#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

Pleno de puntos para un Lemos líder

O Trío de Ases Panadería O Cantón da terceira xornada déixanos a un Lemos ata o de agora intratable no grupo sur da Preferente. Os monfortinos venceron a domicilio ao Xuventude Cambados e suman os nove puntos posibles e xa son líderes en solitarios sen encaixar un só tanto. No grupo norte, o Burela sumou a primeira vitoria do curso diante do Dubra na Marosa. O Pol empatou na casa fronte ao Sigüeiro e o Chantada non foi quen de sumar no campo do Carral.

Na Terceira RFEF, o Racing Vilalbés é segundo logo de vencer na Madalena ao Céltiga. A Sarriana colleitou a primeira derrota do curso no campo do Alondras, mentres que o Viveiro segue sen puntuar, e sen marcar, tras caer pola mínima en Cantarrana diante do Arteixo.

O Racing Vilalbés sabe sufrir e vence ao Céltiga na Madalena (3-2)

Sete puntos dos nove posibles para un Racing Vilalbés que xa é segundo na clasficación. Os de Juan Rodríguez souberon sufrir diante dun bo Céltiga e sumaron tres valiosos puntos. No comezo do choque o Racing tivo o balón sen demasiada precisión no pase. Adri Castro abriu o marcador cunha gran definición tras unha transición rápida. A ledicia duroulle pouco aos chairegos. O balón bateu na man de Jose Varela dentro da área e Fran López igualou desde o punto de penalti. Antes do descanso Raúl Melo marcou tras aproveitar un rexeite e o atacante resultou lesionado na mesma xogada.

No segundo tempo o Céltiga tivo o control do balón e buscou o tanto da igualada. Pero foi o Racing quen marcou por medio de Sergio Otero. Non foi o tanto da tranquilidade para os chairegos, xa que, novamente Fran López cun lanzamento desde fóra da área apretou o marcador. No último tramo do encontro Javi Muiño contou con dúas boas ocasións para sentenciar e Álex Santomé resultou determinante ao deter varias accións de perigo dos visitantes.

Excesivo castigo para a Sarriana no campo do Alondras (2-0)

A Sarriana colleitou a primeira derrota do curso na súa visita ao Morrazo. Custoulle aos de Alberto Mariano asentarse no encontro, pero foron mellorando co paso dos minutos e gañando peso na construcción do xogo. Pese a iso, antes do descanso, Manufre atopou a Luismi para facer o primeiro cun bo testarazo no segundo pao.

Tras o paso polos vestiarios, a Sarriana foi cara arriba e comezou a crear máis situacións de perigo. Álex Pérez foi o que tivo a máis clara, pero o seu lanzamento desde a frontal marchou lixeiramente alto. Nos minutos finais, unha contra ben levada por Goitia rematou cun bo control e disparo de Manufre para facer o tanto da sentencia.

A falta de gol penaliza a un bo Viveiro que cae fronte ao Arteixo (0-1)

Segue sen puntuar e tamén sen marcar un Viveiro ao que se está a atrangantar o comezo ligueiro. Malia todo, o cadro celeste amosou unha boa imaxe en Cantarrana nun encontro, con certa dose de polémica, diante dun conxunto chamado a estar na zona alta da clasificación. O primeiro tempo resultou parello, aínda que as principais chegadas á área rival foron locais. Malia todo, xusto antes da pausa para o grolo, adiantouse o Arteixo tras un centro lateral que rematou Frank nun erro da zaga celeste. Antes do descanso, o Viveiro tivo varias opcións moi claras para marcar por medio de Arturo e Dani.

O Viveiro amosou un alto nivel de intensidade no segundo tempo fronte a un Arteixo que intentou xerar perigo nalgunha transición. Os de Marcos Pereiro levaron o peso do partido e chegaron á área rival en numerosas ocasións. A colexiada Zulema González sinalou penalti para os locais logo dunha caída de Junior na área, feito que correxiu o linier por un polémico fóra de xogo previo. A falta de quice minutos para o final, o Arteixo quedou con dez por dobre cartón amarelo a Roi. Os de Noé baixaron o ritmo do encontro e malia todo Rolle e Carlos contaron con opcións moi claras para marcar.

O Lemos vence en Cambados e lidera a Preferente Sur (0-2)

Tres encontros, tres vitorias, cero goles encaixados. O Lemos de Alberto López comeza a tempada con paso firme e xa lidera a táboa clasificatoria da Preferente. Na súa visita a Burgáns, os monfortinos controlaron o arranque do choque. Combinaron ben en campo contrario e froito diso asociáronse Iñaki, Iker e Caden e este último abriu o marcador cu bo tiro cruzado. Co gol en contra, o conxunto local deu un paso adiante e pasou a dominar o xogo, en boa medida grazas ás continuas perdas de balón do Lemos. O Xuventude Cambados estrelouse contra Losada en cada unha das súas chegadas á área rival.

O técnico lemista trocou o debuxo tras o descanso e deu entrada a Dafonte, feito que fixo que os visitantes controlaran de novo o xogo. O dominio fixo que apareceran de novo as ocasións de gol nas botas de Herrero e Iñaki. Este último asistiu ao británico Caden para que anotase o tanto da sentencia. Nos últimos intres Youness e Aragón gozaron de boas ocasións para facer o terceiro.

O Pol suma un punto con sabor amargo fronte a un bo Sigüeiro (1-1)

Segue invicto o Pol logo de igualar no Municipal fronte ao Sigüeiro. O encontro púxose de cara para os de Ramón Labrada aos catro minutos. Marino foi derribado na área e Fito transformou a pena máxima. Ámbolos conxuntos pelexaron polo control do balón nun primeiro tempo moi parello e disputado, aínda que sen demasiadas ocasións de gol.

Tras o intermedio, o encontro seguiu unha tónica semellante que no periodo inicial. Nunha xogada na que o Pol estaba cun xogador menos ao mandar o colexiado saír do campo ao futbolista, malia non recibir asistencia, chegou o tanto do empate visitante obra de Cristian, nunha acción na que os locais reclamaron fóra de xogo. No último tramo do encontro, o Pol asediou a portería rival e contou con ocasións nas botas de Álvaro e Fito, sen acerto cara a portería contraria.

O Burela acada a primeira vitoria na Marosa fronte ao Dubra (3-2)

Chegaron os primeiros puntos para o Burela. Foi na casa fronte ao Dubra nun encontro relativamente cómodo que se lle complicou ao conxunto verde nos últimos intres. Os de Julio Castro realizaron un primeiro tempo moi bo e contaron con numerosas chegadas con perigo á área rival. En dúas delas Yago atinou e puxo en clara vantaxe aos mariñáns.

Saiu ao campo no segundo tempo o Burela coa mesma intención que no primeiro e nunha rápida transición chegou o terceiro tanto, obra de Jairo Campo. Este tanto parecía sentenciar o encontro, pero non foi así. Nun penalti os visitantes recurtaron as diferencias por medio de César. O gol deulle ás ao Dubra que meteu atrás ao Burela por medio do seu xogo por bandas e do balón parado. A falta de tres minutos para o final, tras un centro lateral, Leo fixo o segundo. De aí ata o final, o Burela soubo defender o marcador e non pasou excesivos apuros.

O Chantada non é quen de sumar no campo do Carral (2-1)

Derrota dos de Traste na súa visita a un sorprendente Carral, que é terceiro na clasificación. O Chantada comezou tendo o control do partido fronte a un conxunto que lle cedeu o balón. O cadro vermello foi de máis a menos no primeiro tempo xerando chegadas á porta contraria nos primeiros vintecinco minutos de partido. As perdas de balón chantadinas aproveitounas o Carral para realizar transicións rápidas. Nunha delas Parente fixo o primeiro tanto do encontro.

Nos primeiros minutos do segundo acto, o Chantada sufriu un golpe anímico co segundo tanto local. Noutra contra, Pablo Calviño, encarrilou o choque para o Carral. Malia todo, o conxunto chantadino non baixou os brazos e tentouno ata o final. Pedro logrou recurtar diferencias con sete minutos por diante para o final e os de Traste tiveron un lanzamento ao longueiro para lograr o empate.

Foto de portada: Mariluz Fagín.

Pleno de puntos para un Lemos líder

Pleno de puntos para un Lemos líder