gol. 

No segundo acto, os visitantes melloraron. No tramo final igualou Santín cun gran lanzamento de falta directo. 

Javi Gómez, 2º adestrador do Becerreá da man de Antón Méndez, afirma na previa que as fortalezas dos seus son que «a estatística na casa coa Milagrosa é moi favorable para nós e a recuperación de Kevin que é un xogador fundamental«.

Pola sñua banda, Manuel Couso ten claro por onde pasan as claves para pasar de rolda: “Debemos ser máis constantes no noso xogo, continuar coa liña ofensiva e, sobre todo, estar máis acertados a nivel defensivo. Os tres goles encaixados foron tres erros moi claros nosos”. 

No caso de que algunha das eliminatorias siga igualada cando remate o partido, xogarase unha prórroga de 30 minutos. Se aínda así sigue o empate xogaríase unha quenda de penaltis. Hai que ter en conta que teñen o mesmo valor os goles marcados na casa e fóra.

O Friol, o máis adiantado cara a final polo ascenso

Diario dun mercado. Episodio 331

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *