O Cabreiros, o Castro B e o Carballedo aínda non saben en que categoría xogarán a próxima tempada. Remataron a competición regular, pero seguirán pendentes doutras divisións para comprobar se finalmente logran a permanencia. Como máximo baixarían dous deles.
Finalizou a Segunda Rexional e no mes de maio xógase a promoción de ascenso.
Un equipo subirá por grupo. Folgueiro, Iberia, Guitiriz e Cospeito búscano no norte e Friol, Becerreá, Milagrosa e Paradela no sur. Contámolo en #ONoso11AChaira.
O Meira non desacelera nin ao final
Na zona norte a liga rematou co Meira (1º) ascendido e campión. Non baixou os brazos no último encontro no que houbo festa na Lomba e no Tibor. Tres puntos máis ante o Roupar (14º) para rematar a campaña con 69.


Só cedeu tres derrotas o cadro meirego. Na casa só perdeu co Muimenta. Nesta última xornada venceron á par que un dos seus conseguiu unha vitoria individual. Rubén Vidal ‘Seixosmil’ anotou un hat-trick máis para acabar a liga con 25 goles. Tres máis ca Cazás do Cabreiros e Barrera do Iberia.
Con todo, o resultado ao descanso era de empate a un gol. Aguantou ata o segundo tempo o cadro adestrado por Diego Dopico. Aí sentenciaron dous goles máis do ‘Expreso de Seixosmil’.

Cospeito – Folgueiro e Guitiriz – Iberia x 3:
A competición regular rematou pero comeza a fase de ascenso. Catro equipos buscarán subir por esta vía na zona norte. Non houbo cambios de posicións na última xornada e as eliminatorias de semifinais xogaranas o Cospeito co Folgueiro (ida na Fonte e a volta en Boavista) e o Guitiriz co Iberia (ida no Suso Cruz e a volta nas Valgas).

Dáse a casualidade que despois de que xoguen este cruce a dobre partido, os mesmos equipos desputarán a eliminatoria dos oitavos de final da Copa. Será o mércores 17 de maio (festivo das Letras Galegas). Nese caso será a un só partido (Iberia – Guitiriz nas Valgas e Folgueiro – Cospeito en Boavista).
O Folgueiro (2º) rematou a liga na segunda praza a pesar de perder no último encontro. Caeu derrotado no Ventiño ante o Goiriz (16º) no que foi o segundo triunfo da tempada para o cadro vilalbés.
Os pupilos preparados por Manuel Vicente superaron a barreira dos 60 puntos (61 en total). Quedaron a oito do campión e un por riba do terceiro. A diferenza co seu rival do play off foi de seis puntos; aínda que o Cospeito tiña o gol average ao seu favor.
No último encontro, o Goiriz volveu competir como tentou facer na maior parte dos partidos. Estivo acertado o conxunto local cos goles de Nico e Santi Jorquera.
Non así os visitantes, que non tiveron sorte de cara o gol. Só marcou nos últimos intres Aurelio. O atacante e referente do equipo do Vicedo volveu ter minutos logo de estar lesionado a maior parte da segunda volta. Entrou e marcou e verase se pode estar a disposición do míster para a promoción.


En lugar de x3, na outra eliminatoria case deberiamos poñer un x4. É que o último partido de liga tiña axendado un Guitiriz – Iberia. Non obstante, ambos conxuntos tiñan baixas e é previsible que o choque da pasada finde non se pareza moito aos tres que veñen por diante.
O Iberia (3º) deixou a conta redonda en 60 puntos e remata a liga poñéndolle fin a unha xeira de dezaseis encontros sen perder. A nove puntos do líder e cinco puntos por riba do seu rival do play off; aínda que o Guitiriz (5º) con este triunfo si tería o gol average ao seu favor.
Os penaltis marcaron o encontro. No primeiro tempo, Barrera errou nun lanzamento de penalti. No segundo, os locais impúxeronse pola mínima grazas a un penalti transformado por Jose. Cómpre salientar a Miguel Carreira, xuvenil do cadro guitiricense que foi a quen lle fixeron o penalti.
O equipo de San Miguel de Reinante tamén logrou outro mérito individual aínda que tamén é colectivo. Javi Prieto remata como gardamallas menos goleado do grupo. Segundo os datos aportados pola Futgal, encaixou 17 goles en 27 encontros. O cadro adestrado por José Manuel Fdz. Teijeiro tamén queda como conxunto menos goleado con 22 goles recibidos en total.

Pola súa banda, o Cospeito (5°) pechou a fase regular con vitoria. Foi na casa e ante o Alfoz (10°) un rival que se xogaba evitar os postos suspectibles de arrastre.
Houbo ocasións para ambos conxuntos na primeira parte, pero quen tomou a vantaxe de dous goles foron os locais. Xa no segundo tempo ampliou diferenzas o Cospeito por medio do cadete Isma. Debutaba co primeiro equipo e marcou namais entrar un gran gol.
O Alfoz marcaría posteriormente o tanto da honra. A pesar da derrota chegoulle co traballo feito ata o momento para fuxir dos arrastres.
- Ida da fase de ascenso no norte:
Guitiriz – Iberia (dom. ás 17:00h)
Cospeito – Folgueiro (dom. ás 18:00h)
O Xermade remata 6º logo dunha gran segunda volta
Once partidos consecutivos sen perder permitíronlle ao Xermade (6º) vivir as últimas xornadas tranquilo. A seriedade defensiva foi clave xa que en nove deses encontros non encaixou gol. Incluso ata o partido co Meira tiña algunha opción de pelexar ata o final polos postos de privilexio.
No último choque precisamente gañáronlle á Candelaria (8ª) que quedou con cinco puntos menos. O cadro ao que chegou o adestrador Jaime Matouse xa case mediada a tempada estivo moi preto dos postos cabeceiros, aínda que non logrou consolidarse nas posicións de play off.
O duelo do Municipal estivo igualado. Controlárono mellor os locais grazas a un gol que anotaron mediada a primeira metade. O central Fran García desequilibrou a balanza e o marcador xa non se movería.
Entre o Xermade e a Candelaria rematou o Muimenta (7º). O conxunto celeste fixo unha gran primeira volta na que ocupou postos de play off. No segundo tramo da tempada foi de máis a menos. Perdeu as opcións de xogar por subir pero logrou non pasar apuros nun curso de moita incerteza por mor dos arrastres.
Na pasada finde venceu no Cascabeiro ao Celta Barreiros (15º). O cadro local presentouse con once xogadores e rematou con nove por mor dunha lesión e dunha sanción. A tempada presupoñíase moi difícil para o equipo de Barreiros, tal e como contamos no seu momento. Non obstante, agardemos que este sexa o camiño para a súa supervivencia como club.
Loita titánica por fuxir do perigo
A última xornada deixou unha pugna por evitar pasar apuros. A sombra dos arrastres é longa e ata que finalicen todas as divisións non se vai saber o número exacto de descensos na Segunda.
Predeciamos a semana anterior que un empate lles podería valer ao Cabreiros (11º) e a Comercial (9ª) no seu duelo directo e foi así, pero a medias. Logo dun partido tolo no que igualaron a catro goles, a Comercial conseguiu a salvación despois de ascender o ano pasado.
Pola súa banda, a permanencia do Cabreiros aínda non é segura. Dependerá de que a consiga o Ribadeo na Preferente. Ou no caso de que baixe o conxunto da beira do Eo, que o equipo que arrastre na Primeira sexa da zona sur (Lourenzá e Monterroso manteñen unha loita activa nesa praza).
Houbo emoción, polémica e moitos goles na Acea ata o minuto final. Adiantáronse os locais, pero ao descanso gañaban os visitantes. O Cabreiros marchou ao tempo de lecer con dous xogadores menos por expulsión e a Comercial perdeu a outro polo mesmo efecto.
No segundo tempo, Marcos Novo igualou a contenda. A Comercial conseguiu dous goles máis mentres xeraba ocasións. Na recta final, o Cabreiros con previo aviso, marcou o terceiro e nos últimos intres anotaría de Novo Marcos par o 4-4 definitivo.
Entre a Comercial e o Cabreiros sitúase o Alfoz (10º). O cadro alfocense está salvado por ser o mellor no triplo empate na táboa co Cabreiros e o Castro B.
A permanencia logrouna logo de que a Residencia tamén conseguira un triunfo moi importante a pasada finde. Se contamos os puntos de xeito directo, o cadro da Cheda non tería a salvación matemática; a cantidade de equipos que hai polo medio e os duelos directos pendentes fan que lle sería imposible descender por hipotéticos arrastres.
O Castro B (12º) conta cunha vida extra logo de superar ao Fonsagrada (13º) noutro duelo directo da xornada. O filial vermello baixará no caso de que descenda o Lemos xa que con toda probabilidade arrastraría ao Riotorto.
Aguantou na primeira metade o Fonsagrada, pero logo os pupilos preparados por Castro amosaron a súa superioridade. Luciuse Noé con tres goles dentro dun gran partido coral e combinativo de todo o equipo.
- Clasificación parte media – baixa zona norte:
10º Alfoz 37 pts. (salvado pola consecución da permanencia por parte da Residencia)
11º Cabreiros 37 pts. (descenderá no caso de que baixen o Lemos e o Ribadeo e arrastren a dous equipos da zona norte da Primeira)
12º Castro B 37 pts. (descenderá no caso de que baixe o Lemos e arrastre a un equipo da zona norte da Primeira)
13º Fonsagrada 33 pts. (descendido por arrastres)
14º Roupar 30 pts. (descendido por arrastres)
15º Celta Barreiros 10 pts. (descendido por arrastres)
16º Goiriz 8 pts. (descenso directo)

O Friol remata con gran sabor de boca ante o Guntín
Na zona sur, o Guntín (1°) rematou a liga como equipo ascendido e campión. Non obstante, os dous últimos encontros foron de derrota. Perdeu o mesmo nas últimas dúas xornadas ca en toda a temporada. Finaliza a liga con 66 puntos, tres máis ca o Friol (2°).
Precisamente o Friol foi o que lle levou os puntos na última xornada do Ladairo. O choque entre os que demostraron ser os mellores conxuntos da categoría resolveuse na recta final. Os locais quedaron cun menos por expulsión e iso condicionou os últimos minutos. O Friol aproveitou ben esa circunstancia para chegar en plenitude á promoción de ascenso.
Becerreá, Milagrosa e Paradela cumpren para entrar na fase
Foi unha xornada de alta voltaxe na zona de privilexio. Principalmente no duelo directo do Baliño. O Ferreira (6°) e o Becerreá (3°) xogaban entre si sabendo que o que lograra os tres puntos entraba na loita polo ascenso.
O cadro dirixido por Antón Méndez e Javi Gómez púxose por diante no marcador. Os locais quedarían cun futbolista menos por expulsión. Aínda así, seguiron buscando a igualada.
Ao pouco de comezar o segundo acto, o Becerreá marcou un tanto máis. No tramo final o Ferreira anotou un gol e buscou o empate que non chegou.

O Becerreá xogará na fase coa Milagrosa (4ª). O conxunto de Frigsa derrotou ao Carballedo (14º) nun partido con moito en xogo para ambos.
A Mila tomou vantaxe moi cedo, aos seis minutos. Antón rematou de cabeza un saque de esquina. Tivo a opción para empatar o cadro local, pero Gallego marcou o segundo de novo nunha xogada de estratexia. Antes do descanso Pajón anotou o terceiro.
Xa no segundo tempo, non tardaría en sentenciar o conxunto visitante. Anxo marcou o cuarto logo do pase de gol de Nano.
O Friol xogará nas semifinais co Paradela (5°). O grupo do Gandarón superou na última xornada ao Brollón (9º) con claridade. Iso si, tivo un gran susto na lesión de Alejo. Sufriu un desprazamento de rótula nunha acción só e tivo que vir a ambulancia por el ao campo.
O encontro estivo parado un bo cacho cando se levaba xogado ao redor dun cuarto de hora. Maza tivo dúas boas oportunidades antes de deterse ao xogo, pero a partir de aí os locais tentaron sentenciar canto antes. Adiantáronse ao pouco da reanudación, aínda que os visitantes lograron igualar por medio de Pablo Tourón.
Antes do descanso, o Paradela puxo o segundo no marcador. Era o segundo tanto no día de Romy que marcou outros dous máis no segundo tempo. Remata a liga como máximo goleador do grupo con 27 goles; ‘pichichi’ tamén da Segunda Rexional lucense.
O Paradela chegou a ir gañando 5-1. O Brollón aínda maquillou o resultado cun gran gol de Pablo Tourón dende fóra da área, o seu segundo tanto da tarde.
- Ida da fase de ascenso no sur:
Milagrosa – Becerreá (dom. ás 17:00h)
Paradela – Friol (dom. ás 18:00h)

O Oural quedou sen opcións logo dunha segunda volta irregular
O Oural (7°) tiña aínda opcións de entrar na zona de privilexio na última xornada pero dependía dos demais. El non pasou do empate ante un Río Sil (15°) que se xogaba evitar o arrastre ao que finalmente se ve condenado.
O San Lázaro finaliza a liga 8°, encabezando a zona media
O San Lázaro (8°) acaba a competición con 46 puntos. Venceu no Sangoñedo ao Chantada B (12°) que xa tiña a salvación asegurada.
A pesar de que ambos equipos non se xogaban cousas importantes, houbo cinco goles en total. O partido e, finalmente, o resultado foron axustados pero con triunfo visitante.
O Brollón é o noveno clasificado ao que lle seguen o Sporting Lucense (10°) e o San Roque (11°). Ambos conxuntos xogaron entre si na última xornada empatando a un gol.
Só había o obxectivo dos tres puntos no derbi capitalino. Tentouno o San Roque incluso enviando un balón o pau pero o gol non chegou ata os últimos minutos.
Marcou Corbelle a pase de Emilio o que en principio será o seu último gol no fútbol sénior provincial. O xogador todoterreo conta con colgar as botas. Antes de rematar, Jul anotou o gol do empate.

O Lemos B salvado, o Carballedo pendente e o Río Sil descendido
O Lemos B (13°) logra asegurar a salvación despois da súa vitoria co Corgo (16°). Queda fóra de calquera perigo por posible arrastre.
Foi un encontro igualado no Municipal. Finalmente decantouse a favor do filial grazas a un gol anotado ao pouco de comezar a segunda metade.
O Carballedo (14°) non puido sumar puntos ante a Mila pero aínda así mantén moitas esperanzas de salvación. A priori, lograría a permanencia se o Ribadeo se salva en Preferente.
No caso de que baixe o conxunto da beira do Eo, que o equipo que arrastre na Primeira sexa da zona norte (Lourenzá e Monterroso manteñen unha loita activa nesa praza).
O Río Sil acabou a liga na penúltima posición e descende pola cadea de arrastres que tamén vai provocar o descenso do Antas (independentemente de finaliza en postos de descenso directo ou non).
